Arquivos da etiqueta: Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega
Lídia Jorge, Escritora Galega Universal
O
Consello Directivo da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) acordou nomear Escritora Galega Universal a autora portuguesa Lídia Jorge. Este recoñecemento sustentase en sólidos argumentos: o seu compromiso ético coas causas da dignidade do pobo portugués e por ser creadora dunha extensa e intensa obra, valorada tanto en Portugal como nos máis diversos idiomas ao que foi traducida, no que a muller portuguesa ocupa un lugar de centralidade. Lídia Jorge é talvez a escritora en activo máis recoñecida das letras portuguesas, afirmación na que concordan a crítica máis exixente e o público lector.
Con este nomeamento, Lídia Jorge súmase á lista de Escritores/as Galegos/as Universais conformada por Mahmoud Darwish, Pepetela, Nancy Morejón, Elena Poniatowska, Juan Gelman, Antonio Gamoneda e José Luis Sampedro.
Lídia Jorge licenciouse en Filoloxía Románica e preferiu ser profesora do ensino secundario a asistente na facultade para ter tempo para escribir. Leva 30 anos de carreira, con 15 volumes maiores alén de varias decenas de ensaios e contos. A súa mestría no dominio da lingua portuguesa fica patente neles, nun estilo de sintaxe ampla que ilumina as profundidades por onde guía con naturalidade a lectura.
O recoñecemento chegou cedo, despois de A Costa dos Murmurios (1988) que decorre na África da colonización portuguesa durante o período bélico. O éxito dese romance abriu camiño para unha adaptación fílmica de Margarida Cardoso igualmente premiada. A forza da vivencia psicolóxica das experiencias femininas xa estaba nese libro, nas dúas mulleres centrais, Evita e Helena. Tamén en Notícia da Cidade Silvestre existe un binomio feminino, Júlia Grei e Anabela Cravo. Mulleres e densidade tamén na súa máis recente obra, precedida por O Romance do Grande Gatão (2010), Contrato Sentimental (2009), Praça de Londres (2008), O Grande Voo do Pardal (2007). E anteriores que xa por aquí circularon con éxito: Combateremos a Sombra (2007), historia dun psicanalista que vai servir de pretexto para nos revelar unha ousada realidade de misterio absolutamente inesperada; O Belo Adormecido (2004), seis contos con protagonismo para xoves e adolescentes; O Vento Assobiando Nas Gruas (2002), confronto de dúas familias desemellantes, unha delas acabada de chegar de África, historia que recolleu o Grande Premio de Romance e Novela da Associação Portuguesa de Escritores, o Premio Correntes d’Escritas/Casino da Povoa, e cuxa publicación na Alemaña coincidiu co Premio Albatroz da Fundação Günter Grass polo conxunto da obra. O Vale Da Paixão (1998), Premio D.Diniz da Fundação da Casa de Mateus, Premio PEN Clube Português de Ficção, Premio Máxima de Literatura, Premio Bordallo de Literatura da Casa da Imprensa e Prix Jean Monnet de Littérature Européenne. En fin, a lista de premios, como a de títulos, é longa, como tamén a enumeración dos países onde se acha publicada, Francia, Alemaña, Brasil, EUA, España, Grecia, Suecia, Italia, Israel, Islandia, Iugoslavia, Reino Unido…
A Noite das Mulheres Cantoras é o mais novo romance de Lídia Jorge. Retrata admirabelmente, como noutras ocasións, as mudanzas nun cadro realista, histórico e social desta vez máis recente, a acción a rodopiar à volta do final dos anos 80 do século XX, e cun tema, como avisa a editora, «de inesperada audacia –o da forza da idolatría e a construción do éxito– visto a partir do interior dun grupo, narrado 21 anos máis tarde, na forma de monólogo». Grupo e construción do éxito dentro do ambiente da música, unha atmosfera exposta con autenticidade na que se inscribe a historia de varias raparigas, banda de ‘mulleres talentosas’ aí mergulladas, nunha montaxe en libro que consegue seducirnos desde a primeira á última páxina.
Santiago: presentación da Axenda Feminista 2013: Escritoras Galegas
O venres 14 de decembro, ás 20:30 horas, na Libraría Lila de Lilith (Rúa Travesa, 7), en Santiago de Compostela, preséntase a Axenda Feminista 2013: Escritoras Galegas. “Libre é a miña alma, e libre é o meu pensamento…”, publicada polo Observatorio da Mariña pola Igualdade, e que conta con aportacións de Teresa Moure, María Xosé Queizán, Begoña Caamaño, Aurora Marco, Marilar Aleixandre, María Reimóndez, María do Cebreiro, Carmen Blanco, Marta Dacosta, Marica Campo, Begoña Paz e Eva Moreda. No acto participan Aurora Marco, Carmen Blanco e Begoña Caamaño.
