O martes 29 de xaneiro, ás 20:00 horas, en Alita Cómics (Rúa Orzán, 94) da Coruña, terá lugar a presentación e sinatura de exemplares de Cartas de inverno. Novela gráfica, de Antonio Seijas, publicada por Xerais. No acto, xunto ao autor, participa Manuel Bragado.
Arquivos da etiqueta: Antonio Seijas
Entrevista no Eirado a Antonio Seijas, autor de Cartas de inverno
“O programa da TVG Eirado, que dirixe o xornalista e escritor Pemón Bouzas, emitiu unha entrevista con Antonio Seijas, autor da novela gráfica Cartas de inverno, baseada na novela homónima de Agustín Fernández Paz.” Desde Xerais.
Ares: presentación de Cartas de inverno, de Antonio Seijas
O xoves 29 de novembro, ás 20:00 horas, na Alianza Aresana (Rúa María, 11) de Ares, preséntase a novela gráfica Cartas de inverno, de Antonio Seijas, baseada na obra homónima de Agustín Fernández Paz, publicada en Xerais. No acto, xunto aos autores, participa Julio Ignacio Iglesias Redondo e Manuel Bragado.
Entrevista a Antonio Seijas en Radiofusión
“O debuxante aresán Antonio Seijas plasmou en banda deseñada a novela de Agustín Fernández Paz. O premiado escritor confesoulle que o anuncio da prensa sobre o que xiran as Cartas de inverno fora real. Como tamén é real, unha casa de indianos de San Martiño do Porto que ilustra a portada das primeiras edicións do libro. A acción desta novela de medo que comeza cunha cita de Lovecraft, localízase en Doroña en Vilarmaior. Agustín Fernández Paz falaba en 1995 en Radio Fene das dificultades de transmitir o medo a través dunha novela. Iso era máis doado nos tempos da Santa Compaña, cando non había luz eléctrica. Antonio Seijas falou tamén das diferencias entre 1995 e o momento de hoxendía. Pasaron 17 anos e daquela non había Internet nen teléfonos móbiles. A novela gráfica utiliza a linguaxe da banda deseñada para transmitir desacougo. (…)
A entrevista completa pódese escoitar ou descargar aquí.” Desde Radiofusión.
Cartas de inverno e un lapis dixital
Reportaxe en Praza:
“(…) As orixes do proxecto [Cartas de inverno] agroman cando Antonio Seijas recibe o encargo de Xerais de ilustrar a cuberta para a vixésima edición de Cartas de inverno. “Dende o primeiro intre saltoume a idea de debuxala. Cativoume a súa ambientación, a súa estrutura a xeito de matrioskas rusas, a historia dentro da historia… É unha obra redonda”. (…)
Toda a interpretación é responsabilidade da lectura do debuxante: o contorneo da ficción, o traslado da atmosfera. Preocupáballe non deixar escapar as sensacións. “Dáme un pouco o mesmo se unha man está máis ou menos perfilada ou se unha liña non vai tan recta como debera. O que precisaba é que unha páxina transmitira tristura ou desacougo, frialdade ou soidade…”. El quería repartir emocións a través das imaxes e non é doado. “Non é o mesmo a linguaxe escrita que a linguaxe verboicónica propia da banda deseñada –sinala Fernández Paz-. E, aínda que nos textos Seijas vai moi pegado á novela, reproducindo en moitos casos anacos textuais, o certo é que as imaxes e a montaxe da páxina xogan un papel decisivo”. De feito, no limiar do álbum, feito polo propio escritor, dísenos que o resultado era ese que Seijas buscaba: “A tensión creada coas palabras trasládase ás imaxes e á montaxe das viñetas. Os estados de ánimo atopan a súa correspondencia na paleta de cores utilizada polo autor”. (…)”.
Antonio Seijas: “Non son moi amigo das adaptacións, pero isto apetecíame desde que lin o libro”
Entrevista a Antonio Seijas en Galiciaé:
“Antonio Seijas é un debuxante de banda deseñada que vén de levar ao cómic a novela Cartas de Inverno, de Agustín Fernández Paz. Unha obra gráfica que, prologada polo escritor, verá a luz este outono.
– Galiciaé (G): ¿De cal dos dous foi a idea, de Fernández Paz ou súa?
– Antonio Seijas (AS): A idea foi miña. Hai uns anos encargáronme as cubertas dunha nova edición do libro e, mentres as facía, dinme de conta de que sería unha gran idea levar esa historia á banda deseñada. Con todo, fixen as cubertas e esa idea quedou aparcada por un tempo. Ao ano seguinte, coincidín con Agustín no xurado do Premio Castelao, que eu gañara o ano anterior; comenteillo e gustoulle a idea. Cando tiven un oco para levalo adiante, puxémonos a con el.
– G: Semella que as historias de Fernández Paz teñen unha aura mística que, de por sí, evoca á imaxinación. ¿Facilita o traballo, por así dicilo, este tipo de narrativa?
– AS: Xustamente, o feito de ter esa mística especial e de ser tan subxectivo dificulta o traballo do debuxante, porque é moito máis difícil coincidir coa imaxe mental que cada un se crea da historia, chegar a un punto en común co lector. Eu interpreto o libro, como todos.
– G: ¿Como é o proceso? Cando le o libro un imaxina as imaxes, pero ¿rematan sendo esas figuras o poducto final, feito cómic, ou termina por facer algo totalmente diferente?
– AS: Neste caso, volvín ler o libro para facerlle as imaxes na cuberta. Si mo estaba imaxinando, pero non estaba pensando en levalo ao cómic: unhas figuracións e outras sempre son diferentes. Cando me puxen en serio a fabricar a novela en banda deseñada, tiven que lela moitas máis veces. Aí si fun pensando como plasmala. (…)”.
“Cartas de inverno ten algo especial, e eu síntome privilexiado por levalo a imaxes”
Entrevista a Antonio Seijas en Dioivo:
“Cartas de inverno, o coñecido libro de Agustín Fernández Paz, terá unha versión en banda deseñada, editada por Xerais, que sairá do prelo o próximo outono. Falamos con Antonio Seijas, o ilustrador que se está a encargar deste proxecto.
– Dioivo: Primeiro, como xorde o proxecto de pasar a banda deseñada Cartas de inverno. Foi un encargo da editora?
– Antonio Seijas: Escribín unha introdución no album para explicar como foi xurdindo todo. En líneas xerais podo dicir que foi cousa miña. Anos atrás Xerais encargoume a cuberta para unha nova edición do libro, e desde entón levaba dándolle voltas á idea de facer unha adaptación a banda deseñada. A partir de aí foi cuestión de comentarllo a Xerais e máis a Agustín, que sempre estiveron a favor da idea, e ir atopando tempo para facelo. (…)”