Desde
Sermos Galiza:
“Unhas dez horas déronlles aos escritores e escritoras da AELG para debater e escoller os fíos cos que tecer o futuro da literatura en lingua galega. Precisamente, o sexto congreso da asociación celebrouse baixo a pregunta “Para quen escribirmos o futuro?”. Cesáreo Sánchez, presidente da AELG, fai fincapé en que unha das cuestións principais que se acordaron no Congreso pasa pola necesaria visibilidade social do escritor e da escritora, así como traballar co idioma, para que o idioma sexa ferramenta de modernidade.
Entre as propostas destacadas que saíron dos grupos de traballo, Cesáreo Sánchez salienta a necesidade de crear un Instituto Rosalía de Castro que divulgue a literatura galega no mundo. Co mesmo obxectivo, falouse da necesidade de impulsar a visibilización internacional da literatura galega nas feiras internacionais.
En conversa con Sermos Galiza, o presidente da AELG dá conta das principais conclusións ás que chegaron os distintos grupos de traballo nos que se organizou o Congreso. En relación á mesa sobre os dereitos de autor e autora e a profesionalización, “incidiuse na necesidade de buscar que a nosa literatura saia ao mundo a través de traducións e da creación dunha axencia literaria, como hai noutros países”.
“Tamén se acordou que a AELG, na medida en que poida, traballará por crear un servizo de orientación aos autores e autoras á hora de interpretaren os contratos”, sinala. “Aínda que non sexamos profesionais no sentido de non poder vivir das nosas obras, insistiuse moito en que cómpre que os escritores e escritoras sexamos percibidos pola sociedade como profesionais que traballan na construción dunha literatura nacional”, engade.
O grupo de oralidade acordou potenciar a liña de traballo no ámbito escolar, a través de modelos como o teatro e a narración oral. O presidente da AELG afirma, ao respecto, a importancia da oralidade, pois “ten relación coa situación actual do idioma, porque se non hai falantes de galego, non haberá contadores de historias”. Como elemento de prestixio, este grupo de traballo tamén propuxo que as Letras Galegas sexan dedicadas un ano á literatura oral.
No que respecta á mesa sobre novas formas de edición, Cesáreo Sánchez pon de manifesto que se coincidiu na necesidade de ser flexíbeis cos novos formatos mixtos tecnicamente e que contan cunha gran difusión. Tamén se acordou procurar para os autores e autoras un papel decisivo nos procesos de cambio da difusión dos contidos culturais e estar atentos e atentas ás novas formas de difusión de contidos.
Sobre a literatura dramática, o presidente da AELG sinala que se insistiu en que cómpre que o sector busque a recuperación da administración dos certames de escrita dramática e a garantía da publicación e da escenificación das obras gañadoras. Este grupo de traballo considerou preciso a levar a escrita dramática ao ensino e puxo o foco sobre a necesidade de promover lecturas dramáticas e, sobre todo, que se programen autores e autoras galegas, e non só autores e autoras traducidas. O presidente da asociación salienta que se acadou un acordo para que os dramaturgos creen unha sección de literatura dramática, como xa existe no caso da tradición oral.
En canto á lusofonía, as persoas participantes coincidiron na importancia de aproximar a literatura galega á cultura da lusofonía, de maneira que se poida amosar a riqueza da literatura galega ás culturas lusófonas. Este grupo de traballo acordou que a AELG potencia a tolerancia ortográfica sen discriminacións que impidan a difusión dunha parte da nosa literatura.
No que atinxe á formación de lectores e lectoras, grupo que, segundo Cesáreo Sánchez, espertou un grande interese, reivindicouse a literatura infantil e xuvenil como unha literatura á altura de calquera outra, alén de se considerar estratéxica na formación de novos lectores e lectoras. “Advertiuse de que é moi importante que a literatura infantil e xuvenil se inclúa como materia específica na formación do profesorado”, engade.
