Santiago: Homenaxe a Celso Emilio Ferreiro

O mércores 12 de decembro, ás 20:30 horas, no Restaurante Rúa de Santiago de Compostela (Rúa de San Pedro, 24), terá lugar un acto de homenaxe ao poeta Celso Emilio Ferreiro no que se combinará unha mesa redonda sobre o autor cun recital de poesía e actuacións musicais. A homenaxe Lembrando a Celso Emilio Ferreiro comezará coa intervención do crítico Ramón Nicolás e de Aser Álvarez. Acto seguido, a mesa redonda daralle paso ao recital. Xiana Arias, Xabier Xil Xardón e Luz Fandiño, entre outros, recitarán poemas do escritor celanovés nun acto aberto ao público no que cada asistente, se quere, ten a posibilidade de recitar ao seu xeito a Celso Emilio. Finalmente, o tributo rematará coa intervención de O Leo, quen actuará para poñerlle o broche final a este acto.

Vigo: actividades destacadas do sábado 30 e domingo 1 na Feira do Libro

Continúa a XXXVII Feira do Libro de Vigo (nos Xardíns da Praza de Compostela), aberta até o domingo 8 de xullo. As actividades máis destacadas do sábado 30 de xuño e domingo 1 de xullo son:

* Sábado 30 de xuño:
19:00 h.: presentación de Dun tempo e dunha terra. Antoloxía poética de Celso Emilio Ferreiro, de Gonzalo Navaza, publicado en Tambre. No acto participa, xunto ao autor e o ilustrador David Pintor, Luís Ferreiro e Ignacio Chao.
20:00 h.: presentación de Xardín de inverno, de Ledicia Costas, publicado por Tambre. Xunto á autora participan Daniel Puente Bello e as Poetas da Hostia.
21:00 h.: presentación de Infancia de vacas mortas, de Xosé Daniel Costa Currás, publicado en Barbantesa. No acto, xunto ao autor, participa Ledicia Costas.

* Domingo 1 de xullo:
19:30 h.: sinatura de exemplares de Artur, de Xosé Manuel González, “Oli”, publicado en Kalandraka.
21:00 h.: Enogastrofonías ferreirianas, percorrido por Celso Emilio Ferreiro a través da poesía, a música e o viño. Preséntase o monográfico da revista Arraianos Celso Emilio Ferreiro fai 100 anos. Participan: Aser Álvarez, Alexandre Meire e Mario Poti.

Ourense: actos destacados do mércores 6 na Feira do Libro

Finaliza a XXVIII Feira do Libro de Ourense (na Alameda, Rúa do Bispo Cesáreo), con horario de 11:00 a 14:00 h. e de 18:30 a 22:00 horas, coas seguintes actividades destacadas para o mércores 6 de xuño:

20:00 h. O escritor Miguel Anxo Fernández asinará exemplares das súas obras, publicadas por Editorial Galaxia.
21:00 h. Enogastrofonías Ferreirianas. Espectáculo deseñado por Arraianos. Percorrido pola obra de Celso Emilio Ferreiro a través da poesía, da música e o viño do Ribeiro, maridado con minigaleguesas. Presentación do monográfico da Revista Arraianos Celso Emilio Ferreiro fai 100 anos. Cociña en directo e degustación, previa inscrición. Participan Aser Álvarez (poesía), Alexandre Meire (música) e Mario Poti (cociña).