A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega colaborou na elaboración desta Axenda.
Do río Eume, sombras nos camiños: Polafía en Pontedeume, o sábado 15 de decembro
O sábado 15 de decembro, ás 19:00 horas, na Casa da Cultura de Pontedeume, e con entrada libre, terá lugar unha nova edición das Polafías, baixo o título Do río Eume, sombras nos camiños (dun verso de Ramiro Fonte), coa colaboración do Colectivo Terra, 8 mares, Investigación e Divulgación Cultural, Ardóbriga, Asociación Cultural para a protección do Patrimonio, e o patrocinio da Deputación Provincial da Coruña.
Coa participación de:
– Juan Permuy e Manolo Domínguez [memoria dos fuxidos].
– Lolo Placer [pescar na ría].
– Constantino Arnoso [a vida na fraga].
– Xavier Brisset [Fondo de Documentación do Territorio: Zona Eume].
– Carola Macedo Cordal [alcumes e curtidores].
– Alexandre Caínzos [revista Cátedra].
– Isidro Novo [poesía: Nicolás Varela Cabana e Ramiro Fonte].
– Maruxa A Chevarría [contos, lendas, cancións].
– Carmen A Maceira [contos, lendas, cancións].
– Xosé Paz Fernández Pepucho [música].
As polafías son un proxecto da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), coordinado polo vogal de Literatura de Tradición Oral, Antonio Reigosa, e que conta coa colaboración de diversas asociacións e co patrocinio de institucións públicas.
A palabra polafía é un neoloxismo referido ás reunións ou veladas de carácter festivo con contidos literarios e musicais, e ten como obxectivo primordial o de poñer en valor e rescatar do esquecemento o valioso patrimonio oral, literario e musical, galego. O termo polafía quere reunir no seu significado o mellor dos diferentes matices e acepcións de vellas palabras (polavilas, fías, fiadas, fiandóns, seráns,…) con semellantes contidos. A principal diferenza, en canto ao desenvolvemento, daquelas xuntanzas de antigo co desta nova proposta é que agora podemos, e debemos, axudarnos das novas tecnoloxías, desde os aparellos de gravación, que favorecen o arquivo e estudo do recompilado, ata o uso de novas tecnoloxías, caso de internet, que poden contribuír a unha ampla difusión deste patrimonio.
O formato das polafías require a presenza dun mantedor, divulgador ou especialista que introducirá e comentará as principais características das pezas e xéneros literarios amosados, dun recitador de poesía anónima ou de autor de feitío popular; dun músico, que interpretará romances, coplas ou cantares de raiceiras tradicionais. Sen embargo, o elemento humano transcendental e imprescindible no desenvolvemento de cada polafía constituírano os homes e mulleres, narradores, cantadores, romanceadores…etc, veciñas e veciños de cada lugar onde se desenvolva a polafía, pois eles son os auténticos protagonistas, os que xenerosamente transmiten o seu saber.
O que suceda nas polafías será gravado e logo difundido a través da web da AELG. As polafías teñen unha duración aproximada de 90 minutos.
Viveiro e Ribadeo: presentacións da Axenda Feminista 2013: Escritoras Galegas
O sábado 8 de decembro, ás 12:30 horas, na Libraría Porta da Vila (Rúa Pastor Díaz, 31) de Viveiro, preséntase a Axenda Feminista 2013: Escritoras Galegas. “Libre é a miña alma, e libre é o meu pensamento…”, publicada polo Observatorio da Mariña pola Igualdade, e que conta con aportacións de Teresa Moure, María Xosé Queizán, Begoña Caamaño, Aurora Marco, Marilar Aleixandre, María Reimóndez, María do Cebreiro, Carmen Blanco, Marta Dacosta, Marica Campo, Begoña Paz e Eva Moreda.
O mesmo sábado, ás 20:30 horas, terá lugar a presentación na Libraría Casa das Letras (Rúa Rodríguez Murias, 8) de Ribadeo, onde participará Carmen Blanco.
A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega colaborou na elaboración desta Axenda.