Cesáreo Sánchez salienta que as conclusións das distintas mesas de traballo representan unha guía de traballo para os próximos anos. “Reflexionamos sobre o conxunto de temas transversais necesarios sobre como enfocar o futuro da literatura sendo críticos coa situación actual, mais esperanzados, ilusionados e con moito optimismo”, confesa.
O punto final do Congreso, no que se presentaron os aspectos da páxina web (que celebra os 20 millóns de entradas cando apenas ten 10 anos de vida), púxoo a música de Xardín Desordenado, que musicou poetas galegos e galegas.”
Arquivos da etiqueta: Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega
A Coruña: Paseos pola Coruña Literaria 2015, con Dores Tembrás, Pedro Feijoo e Felipe Senén
Paseos pola Coruña literaria é
unha iniciativa da AELG desenvolvida coa colaboración e patrocinio da Concellaría de Cultura do Concello da Coruña, na que terán lugar novos paseos pola nosa cidade coas propias escritoras e escritores que escribiron obras ambientadas na Coruña.
17 de outubro
A Coruña, unha cidade ao descuberto, con Dores Tembrás.
Saída: Xardíns dos Cantóns.
A cidade que se abre nunha cartografía infantil, unha urbe que se pon ao descuberto por medio das historias dos avós pero tamén dos referentes literarios coñecidos na adolescencia. Unha pequena deriva pespuntada palabra a palabra:
e as pegas rebuldás
cubriron as rúas
o asfalto nevado de noces
e todos
cos zapatos de Dorothy
en compaña do lobo
choutando nelas.
31 de outubro
A Coruña de Rosalía e Murguía: tras o vento da negra sombra, Pedro Feijoo.
Saída: Praza do Humor.
Teñen todas as cidades unha outra vida que, por veces, non se ve. Ou si, se se observa cos ollos adecuados… Unha vida feita da textura das letras, de sangue de tinta, e alma vestida nas historias. Nas que foron e nas que non foron… Desta volta, eu propóñovos un paseo por esoutra cidade, A Coruña de Rosalía e Murguía. Un paseo após as pantasmas daqueles nomes, de Gala, de Alejandra, de Anxo Aian e de Aurelio Aguirre, desde as miserias de rúa Tabernas, axustando as contas da Real Academia Galega, até as sombras do cemiterio de San Amaro e as súas tebras, a escuridade na que, moitas veces, vive a luz verdadeira. Se é que tal cousa existe, claro está. E todo, por suposto, sen deixar de lado o humor, que por algo hai na cidade unha praza a el adicada. Ou acaso non vos parece suficientemente gracioso que veña un de Vigo a ensinarvos a cidade? ;) Espero que sexa do voso maior agrado!
14 de novembro
De conversa co “Genius loci” dunha cidade vella, con Felipe Senén
Saída: Porta do Xardín de San Carlos.
Adentrarémonos na Prehistoria e na Historia desa croa ou croio de pedra rosa que é a Coruña. Dende o baluarte Vello ou Xardín de S. Carlos, ás 12 do mediodía dese sábado 14 de Novembro, cando aínda celebramos por Galiza adiante aos dous santos homonimos das Panoias, aos San Martiños de Tours e mais ao de Dume, cando aínda arrecenden na memoria as lumeiradas e as castañas asadas dos Magostos. Encetaremos unha pequena xeira arredor das luces e das sombras, na busca da conversa co “genius loci” dese couto ou “locus amoenus”, entre as pantasmas de Xerión, de Moore e de lady Sther Stanhope, de Porlier… polas paisaxes e as paisanaxes inspiradoras de Aguirre, Pondal, Rosalia, o Murguía dos Precursores, Francisca Herrera… sen librarnos da Condesa. Escudos, campas, epígrafes, lendas, mitos e ritos que se perden e que lembraremos baixo o Arco do Arquivo do Reino de Galiza… a carón do templo dos Domine-Cane, das fratellas de San Francisco e a carón dunha imaxe que foi Venus, feita Virxe da Estrela para os nautas do Mar dos Ártabros…Porto de Compostela.
