Desde Sermos Galiza:
“O escritor Xavier Queipo acaba de ser distinguido co XI Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas por un poemario intitulado O Home Invisíbel.
O xuri do certame reuniuse na Coruña a pasada sexta feira e estivo composto por, na súa calidade de presidente, Francisco Souto, secretario da asociación cultural Caldeirón, ben como polo gañador da edición anterior, Mário J. Herrero, e por Antón Lois Noceda, animador sociocultural do concello de Malpica, que actuou como secretario.
Un total de 19 obras concorreron a este premio.
O fallo do xuri foi emitido por unanimidade e nel valorouse “a perfeita estructura do libro con elementos recurrentes en formación de bucle. Así como o coidado uso da lingua a fornecer unha intensa e heterodoxa carga erótica”.
Convocou este premio a Asociación Cultural Caldeirón, coa colaboración do concello de Malpica.”
Arquivos da etiqueta: Antón Lois Noceda
Fallado o VIII Certame de poesía erótica Illas Sisargas
Desde Que pasa na Costa e Portal Galego da Língua:
“Este pasado sábado, a Casa da Vasca de Barizo acollía a Cea das Letras, organizada pola A. C. Caldeirón coa colaboración do Concello de Malpica de Bergantiños, e que serviu para facer público o fallo do VIII Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas.
Antes, o acto tivo dous puntos de interese. José Estévez acudiu como autor invitado e puido presentar o seu libro Flirteando no Feisbu. Ademais, e como cada ano, o acto serviu para presentar a obra gañadora do VII Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas. A obra escollida o ano pasado, e premiada coa súa edición, é Chamádeme Eva, da escritora Mercedes Leobalde García.
Despois da súa intervención o xurado, composto pola propia Mercedes Leobalde García, o animador sociocultural do concello Antón Lois Noceda Carballo, e o Presidente da A. C. Caldeirón, Francisco Quiroga López, deron conta do fallo.
Logo de ver as 15 obras presentadas e despois de deliberar sobre as características de cada unha delas, seleccionaron a que leva por título Dominio Público que resultou ser do escritor Ramón Neto.
A obra, que alterna poemas en verso con prosas poéticas, presenta ademais un léxico rico e variado que se atreve ata coa astronomía e os corpos celestes, un calidoscopio de puntos de vista no eu lírico e frecuentes xogos cómplices co lector nos que se funden e confunden literatura e “realidade”. Todo o dito fai de Dominio público un poemario dunha gran modernidade, variado, fresco e enxeñoso sen renunciar con todo a certas referencias culturais, cinéfilas e pictóricas- e dunha notable calidade literaria.
Tamén o xurado propuxo igualmente unha mención para o poemario presentado co título Ode à Madison Ivy e outras coisas de meter, da escritora Verónica Martínez Delgado.”
Mercedes Leobalde faise co VII Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas
“O sábado 10 de novembro, na Casa de Turismo Rural Casa Arpón de Malpica, tivo lugar a Cea das Letras organizada pola A. C. Caldeirón coa colaboración do Concello de Malpica de Bergantiños. Durante este acto presentouse a obra gañadora do VI Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas, Carnia Haikai da escritora Elvira Riveiro Tobío e deuse a coñecer o fallo do xurado do VII Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas. O xurado deste Certame, composto por Elvira Riveiro Tobío, Antón Lois Noceda Carballo e Francisco Souto Barreiro, logo de ver as trece obras presentadas e despois de deliberar sobre as características de cada unha delas, seleccionaron a obra titulada Chamádeme Eva, que resultou ser da escritora coruñesa Mercedes Leobalde García.
Chamádeme Eva estrutúrase en catro partes que se corresponden a diferentes momentos vitais dunha muller chamada Eva, sen mazá nin serpe. Nas primeiras dúas partes observase un forte contido erótico deixando para a terceira e a cuarta a presenza do desamor e a morte, fantasticamente personalizada na presenza do lobo. Un léxico claro, sinxelo, eficiente, un uso coidado da lingua e fermosas imaxes seduciron ó xurado para outorgarlle este premio.
Mercedes Leobalde García nace no ano 1967. Licenciada en Filoloxía Galego-portuguesa adícase á docencia, labor que compaxina co de tradución. Actualmente traballa no Equipo Lingüístico do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. A finais do 2011, o seu paso polo obradoiro de escritura de Antía Otero intensifica o seu traballo literario. Animada a presentarse a certames literarios pola propia Antía, neste ano 2012, acada o 2º premio do Certame Ánxel Fole, cun relato titulado Fáltasme e 1º accésit no Manuel Murguía coa obra Taxi driver.” Desde Fervenzas Literarias.