As entidades da lingua dan o apoio á RAG no mantemento orzamentario
“A
presentación dos Orzamentos Xerais do Estado do goberno de Rajoy para o 2013 en que figura que a Real Academia Galega recibirá só 340.000 euros, un 70% menos que o millón de euros que recibía no último ano do goberno do PSOE en Madrid, tivo a súa resposta oficial por parte da RAG e causou un gran malestar en numerosas entidades. As declaracións do seu presidente, Xosé Luís Méndez Ferrín, dunha “posíbel” desaparición da institución se esta quedaba sen fondos provocou unha reacción de apoio unánime á continuidade e unha defensa directa fronte a actitude de discriminación do goberno español.
No Instituto da Lingua Galega (ILG) Antón Santamarina, asegurou que aínda que non teña ningún tipo de axudas a RAG continuará, viviu sen subvencións no franquismo e o que esta a pasar agora é unha crise que se superará algún día”. Como membro tamén da RAG apunta que a institución deberá cancelar algún dos proxectos, “mais a actividade continuará”.
Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) “é inexplicábel a precariedade nun dos símbolos fundacionais do noso país, a RAG xustifica a existencia doutras institucións como a da propia Xunta”. Para Sánchez Iglesias a RAG “debería ter un status aínda máis importante do que ten e o que vemos é que se lle castiga pola súa defensa do idioma e os seus últimos pronunciamentos”.
O presidente da Coordinadora de Traballador@s de Normalización da Lingua (CTNL), Nel Vidal, pensa que a hipotética desaparición da RAG “é algo tremendo e inimaxinábel posto que unha lingua quede sen Academia é como se un país quede sen estrutura de estado, non ten sentido”. Na CTNL apoian as reivindicacións da RAG. Para Nel Vidal “a diminución dun 70% vai ser un sen sentido e máis se o comparamos co que reciben outras academias”.
Carlos Callón, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, cre que “as institucións galegas teñen que recibir diñeiro público” e reitera o total apoio desde A Mesa ás reivindicacións da RAG”. Callón vai máis alá e opina que “non está ben que a reivindicación sexa só de carácter económico, a RAG pode facer moito máis, como fixo no caso do decreto, e ter unha postura máis activa en temas como o galego na xustiza, nos medios de comunicación, na educación, na administración,…”. (…)”
A folga de fame contra a condena a tres sindicalistas supera os 10 días tras unha fin de semana solidaria do mundo da cultura
“A
folga de fame contra a condena a prisión a tres sindicalistas que participaron nun piquete en 2009 cumpriu este luns, 3 de decembro, 10 días despois dunha fin de semana no que o mundo da cultura amosou unha vez máis a súa solidariedade coa clase traballadora galega. A sexta quenda, formada polo secretario comarcal da CIG de Lugo, Xosé Ferreiro, e por Marcos Sánchez, da CIG-Construción de Ferrol, permanecerá sen comer até o vindeiro mércores ao mediodía. As mostras de solidariedade do mundo da cultura e de distintas organizacións políticas e sociais e as foron a tónica xeral da segunda fin de semana na caravana instalada fronte á Audiencia Provincial de Pontevedra. Escritores/as como Fina Casalderrey, Agustín Fernández Paz ou Xavier Alcalá, ademais do presidente da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, Cesáreo Sánchez Iglesias, visitaron os folguistas o domingo. Tamén se achegaron representantes da Asociación Socio Pedagóxica Galega (ASPG) e o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística. Ademais, os músicos e escritores Xurxo Souto e o Leo i Arremecághona aproveitaron a visita solidaria para amenizar a protesta coa súa música.” Desde a CIG.
Sección de Crítica Literaria da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega
A
páxina da Sección de Crítica Literaria da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega está actualizada e funcionando a pleno rendemento. Podedes visitala aquí.
Cando era tempo de inverno: Polafía en Santaballa (Vilalba), o sábado 8 de decembro
O sábado 8 de decembro, ás 19:00 horas, na Escola Habaneira de Santaballa, Vilalba, e con entrada libre, terá lugar unha nova edición das Polafías, baixo o título Cando era tempo de inverno, cos seguintes participantes:
– Sina Prieto (avoa).
– Beatriz Rivas (tía).
– Beatriz Currás (nai).
– Noemí Trastoy (neta 1).
– Isabel Bermúdez (neta 2).
– Clara Naseiro (Xoana).
– Alfonso Bermúdez (fillo de Xoana).
– Modesto Riero (avó).
– Manuel Ferreiro (monxe).
– José Bermúdez (recitador).
– Andres Díaz (gaiteiro).
– Concha Ramos e Sara Ledo (narradoras).