Celanova: encontro Celso Emilio Ferreiro (1912-2012): ética e poética, entre o 16 e o 18 de xullo

Entre o 16 e o 18 de xullo, no Mosteiro de Celanova, celébrase o Encontro Celso Emilio Ferreiro (1912-2012): ética e poética, organizado pola UIMP, baixo a dirección de José María Paz Gago e Antonio Piñeiro Feijoo. O importe da matrícula é de 129 euros, cunha redución do 50% para os alumnos das universidades da Coruña, Santiago ou Vigo (a data límite para a solicitude da beca é a do 16 de xuño), tendo recoñecido un valor académico de 20 horas en créditos de libre elección. O programa é o seguinte:

Luns 16 de xullo:
11:00 horas. Inauguración. Con José María Paz Gago, Antonio Piñeiro Feijoo e Xosé Luís Barreiro Rivas.
11:30 horas. Conferencia inaugural a cargo de Xesús Alonso Montero.
13:00 horas. Aspectos biográficos: ética vital. Con Luís Ferreiro Loredo e Ramón Nicolás Rodríguez.
20:00 horas. Recital lírico: Onde o mundo se chama Celanova, dirixido por Antón de Santiago.

Martes 17 de xullo:
10:30 horas. A creación poética: poesía civil e social, con Vicente Araguas, Luis García Jambrina e Basilio Rodríguez Cañada.
12:30 horas. A obra narrativa e ensaística, con Manuel Bragado, Alfredo Conde e Ramón Pernas.

Mércores 18 de xullo:
10:30 horas. Xornalismo e literatura en Celso Emilio Ferreiro, con Carlos G. Reigosa e Xosé Antonio Perozo.
12:30 horas. Presentación de publicacións sobre Celso Emilio Ferreiro: Celso Emilio Ferreiro hai 100 anos, con Aser Álvarez.
13:00 horas. Conferencia de clausura, con César Antonio Molina.
14:00 horas. Clausura e entrega de diplomas.

Santiago: presentación do monográfico Celso Emilio fai 100 anos

O xoves 26 de xaneiro, ás 20:00 horas, na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes, 6) de Santiago de Compostela, preséntase o monográfico Celso Emilio fai 100 anos, publicado pola Asociación Arraianos, onde se recolle material inédito do poeta celanovés, un CD dos Labregos no tempo dos Sputniks e as colaboracións de Xesús Alonso Montero, Aser Álvarez, Miguel Castelo, Lois Codias, Carlos Díaz, Isaac Díaz Pardo, Celso Emilio Ferreiro, Luís Ferreiro, Benedicto García, X. L. Méndez Ferrín, Ramón Nicolás, Xaime Quessada, Baldo Ramos, Armando Requeixo, Xosé Benito Reza, Sabino Torres, Miro Villar, Manuel Vilanova e Xosé Vizoso. Intervirán no acto Aser Álvarez, Xoán Xosé Moralejo e Armando Requeixo. Actuarán interpretando temas musicados con versos de Celso Emilio os Labregos no tempo dos Sputniks.

Santiago: presentación do número VIII da revista Arraianos

O xoves 16 de setembro ás 20:00 h., preséntase na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes) de Santiago de Compostela o número VIII da revista Arraianos Vivir na raia. No acto participan Juan José Moralejo, o director da revista Aser Álvarez e o editor Henrique Alvarellos. Despois Olalla Cociña e Baldo Ramos farán un breve recital con música a cargo de Bernardo Martínez.

Xosé Luís Méndez Ferrín, Manuel Vidal Villaverde, Manuel Outeiriño, e Xosé Viale Moutinho recitarán en Celanova

Mural do FurrioloO domingo 26 de agosto, ás 12:00 horas no Alto do Furriolo (A Bola), terá lugar o acto poético e musical de homenaxe ás vitimas da represión franquista, con especial lembranza de Elixio Rodríguez e César Álvarez e inauguración da segunda fase do Mural do Furriolo.
Neste acto van falar Anxo Quintana (vicepresidente da Xunta de Galicia), Xosé Vizoso (deseñador do monumento ás vítimas da represión franquista no Furriolo), Eudosio Álvarez (neto de César Álvarez), un representante da familia de Elixio Rodríguez e Aser Álvarez, presidente da Asociación Arraianos.
A continuación haberá un recital poético que vai contar coa intervención de Xosé Luís Méndez Ferrín, Manuel Vidal Villaverde, Manuel Outeiriño, e José Viale Moutinho. (Asociación Arraianos)