A Coruña é cidade serea, ben o sabía Lugrís, da María das Batallas, de Ines de Ben, de Xoana de Vega, de Concepción Arenal, de Rosalía, Carolina Herrera, María Barbeito, Luisa Villalta que facía música coa palabra. Aqueloutra Coruña que cheiraba a tabaco e chicolate e un raparigo abríase ó mundo entre o amor e a morte, Pabliño Picasso. Marineda atlántica, de castros, altares, torres e muiños a beilar movidos por un vento toleirón… A Cidade amada de Garcés, de ida e volta de Manuel María, de atlántidas… Unha conversa en alto para coñecer, querer e defender realidades fronte a virtualidades, a orixe, a orixinalidade fronte á macdonalización´.
VI Congreso de Escritores/as Galegos/as: Para que(n) escribimos o futuro?, o sábado 26 de setembro
O VI Congreso de Escritoras/es,
actividade da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, co apoio do Concello de Pontevedra a través da súa Concellaría de Cultura, é un encontro periódico cuxa finalidade é a de dotármonos dun espazo de reflexión sobre a situación do sistema literario no que estean presentes aqueles temas que preocupen ás/aos asociadas/os. Poden verse aquí as edicións anteriores, celebradas en 1981, 1989, 1995, 2001 e 2005.
Unha vez analizadas as súas achegas conclúese que os temas de interese poden agruparse nos seguintes epígrafes, que constituirán os seis grupos de traballo que haberá no Congreso (entre parénteses, as persoas que os coordinarán):
Programa
– 10:15 h. Salón de actos. Presentación do Congreso (Cesáreo Sánchez Iglesias, Anxos Riveiro e Mercedes Queixas Zas).
– 10:30-12:00 h. Dereitos de autoría e profesionalización (Francisco Castro) – A oralidade como soporte literario (Antonio Reigosa).
– 12:00-12:30 h. Pausa café.
– 12:30-14:00 h. O futuro da literatura dramática (Afonso Becerra) – Novas formas de edición (Rosalía Fernández Rial).
– 16:00-17:30 h. Lusofonia como renovada oportunidade (Carlos Quiroga) – Formación de lectores/as (Ledicia Costas).
– 17:30-18:00 h. Pausa café.
– 18:00-19:30 h. Salón de actos. Sesión conxunta: Presentación da nova web da AELG e sesión conxunta de todos os grupos de traballo.
– 20:00-21:00 h. Actuación aberta ao público: Xardín desordenado.
Ás 19:30 h., convócase Rolda de prensa no Seminario 3, na que o presidente da AELG, Cesáreo Sánchez Iglesias, e mais Mercedes Queixas Zas como secretaria xeral da AELG e coordinadora xeral do congreso, farán públicas as conclusión do mesmo.
Convocámosvos as Socias e Socios a asistir ao IV Congreso de Escritoras/es, que terá lugar o vindeiro 26 de setembro no Pazo da Cultura (como chegar) da cidade de Pontevedra, co apoio da súa Concellaría de Cultura.
Escola de Escritoræs. Cuarto ciclo do Obradoiro de narración oral en Lugo: “Iniciación á regueifa e á recompilación de Tradición Oral”
Escola de Escritoræs. Cuarto ciclo do Obradoiro de narración oral en Lugo: “Iniciación á regueifa e á recompilación de Tradición Oral”
Organiza:
Sección de Literatura de Tradición Oral da AELG.
Patrocina: Concellaría de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua do Concello de Lugo.
Lugar: Centro Social Uxío Novoneyra (rúa Quiroga Ballesteros).
Duración: 26 horas / 12 sesións semanais de 2 horas e 10 minutos cada unha.
Prazas: 25 (maiores de 15 anos). Adxudicaranse por orde de inscrición, tendo preferencia os alumnos/as asistentes aos 1º, 2º e 3º ciclos do Obradoiro de narración oral.
Calendario: Os martes
29 de setembro.
6, 13, 20 e 27 de outubro.
3, 10, 17 e 24 de novembro.
1 e 15 e 22 de decembro.
Horario: de 18 a 20:10 horas.
