Coñécense os gañadores do II Certame de Relatos O lugar onde vivo

Desde ADEGA:
ADEGA e o delegado de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo, Mario Outeiro, entregaron os premios do II Concurso Fotográfico Fotografías polo territorio, do II Certame de Relatos O lugar onde vivo e do I Certame de Curtametraxes E ti que é o que ves, que organiza ADEGA en colaboración coa Vicepresidencia da Deputación de Lugo. Os tres certames en enmárcanse dentro da campaña Ponte no medio. Móvete polo territorio, nacida co gallo de que a sociedade retrate o estado actual do territorio galego a través da imaxe e da palabra, e están patrocinados pola Área de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo. Nesta edición achegáronse 50 fotografías, uns 40 relatos e 8 curtametraxes procedentes de toda a xeografía galega: Mugardos, Agolada, Lalín, Lugo, Cerceda, As Nogais, Vilar de Santos, Cedeira, Ourense, Ribeira, Brión, Arbo, Pontecesures, etc. (…)
No caso do certame literario tamén participaron máis de 40 relatos, e para decidir os gañadores, o xurado baseouse na orixinalidade, na calidade literaria, na coherencia do código lingüístico empregado e que o territorio galego figurase no relato. Os premiados foron:

* Categoría Adultos/as:
GañadorRibeira, de Francisco Castro Alvaredo (O Incio). Diploma e 250 euros.
Finalistas:
O anel, de Marisa Otero López (Santa Cruz de Ribadulla, Vedra). Diploma.
O meu lar, de Sonia Nogueiras Santana (Vilar de Santos). Diploma.
Os sons dun pobo, de Sandra Lorenzo Rodríguez (Ourense). Diploma.

* Categoría Xuvenil:
Gañador: A cadeira da moura, de Daniel Duque Puga (Barcela-Arbo). Diploma e 200 euros.
Finalistas:
Mobiliario mortal de Sara Azidane Chenlo (Pontecesures). Diploma.
O muíño do inferno, de Sheila Guille Bugarín (As Neves). Diploma.
Brión, un Concello máxico, de Ana Souto Villanustre (Brión). Diploma.”

Lugo: presentación do catálogo do Roteiro artístico-literario Fiz Vergara Vilariño

O venres 28 de decembro, ás 20:00 horas, no Museo Provincial de Lugo, preséntase o catálogo do Roteiro artístico-literario Fiz Vergara Vilariño, con obras de Primitivo Lareu, Jesús Otero-Yglesias, Buciños, Álvaro de la Vega, Violeta Bernardo, Miguel Macía, Fernando Yáñez, Mónica Alonso, Paco Poy, Caxigueiro, Eudardo Valiña, Paco Pestana e Manolo Caamaño. O acto está convocado pola Asociación Cultural Ergueitos, co patrocinio da Área de Cultura e Turismo, vicepresidencia primeira da Deputación de Lugo.

Anxo Mena, gañador do XIII Premio de poesía Díaz Jácome

Desde Crónica3:
“O vicepresidente da Deputación de Lugo, o nacionalista Antonio Veiga entregou os premios do XIII Certame de Poesía Díaz Jácome para novos creadores, convocado polo Concello de Mondoñedo xunto coa Área de Cultura do organismo provincial “co afán de estimular a creación poética entre os mozos e mozas”. Neste acto, celebrado o sábado 22 de decembro na casa consistorial mindoniense, tamén participaron Orlando González, alcalde de Mondoñedo; e Xosé Ramón Barreiro. Nesta ocasión presentáronse máis dunha trintena de traballos, o que supón un incremento a nivel participativo respecto ao ano pasado. De entre todos os poemas que entraron a concurso, Comezando a loita, de Anxo Mena Rodríguez, de Carral, conseguiu o máximo galardón, dotado con 1500 euros. O segundo premio, de 600 euros, recaeu en Paisaxe con afogado, do pastoricense Jesús Castro Yáñez, e o terceiro, de 300 euros, foi para María Helena López González, de Sarria, pola súa obra Poñentes. (…)”. Tamén foi reseñado por Armando Requeixo no seu blogue, Criticalia.

Cando era tempo de inverno: Polafía en Santaballa (Vilalba), o sábado 8 de decembro

O sábado 8 de decembro, ás 19:00 horas, na Escola Habaneira de Santaballa, Vilalba, e con entrada libre, terá lugar unha nova edición das Polafías, baixo o título Cando era tempo de inverno, cos seguintes participantes:

– Sina Prieto (avoa).
– Beatriz Rivas (tía).
– Beatriz Currás (nai).
– Noemí Trastoy (neta 1).
– Isabel Bermúdez (neta 2).
– Clara Naseiro (Xoana).
– Alfonso Bermúdez (fillo de Xoana).
– Modesto Riero (avó).
– Manuel Ferreiro (monxe).
– José Bermúdez (recitador).
– Andres Díaz (gaiteiro).
– Concha Ramos e Sara Ledo (narradoras).
– Antón Castro (cego).

– Idea e guión: José Manuel Bermúdez, José Manuel Felpeto e Isidro Cillero.

– Coa colaboración da Asociación de Amigos da Liga Santaballesa e o patrocinio da Área de Cultura e Turismo da Deputación Provincial de Lugo.

As polafías son un proxecto da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), coordinado polo vogal de Literatura de Tradición Oral, Antonio Reigosa, e que conta coa colaboración de diversas asociacións e co patrocinio de institucións públicas.
A palabra polafía é un neoloxismo referido ás reunións ou veladas de carácter festivo con contidos literarios e musicais, e ten como obxectivo primordial o de poñer en valor e rescatar do esquecemento o valioso patrimonio oral, literario e musical, galego. O termo polafía quere reunir no seu significado o mellor dos diferentes matices e acepcións de vellas palabras (polavilas, fías, fiadas, fiandóns, seráns,…) con semellantes contidos. A principal diferenza, en canto ao desenvolvemento, daquelas xuntanzas de antigo co desta nova proposta é que agora podemos, e debemos, axudarnos das novas tecnoloxías, desde os aparellos de gravación, que favorecen o arquivo e estudo do recompilado, ata o uso de novas tecnoloxías, caso de internet, que poden contribuír a unha ampla difusión deste patrimonio.
O formato das polafías require a presenza dun mantedor, divulgador ou especialista que introducirá e comentará as principais características das pezas e xéneros literarios amosados, dun recitador de poesía anónima ou de autor de feitío popular; dun músico, que interpretará romances, coplas ou cantares de raiceiras tradicionais. Sen embargo, o elemento humano transcendental e imprescindible no desenvolvemento de cada polafía constituírano os homes e mulleres, narradores, cantadores, romanceadores…etc, veciñas e veciños de cada lugar onde se desenvolva a polafía, pois eles son os auténticos protagonistas, os que xenerosamente transmiten o seu saber.
O que suceda nas polafías será gravado e logo difundido a través da web da AELG. As polafías teñen unha duración aproximada de 90 minutos.