Rafael Lema gaña o I Certame de Poesía Ardeiro

Desde a páxina web do Concello de Negreira:
“Trece obras aspiraban ao primeiro Certame de Poesía Xosé M. López Ardeiro, que finalmente recaeu por decisión unánime do xurado no traballo titulado Alturas do monte Pindo, cuxo autor é Rafael Lema Mouzo, natural de A Ponte do Porto (Camariñas), valorando os catro membros do xurado o nivel da súa obra, e cuxo fallo do xurado coñeceuse nun acto literario-musical no Auditorio de Negreira, celebrado o pasado venres 21 de Nadal, cadrando co quinto cabodano do pasamento do Ardeiro, na cidade de Ferrol.
De ser, de Anxo Mena (Carral), e Expansión, de Suso Bahamonde (Muxía), foron os outros dous traballos finalistas, que logo da deliberación do xurado presidido polo crítico literario, José Antonio Ponte Far, xunto co poeta Xulio López Valcárcel; a escritora, María López Sande, e maila profesora María Rey, ambalas dúas pertencentes ó IES Xulián Magariños, decidiron concederlle este premio consistente na publicación do poemario gañador por parte da Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística e da Dirección Xeral do Libro, e a entrega ao autor de 150 exemplares. (…)

Anxo Mena, gañador do XIII Premio de poesía Díaz Jácome

Desde Crónica3:
“O vicepresidente da Deputación de Lugo, o nacionalista Antonio Veiga entregou os premios do XIII Certame de Poesía Díaz Jácome para novos creadores, convocado polo Concello de Mondoñedo xunto coa Área de Cultura do organismo provincial “co afán de estimular a creación poética entre os mozos e mozas”. Neste acto, celebrado o sábado 22 de decembro na casa consistorial mindoniense, tamén participaron Orlando González, alcalde de Mondoñedo; e Xosé Ramón Barreiro. Nesta ocasión presentáronse máis dunha trintena de traballos, o que supón un incremento a nivel participativo respecto ao ano pasado. De entre todos os poemas que entraron a concurso, Comezando a loita, de Anxo Mena Rodríguez, de Carral, conseguiu o máximo galardón, dotado con 1500 euros. O segundo premio, de 600 euros, recaeu en Paisaxe con afogado, do pastoricense Jesús Castro Yáñez, e o terceiro, de 300 euros, foi para María Helena López González, de Sarria, pola súa obra Poñentes. (…)”. Tamén foi reseñado por Armando Requeixo no seu blogue, Criticalia.

Fallo do XXVI Certame de poesía Rosalía de Castro

Coñécense os gañadores dos Premios Rosalía de Castro e Rosa Reboredo da A. C. Rosalía de Castro de Cornellà:

Na modalidade de poesía en Lingua Galega, na súa 26 edición, os gañadores foron os seguintes:
– Primeiro premio: conseguiuno Cruz Martínez Vilas, de Vigo, polo seu poema titulado Contemplo o proceso inevitábel da despedida. Dotación, 500 €.
– Segundo premio: para Yolanda López López, de Ourense e residente en Madrid , polo poema Necrópoles de soños. Dotación, 300 €.
– Terceiro premio: para Anxo Mena Rodríguez, de Carral, polo seu traballo Vou deixarme de espirais. Dotación, 200 €.

– Na modalidade de narrativa o mesmo xurado concedeu o premio da novena edición do Certame Rosa Reboredo, ao traballo en Galego presentado por, Tito Pérez Pérez, da Coruña, pola súa obra Ensaio encol da liberdade. Dotación 500 €.
– Tamén se concedeu unha mención especial ao traballo en Catalán presentado por, Àngel Fabregat i Morera titulado Els herois malvats.

Cornellá- Barcelona 2 de decembro de 2012.