Contidos:
· Iniciación á regueifa, por Josiño da Teixeira (4 sesións).
· Iniciación á recompilación de mitos, lendas, contos e sucedidos de Lugo, por Isidro Novo e Antonio Reigosa (6 sesións).
Realizaranse entrevistas en vídeo e audio en diferentes lugares e con diferentes portadores co obxectivo de gravar, conservar e difundir o noso patrimonio oral. Preparación dunha ficha técnica e dun diario de campo, así como de cuestionarios temáticos.
Crearase un blog ou web onde se irán publicando os materiais recompilados (audios, vídeos…), debidamente inventariados, transcritos e editados.
· Clase maxistral, con Xurxo Souto.
Achegarános ás historias da tradición oral do mundo do mar.
· Sesión final, coordinada por Antonio Reigosa e Isidro Novo.
Aberta ao público, e na que se representarán exemplos de patrimonio oral.
Inscrición:
Gratuíta, do 15 ao 25 de setembro de 2015, no Rexistro Xeral do concello de Lugo (Ronda da Muralla, s/n).
Entrevistas sobre o VI Congreso de Escritoras/es Galegas/os da AELG en Pontevedra
Desde
o Diario Cultural da Radio Galega:
“Entrevistas con Cesáreo Sánchez Iglesias e Alfonso Becerra, no Diario Cultural, en relación ao VI Congreso de Escritoras/es Galegas/os da AELG. Pódese escoitar a nova completa aquí.”
Compostela: XII Curso de Formación. As Literaturas Infantís e Xuvenís: Obras imprescindibles para o ensino primario e secundario sobre conflitos bélicos, os 13, 14, 20 e 21 de novembro
Escola de Escritores-as: Obradoiro de creación literaria LiteraTela (Literatura de Compostela)
Suso de Toro
impartirá o Obradoiro de creación literaria LiteraTela (Literatura de Compostela), da Escola de Escritoras-es da AELG, que constará de 10 sesións (nunha delas participará como escritor convidado Pedro Feijoo).
A actividade terá lugar entre o 26 de setembro e o 12 de decembro de 2015, contando co patrocinio da Concellaría de Normalización Lingüística do Concello de Santiago de Compostela.
Contidos
– Formación do escritor e técnicas narrativas.
– Delimitación do campo da poesía e da ficción narrativa.
– A construción do/a autor/a.
– Redacción de textos.
– Público destinatario: adulto.
– Prazas: 25.
– Lugar: Centro Sociocultural da Trisca (Corredoira das Fraguas, 92), en Santiago de Compostela.
– Duración: dez sesións de dúas horas cada unha.
– Horario e calendario: de 11:30 a 13:30 horas os sábados 26 de setembro, 3, 10, 17 e 24 de outubro, 7, 14, 21 e 28 de novembro e 12 de decembro.
– Preinscrición e admisión: a preinscrición farase enviando un correo electrónico ao Departamento de Lingua Galega do Concello (dlg@santiagodecompostela.org) ata o 12 de agosto incluído. Cómpre indicar o nome completo o número de identidade un teléfono de contacto. Rematado o prazo de preinscrición, elaborarase unha listaxe por orde de entrada das solicitudes, que se comunicará a todas as persoas inscritas para que aquelas que obtiveran a praza (as 25 primeiras) formalicen a matrícula. En caso de que non o fagan dentro do prazo sinalado, avisarase por orde ás persoas que quedaran na listaxe de agarda para que a formalicen.
– Matrícula: entre o 7 e o 15 de setembro. A folla de pagamento deberá recollerse no Centro Sociocultural das Fontiñas (rúa de Berlín, 13, tel.: 981-528750) e volver entregala dentro deste prazo unha vez realizado o pagamento nunha entidade bancaria.
– Prezo: 34 euros.
