Entrevista de Montse Dopico a Daniel Asorey en Praza:
“(…) – Praza (P): As mulleres da fin do mundo e Transmatria apelan, no fondo, ao mesmo: unha (trans)matria sen discriminacións nin violencias de xénero (nin binarismos obrigatorios). Foron escritos os dous libros máis ou menos ao mesmo tempo? En que sentido forman parte dun mesmo proxecto?
– Daniel Asorey (DA): Na verdade, a novela As mulleres da fin do mundo é un proxecto que comezou moito antes, aínda que ambas as dúas obras, novela e poemario, concluíron nun momento semellante no 2018. A novela levoume nove anos, pois comecei a escribila no 2010, ante determinadas cousas que estaban a acontecer, que acababan de acontecer ou que sabiamos que viñan de acontecer. Estou pensando por exemplo en wikileaks, que ese ano adquiriu repercusión mundial ao desvelar certos crimes de guerra dos EUA.
Alén diso, a crise económica incendiaba o mundo e semellaba que en calquera momento puidesen esmorecer certas cousas que ata entón se nos dicían eternas, lembremos a posible caída do euro ou frases que se atribuíron a Ben Bernanke, daquela presidente da Reserva Federal, nas que afirmaba que no 2008, coa caída de Lehman Brothers, o mundo estivera piques do inferno, facendo súa tamén aqueloutra frase allea de que “un capitalismo sen quebras é como unha cristiandade sen inferno”.
E iso fíxome reflexionar e decidir escribir unha novela coral sobre ese mundo en decadencia, sobre ese precipicio. Sobre a que talvez fose a quebra final do capitalismo. Alén diso, é verdade que nas dúas obras se soña cunha utopía, cun lugar onde se varran as discriminacións de xénero. Tamén se fala das fronteiras e se focaliza a atención en determinadas minorías sexuais ou étnicas.
En certa maneira, eu creo que ás veces certas escritoras ou escritores temos determinados temas sobre os que escribimos, talvez mesmo escribamos a mesma obra durante toda unha vida. E, neste caso, Transmatria e As mulleres da fin do mundo comparten temas e posúen puntos de vista semellantes, independentemente de seren dous xéneros literarios distintos. Para aclaralo, Transmatria foi escrita coma un berro tras a aparición do autobús transfóbico de HazteOír e as mortes que non cesan no Mediterráneo. (…)
– P: Transmatria e As mulleres da fin do mundo permiten albiscar un final “feliz”, malia ser finais abertos. Nordeste era máis pesimista…
– DA: Non imos desvelar os finais das obras. Eu son pesimista porque creo naquilo tan repetido de que un pesimista é un optimista ben informado. Talvez hai unha diferenza entre esas obras, en Nordeste pretendía fabular sobre unha República Galega nacida da Revolta Irmandiña e enfrontar ao lector coas súas posibles contradicións. En As mulleres da fin do mundo e en Transmatria, o proceso é inverso, presento esa realidade que un crítico cualificou como distopía inminente e decido chamar á revolta. Seguramente son demasiado inxenuo, pero escribir tamén é soñar.”
Arquivos da etiqueta: As mulleres da fin do mundo
Carballo: actividades destacadas do 11 de xullo na Praza dos Libros 2019
Chega unha nova edición da Praza dos Libros, organizada polo Concello de Carballo, que terá lugar no Xardín Municipal do 11 ao 14 de xullo, con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 h. Dentro dos actos previstos para o 11 de xullo, destacamos os seguintes:
– Toda a mañá. Pasarrúas infantil arredor do libro A música da auga, de Anxo Moure, con Servando Barreiro.
– 12:30 h. Pregón a cargo de María Reimóndez. Coa actuación da Banda de Gaitas de Carballo.
– 18:30 h. Concerto-presentación do libro-disco A nena e o grilo máis aló, de Magín Blanco, publicado por Galaxia.
– 20:00 h. Conversa de autoras. María Canosa e Concha Blanco falarán sobre as súas obras Caderno de lúas (Bululú) e Macedonia de versos (Aira). Modera Santiago Garrido.
– 21:00 h. Presentación de As mulleres da fin do mundo, de Daniel Asorey, publicado por Xerais. Presenta Manuel Rey Pan.
Daniel Asorey asina unha distopía feminista en As mulleres da fin do mundo
Desde o Zig-zag da Televisión de Galicia:
“Daniel Asorey asina unha distopía feminista en As mulleres da fin do mundo. Vén de publicar tamén o poemario Transmatria. A entrevista completa pode verse aquí.”
Compostela: actividades destacadas do 2 de maio na Feira do Libro 2019
O 2 de maio continúa a Feira do Libro de Santiago de Compostela (no Paseo Central da Alameda), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 11:30 a 14:00 h. e de 17:30 a 21:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa:
– 18:00 h. Presentación de Os contos da avoa Pepa, de Francisco X. Fernández Naval, publicado por Kalandraka. Con Manuel Figueiras.
– 19:00 h. Presentación de Sandalias verdes, zapatos azuis e cans negros, de Pilar G. Rego, publicado por Xerais. Participan Estíbaliz Espinosa, Fran Alonso e a autora. Ao remate sinatura de exemplares.
– 19:00 h. Sinatura de Suso de Toro na Caseta de NUMAX.
– 19:45 h. Presentación de As mulleres da fin do mundo, de Daniel Asorey, publicado por Xerais. Participan Montse Pena Presas, Fran Alonso e o autor. Ao remate sinatura de exemplares.