A Coruña: actos literarios destacados do sábado 2 na Feira do Libro

OFederación de Librarias de Galicia sábado 2 de agosto continúa a Feira do Libro da Coruña (nos Xardíns de Méndez Núñez, con horario de 11:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 horas), cos seguintes actos literarios destacados nese día:

Sábado 2
18:00 h. Eli Ríos asinará exemplares do seu libro Anamnese na caseta de Consorcio Editorial.
18:30 h. Rosa Aneiros firma na caseta de Libraría Pedreira.
19:00 h. Eva Veiga e Isabel Pintado asinarán na caseta de Editores Coruñeses.
19:00 h. A escritora Rosa Aneiros presenta Ámote, Leo, publicado por Edicións Xerais de Galicia. Xunto coa autora, participará no acto Manuel Bragado.
19:00 h. Manuel Mandianes asinará Viaxe sen retorno na caseta de Consorcio Editorial.
19:00 h. María Reimóndez firma na caseta da Libraría Pedreira.
19:00 h. O ilustrador David Pintor asinará Brinca vai! e outras obras publicadas por Kalandraka
19:00 h. O escritor Henrique Dacosta asinará exemplares do seu libro Entrada ao xardín do saber, na caseta da Libraría Cartabón.
19:45 h. Presentación do libro A alternativa está aquí, de María Reimóndez, publicado por Xerais. Participa no acto Manuel Bragado.
20:30 h. O xornalista Pemón Bouzas fará a presentación do seu libro A voz do vento, publicado por Xerais. Acompaña ao autor Manuel Bragado.
21:15 h. Presentación do libro Contos do mar de Irlanda, de Xurxo Souto, publicado por Edicións Xerais. Participa no acto Manuel Bragado.

Eli Ríos recolle en Fornelos o premio Lueiro Rey nun acto de homenaxe ao escritor

Desde Sermos Galiza:
“A Asociación de Veciños O Cruceiro da Laxe e o Concello de Fornelos de Montes organizan o acto de entrega da segunda edición do Premio de Poesía Lueiro Rey no que será unha nova homenaxe ao escritor no concello no que naceu. A poeta Eli Ríos recitará algunhas das composicións de Anamnese, o título polo que recibirá o segundo premio Lueiro Rey de poesía. Canda ela, Silvia Penas, anterior gañadora e Elvira Riveiro, participarán no acto literario no que tamén intervirán Mercedes Queixas, voceira do xurado e secretaria da AELG, ademais de Ramón Nicolás, coordinador do volume colectivo sobre o escritor e o presidente da RAG e amigo de Lueiro, Xesús Alonso Montero.
A xornada comezará o domingo día 27 ás 11:30 h. coa inauguración da rúa Lueiro Rey no seu concello natal, nun acto especial xa que é a primeira ocasión na que en Fornelos se lle pon o nome do escritor a un espazo público.”

Eli Ríos: “Non me interesa o discurso de continuo lamento sobre as mulleres, ese estar sempre queixándonos do mal que está a vida”

Entrevista de Montse Dopico a Eli Ríos en Magazine Cultural Galego:
“(…) – Montse Dopico (MD): Maria fálanos de Maria Soliño, personaxe ben coñecido pola música (Luar na Lubre), polo poema de Celso Emilio… A biografía de Encarna Otero, e se cadra tamén Tres mulleres galegas de armas tomar foron mudando o xeito de contar a súa historia. De que maneira quixeches achegarte ti á vida de Maria Soliño?
– Eli Ríos (ER): Desde a reapropiación. Retomar a historia individual nos seus trazos máis colectivos para resaltar que aínda nos queda moito por andar e por mellorar na interacción entre os humanos. Traela ao futuro, de hoxe e de mañá, coa posibilidade de que, desta vez, “os duplos seis”(páxina 70) dos dados sexan para Maria Soliño. Non me interesa o discurso de continuo lamento sobre as mulleres, esa imaxe de estar sempre queixándonos de que mal está a vida. Se non che gusta algo, cámbiao! Cal é o problema? Que esixe un esforzo pola túa parte? Pois si! A outra opción é deixarse ir no proceso de anestesia colectiva tan de moda ultimamente… (…)
– MD: Aínda que son poemarios distintos, hai algunha conexión entre Anamnese e nós escoitando o badalo de marienplatz, como a importancia do cotián. Cal pode ser ese nexo?
Os nexos entre poemarios é algo do que se preocuparán outras persoas e non eu. Estou demasiado próxima aos textos como facer esta reflexión. En todo caso, non o vexo. Creo que buscar relacións entre os dous poemarios é reducionista, vontade de etiquetar e meter todo nun mesmo caixón para que non nos molestemos en pensar. A etiquetaxe xeralizadora non é un lugar onde me sinta cómoda.
nós escoitando o badalo de marienplatz é un poemario iniciático no que unha voz feminina conta o que sente ante unha ruptura sentimental. Anamnese ten múltiples voces poéticas nas que se reflexiona sobre a definición do tempo. O nexo? Non o vexo pero se alguén mo demostra empiricamente estou disposta a valorar esta opción. Na actualidade estamos moi acostumados a que unha autora, ou un autor, encontre a “fórmula” que funcione no mercado e que o estilo sexa recoñecíbel e, inclusive, que o esteamos esperando. No meu caso, como non vivo da literatura e tampouco teño compromiso de publicar quince libros por ano podo permitirme desfrutar co que escribo e cambiar de voz poética ou arriscar o que me apeteza e non pasa nadiña de nada. (…)”

