A guerrilla editorial

“Hai xa tres anos, un grupo de pequenos editores, coa característica común de residir na capital galega, xuntábanse para compartir gastos e organizar algunha actividade. Resultado deste encontro, Editores de Compostela está amosar nos últimos meses unha destacada creatividade á hora de achegar o libro aos lectores, con propostas como o Outlet do libro ou o Exprés Literario. A semente do colectivo, composto na actualidade por Edicións Positivas, Alvarellos, Sotelo Blanco e Urco, xurdiu no maxín de Francisco Macías, de Positivas. “Eu fixen un chamamento hai xa catro ou cinco anos no seo da Asociación Galega de Editores para contactar cos outras firmas de Compostela, fundamentalmente con vistas a compartir gastos como os de hotel ou transporte para irmos a feiras”, explica Macías. “Ao final a xuntanza non se daba feito, e hai cousa de tres anos conseguín reunirme con Quique Alvarellos e Chelo de Sotelo Blanco e botámolo andar. Despois coñecín a Tomás de Urco, que se sumou ao proxecto. A convocatoria segue aberta se alguén máis se quere integrar”, puntualiza. Henrique Alvarellos, pola súa banda apunta que “aínda que os integrantes, por dicilo dalgún xeito, somo catro, sumamos colaboracións puntuais con outros selos da cidade, e estamos abertos a aproveitar sinerxias a nivel de comunicación ou de asistencia a feiras”. (…)”. Desde Cultura Galega.

Continúa a recuperación da obra literaria de Gonzalo López Abente

“Con só un ano de actividade, a Fundación Gonzalo López Abente está a lograr unha visibilidade inédita da obra deste escritor muxián. Deste xeito, a entidade acaba de anunciar que asinou a un acordo coa editora Espiral Maior para tirar do prelo a poesía completa deste autor en 2013, a coincidir co 50 seu cabodano. A edición farase na colección Ópera Omnia e será coordinada por Miro Villar. Xa este mesmo ano, Xerais publicará A narrativa mariña de Gonzalo López Abente, un volume que recolle seis relatos do escritor canda a un estudio de Xesús Sambade. Estas publicacións súmanse aos do poemario Bretemada, que da man de Alvarellos é finalista aos Premios da Edición deste ano.” Vía Cultura Galega.

A Coruña: presentación de Bretemada, de Gonzalo López Abente

O venres 20 de xaneiro, ás 20:00 horas, na Real Academia Galega (Rúa Tabernas, 11), na Coruña, terá lugar a presentación do poemario inédito Bretemada, de Gonzalo López Abente,  publicado por Alvarellos editora. No acto, coorganizado pola Fundación Gonzalo López Abente, intervirán X. H. Rivadulla Corcón, Xosé Luís Axeitos, Olivia Rodríguez, Miro Villar e Henrique Alvarellos. Crónica posterior en La Voz de Galicia.

Recoñecemento internacional para tres libros de cociña

“O libro coordinado por Yolanda Castaño Cociñando ao pé da letra, coas fotografías de Andrea Costas, vén de ser nominado aos prestixiosos GOURMAND WORLD COOKBOOK AWARDS 2011, uns premios que recoñecen os mellores libros de cociña editados do mundo. A categoría na que se conseguiu a nominación é na de Best Cookbook Photography, algo que non nos sorprende pois ademais da altura das literarias receitas que os cociñeiros escribiron, o traballo de Andrea Costas brilla por si mesmo. Os resultados anunciaranse o mércoles 6 de marzo de 2012 no teatro Les Folies Bergère de Paris. Por outra banda, o segundo dos libros de Benigno Campos, Novas receitas da cociña de Larpeiros está entre os finalistas na categoría de Best TV Celebrity Western Europe.” Vía Galaxia. Desde a Asociación Galega de Editores informan que a obra Guía secreta da gastronomía de Galicia: Lugo de Miguel Vila Pernas, publicada o pasado mes de agosto por Alvarellos Editora, foi recoñecida como Mellor guía de viaxe gastronómica e competirá agora na fase final do concurso onde se medirá cos gañadores da mesma categoría doutros países e linguas.

Caldebarcos, Carnota: II Simposium Monte Pindo, o sábado 3 de decembro

O sábado 3 de decembro, no Centro Social de Caldebarcos, terá lugar o II Simposium Monte Pindo, baixo o título O Olimpo Celta, a debate, organizado pola Asociación Monte Pindo Parque Natural. O programa é o seguinte:

– 10:00 h. Inauguración, por César Cambeiro, presidente da Asociación de Veciños Xurde Caldebarcos.
– 10:30 h. Ponencia A custodia do territorio, por Margarita Miguens Busto, da Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA).
12:00 h. Presentación do libro Máxico Tear Natural, polo escritor Xosé Manuel Lobato, publicado en Alvarellos, que ao remate asinará exemplares.
– 13:00 h. Ponencia Anfibios e réptiles de Galicia e do Monte Pindo por Moisés Asensi Cabirta, membro da Sociedade Galega de Historia Natural e autor da Guía dos anfibios e réptiles de Galicia.
– 14:00 h. Xantar.
– 17:00 h. Proxección en estrea do documental Sendeiros ocultos: Ruta á Moa, por Andrés López Romero, director.
17:30 h. Recital poético por Xoán Lestón.
– 18:00 h. Ponencia por Xoán Ramón Vidal Romaní, xeólogo e director do Instituto Univ. de Xeoloxía Isidro Parga Pondal.
– 19:00 h. Debate aberto.
– 20:00 h. Saúda por Ramón Noceda Caamaño, alcalde de Carnota.
– 20:30 h. Clausura por Xilberto Caamaño, presidente da Asociación Monte Pindo Parque Natural.

Para máis información e participar no xantar, cómpre anotarse ata o 2 de decembro no teléfono 667 39 31 73.

A Coruña: presentación de A bordo dun barco sen luces, de Luz Pozo

O xoves 1 de decembro, ás 20:00 horas, na Fundación Nova Caixa Galicia da Coruña (Cantón Grande 21-24, baixo), preséntase o libro A bordo dun barco sen luces. O mundo poético de Luís Pimentel, de Luz Pozo Garza, publicado en Alvarellos. No acto intervirán, xunto á autora, Román Raña, Olivia Rodríguez-Tudela, María Xesús Piñeiro e Henrique Alvarellos.

Boqueixón: presentación de Máxico tear natural, de Xosé Manuel Lobato

O domingo 30 de outubro, ás 13:00 horas, no Local Social de Lestedo (Boqueixón), preséntase o libro Máxico tear natural, de Xosé Manuel Lobato, publicado en Alvarellos Editora. No acto, acompañando ao autor, intervirán Adolfo Gacio, Ovidio Rodeiro, José Iglesias e Henrique Alvarellos.

Muxía: presentación do poemario inédito Bretemada, de Gonzalo López Abente

O sábado 22 de outubro, ás 20:00 horas, na Casa do Voluntariado (Rúa Camposa, s/n.) de Muxía, preséntase o poemario inédito Bretemada, de Gonzalo López Abente, publicado conxuntamente pola Fundación López Abente e a Editorial Alvarellos na Colección Rescate. No acto participan Félix Porto, Xosé Luís Méndez Ferrín, Miro Villar, Olivia Rodríguez e Henrique Alvarellos. Reseña posterior en La Voz de Galicia.