XII Curso de Formación. As Literaturas Infantís e Xuvenís: Obras imprescindibles para o ensino primario e secundario sobre conflitos bélicos, do 25 de setembro ao 3 de outubro
Aldara García Solar: “Tanto as ciencias como as letras son necesarias na vida cotiá”
Desde
Galicia Confidencial:
“Aldara García Solar foi a gañadora da quinta edición do concurso de relatos científicos Inspiraciencia, do CSIC, na categoría xuvenil de texto en galego. Aldara, filla da popular escritora e presentadora da TVG María Solar e estudante de 4º de ESO no IES Rosalía de Castro de Santiago de Compostela, fálanos nesta entrevista da súa experiencia e das súas aspiracións. (…)
– Galicia Confidencial (GC): Que supuxo para ti gañar este premio de Inspiraciencia?
– Aldara García Solar (AGS): Foi unha gran ledicia. A verdade é que anima moito e é unha recompensa. Ademáis fun recoller o premio a Barcelona nunha cerimonia moi emocionante na que houbo un cabaret musical-científico. Foi todo moi divertido. (…)
– GC: En que te inspiraches para crear a túa historia?
– AGS: Coincidiume que cando escribín o relato estabamos a facer un artigo periodístico na clase sobre o cambio climático, e pareceume un asunto importante que quixen reflectir no meu conto como algo que pode levar á destrución do planeta nun futuro non tan lonxano. (…)
– GC: Cres que están moi afastadas as ciencias e as letras?
– AGS: Non tanto como a xente pensa. Ísto pódese ver nos relatos de Inspiraciencia, que son unha mestura das dúas. Tanto ciencias como letras son necesarias na vida cotiá, e en case todos os traballos é necesario saber manexar tan ben unhas coma outras, por exemplo se es presentador e tes que facer unha entrevista sobre un novo descubrimento científico. (…)”
A AELG foi unha das entidades colaboradoras no Certame Inspiraciencia. Aldara García Solar, como gañadora, gozará dunha praza no obradoiro de creación literaria LiteraTela.
A Mesa acada a unanimidade das forzas políticas nun acordo histórico sobre a lingua
Desde
Sermos Galiza:
“Por varias razóns, o acto que promoveu na Ferradura de Compostela, á beira da estatua a Rosalía de Castro podería definirse como histórico. En primeiro lugar, xuntar representantes de case a totalidade das forzas políticas activas facían xa, de saída, único o acto, nun momento no que a “unidade” é un concepto político a debate. En segundo, por se xuntaren todas para asinar un acordo pola normalización lingüística que busca inaugurar un tempo novo para o idioma. (…)
O acto, aos pés de Rosalía no 130 aniversario do seu pasamento, cubriuse da solemnidade dos grandes acordos históricos. Cada representante das distintas forzas políticas tivo un minuto para corroborar o seu apoio e asinar o documento, despois dunha foto de familia que, no fin do acto, se completaría con figuras das distintas organizacións culturais, políticas ou sindicais que se sumaron ao acto de unidade pola lingua. Máximos responsábeis da CIG, Galiza Cultura, a RAG, AELG, a Fundación Rosalía, Asociación de Actores e Actrices, Escena Galega, Fundación Manuel María ou a AS-PG participaron na convocatoria. (…)
“Unha nova política lingüística que recupere o papel impulsor que deben desempeñar as institucións e os poderes públicos e acompañe a sociedade galga que xa actúa en solitario para repor e colocar a lingua en todos os lugares de onde está excluída” foi o obxectivo que a Mesa se marcou á hora de lograr sumar forzas para o acordo a prol da normalización do galego. Como “os acordos deben ser cumpridos”, a maior asociación cultural do país, anunciou que fará seguimento do asinado polas forzas políticas, e esixirá “respecto polos compromisos adquiridos e a palabra dada”.
A Declaración compromete ás distintas forzas políticas asinantes a retomar e iniciar “todas as medidas e accións que foren precisas para a súa reposición, rehabilitación e plena normalidade, comprometéndonos a reactivalas e promovelas en todas as áreas e institución” naquelas institucións e organismos nos que teñan reponsabilidade de goberno. O obxectivo é garantir o dereito a vivirmos en galego e conseguirmos para el verdadeira igualdade e oficialidade real”. (…)”