Eli Ríos: “Interésame que a poesía provoque o pensamento”

Entrevista de Carme Vidal a Eli Ríos en Sermos Galiza:
“(…) – Sermos Galiza (SG): Que hai detrás dun poemario que se titular Anamnese?
– Eli Ríos (ER): Está tomado polo lado da Filosofía. Pensamos que a poesía é algo impreso no libro mais a poesía é tamén algo que levamos dentro e temos que sacar. Trátase de poesía narrativa na que dúas persoas se encontran e unha pensa que xa coñecía a outra e vanse dando circunstancias particulares que fan saír o coñecemento. O argumento dá pé a que o eu lírico fago ese proceso de chegar ao coñecemento que hai dentro. (…)
– SG: En María, recén publicado e gañador do Premio de Poesía Figurante, a súa vontade era recuperar a memoria dunha muller, María Soliña, sempre contada por homes, a través dunha voz feminina.
– Eli Ríos (ER): Estamos nunha sociedade na que a Lei Wert está a facer idiotas funcionais, aprenderemos a ler e sumar mais pouco máis. Non se procura a curiosidade, que nos fagamos preguntas, a investigación. Na literatura acontece o mesmo, os éxitos de venda son libros que non fan pensar, que nos queren sumir na amnesia colectiva. Estamos a quedar sen recursos nas aulas. O enfoque do libro é dirixirse ao lector e dicirlle: espabila, que non che vou dar todo feito! Interésame que a poesía provoque o pensamento. Non quero dar respostas senón que se fagan preguntas.
– SG: A poesía pode loitar contra esa amnesia colectiva?
– ER: Todo libro que faga pensar, aínda que só sexa un verso contribúe a que espertemos. Os poemas do libro comezan cunha cita dun autor que me leva a escribir, ese poeta conseguiu que participase activamente na literatura, no proceso doutra persoa. A min gustaríame que co meu libro acontecese iso.
– SG: Vostede é unha das autoras que participa no portal de crítica literaria feminista A Sega que fai agora un ano. Que significou a súa creación?
– ER: Pois que era necesario. Estamos a falar de leis que nos impiden ser donas do noso corpo e na literatura acontece o mesmo. Os grandes críticos son voces masculinas. Cando unha escritora como Fina Casalderrey entra na Academia é como un fito: “entrou unha muller”, dicían, e nin se fala da súa traxectoria e todos os méritos que ten. Seguimos nese estado en que as voces femininas, e non só as galegas, están sempre vistas desde o punto de vista do home, xa que os críticos son masculinos. Nós quixemos darlle voz ás escritoras que non saen na prensa, que non están na Academia, que están invisibilizadas. (…)”

Eli Ríos gaña o II Premio Manuel Lueiro Rey de Poesía

Desde o blogue Criticalia, de Armando Requeixo:
“Na tarde do xoves 6 de marzo tiven o pracer de compartir xuntanza coa amiga Carmen Carreiro, presidenta da Asociación Cultural O Cruceiro da Laxe, e mais os colegas Mercedes Queixas Zas e Luís Cochón Touriño, cos que formei parte do xurado do II Premio Manuel Lueiro Rey de Poesía.
Nunha xornada intensa na que deliberamos por espazo de dúas horas, decidimos outorgar por unanimidade o galardón ao traballo que se nos presentara baixo o título de Anamnese e o lema Carlos Casa Ares. Malia cadrarmos todos a unha na votación final, non foi doado chegar ata esta, pois foron nada menos que corenta os orixinais presentados, o que, nun certame que celebra agora apenas a súa segunda convocatoria, dá idea do éxito de participación.
Avanzando na escolma das moi diversas e interesantes propostas que se nos remitiron, chegamos a este Anamnese que, unha vez aberta aplica, resultou ser da autoría de Elisabet Ríos Liste (1967), máis coñecida como Eli Ríos, poeta de nacenza londiniense, criada en Ordes e radicada na Coruña, ben familiar para os seguidores do verso galego, pois é autora que ten publicado xa valiosas contribucións, como as tituladas nós escoitando o badalo de Marienplatz (2010) —que foi Premio de Poesía do Concello de Carral—, o traballo en coautoría Rúa da Cancela (2010) —distinguido tamén no Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas— e, aínda recentemente, Maria (2013), que foi merecente do I Premio de Poesía O Figurante.
Anamnese vén sumarse, pois, a unha importante lista de obras galardoadas que confirman a Eli Ríos como unha das voces máis presentes da actualidade poética galega, onde é igualmente apreciada pola súa participación en volumes colectivos, a impartición de obradoiros de escrita, o seu labor como contacontos infantil e mesmo as achegas críticas á revista dixital A Sega.
Tal como reflectimos na acta do xurado deste certame patrocinado polo Concello de Fornelos de Montes (terra natal do autor que lle dá nome), o poemario co que Eli Ríos se fixo acredora do II Premio Manuel Lueiro Rey de Poesía salienta pola súa capacidade para a elaboración dunha linguaxe nova coa que comunicar un vizoso mundo creativo onde se procura abrir o discurso poético a rexistros alternativos que beben de moi diversas fontes. Tamén si, por esa habelenciosa mestura na que a revelación do cotián e as pegadas do amoroso conviven e establecen un diálogo coa escrita de múltiples autores tanto galegos coma foráneos. (…)”