– Antón Castro (cego).
– Idea e guión: José Manuel Bermúdez, José Manuel Felpeto e Isidro Cillero.
– Coa colaboración da Asociación de Amigos da Liga Santaballesa e o patrocinio da Área de Cultura e Turismo da Deputación Provincial de Lugo.
As polafías son un proxecto da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), coordinado polo vogal de Literatura de Tradición Oral, Antonio Reigosa, e que conta coa colaboración de diversas asociacións e co patrocinio de institucións públicas.
A palabra polafía é un neoloxismo referido ás reunións ou veladas de carácter festivo con contidos literarios e musicais, e ten como obxectivo primordial o de poñer en valor e rescatar do esquecemento o valioso patrimonio oral, literario e musical, galego. O termo polafía quere reunir no seu significado o mellor dos diferentes matices e acepcións de vellas palabras (polavilas, fías, fiadas, fiandóns, seráns,…) con semellantes contidos. A principal diferenza, en canto ao desenvolvemento, daquelas xuntanzas de antigo co desta nova proposta é que agora podemos, e debemos, axudarnos das novas tecnoloxías, desde os aparellos de gravación, que favorecen o arquivo e estudo do recompilado, ata o uso de novas tecnoloxías, caso de internet, que poden contribuír a unha ampla difusión deste patrimonio.
O formato das polafías require a presenza dun mantedor, divulgador ou especialista que introducirá e comentará as principais características das pezas e xéneros literarios amosados, dun recitador de poesía anónima ou de autor de feitío popular; dun músico, que interpretará romances, coplas ou cantares de raiceiras tradicionais. Sen embargo, o elemento humano transcendental e imprescindible no desenvolvemento de cada polafía constituírano os homes e mulleres, narradores, cantadores, romanceadores…etc, veciñas e veciños de cada lugar onde se desenvolva a polafía, pois eles son os auténticos protagonistas, os que xenerosamente transmiten o seu saber.
O que suceda nas polafías será gravado e logo difundido a través da web da AELG. As polafías teñen unha duración aproximada de 90 minutos.
A Coruña: paseo literario con Xurxo Souto Tras das pegadas do Antigo Gremio de Mareantes
O
sábado 24 de novembro, con saída ás cinco da tarde desde o adro do antigo templo dos mariñeiros, a actual igrexa castrense de Santo Andrés da Coruña, e con asistencia é libre e aberta á cidadanía, terá lugar un paseo que fai parte das actividades do obradoiro Historias da cidade-Barco. A Coruña, capital do mar, dirixido por Xurxo Souto, organizado pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, e financiado pola Deputación Provincial da Coruña.
Para participar deste itinerario non é necesaria inscrición previa, unicamente cómpre achegarse á coruñesa igrexa de Santo Andrés o sábado 24 ás cinco da tarde e sumarse ao percorrido para coñecer un pouco máis da Coruña literaria e mariñeira. Dende alí principiarase un percorrido pola Pescadería e a Cidade Vella na procura dos elementos –de tan cotiáns invisibles- que seguen a significar a importancia na Coruña do antigo gremio. Terá unha duración aproximada de dúas horas.
DO ANTIGO GREMIO DE MAREANTES
Durante toda a Idade Media a agrupación gremial máis poderosa da Coruña foi a dos mariñeiros: o Antigo Gremio de Mareantes. A comezos do século XVI participaban nel máis de 600 confrades coas súas respectivas familias. A súa igrexa deu nome á rúa máis importante da Pescadería: Santo Andrés. E o día do patrón -conforme recollían as ordenanzas- corenta mariñeiros novos alí bailaban unha danza gremial na súa honra.
No ano 1589 o corsario Drake queimou o hospital e a igrexa dos mareantes. No incendio perdéronse arquivos, ordenanzas e privilexios, e con eles a propia memoria da importancia deste gremio. No século XIX un home de negocios comprometeuse a restaurar a igrexa para os mariñeiros, mais ao final quedou coa propiedade do templo. Chamábase Eusebio da Guarda.
Afortunadamente nos últimos anos do pasado século o historiador Santiago Daviña, tras múltiples pescudas polos arquivos, foi quen de recuperar documentos e ordenanzas. Claves preciosas para poder interpretar as pegadas que os mariñeiros deixaron polas rúas da Coruña. A cidade, ese libro que, como di Agustín Fernández Paz, se le camiñando.
Este percorrrido fai parte das actividades do obradoiro de creación literaria Historias da cidade-Barco. A Coruña, capital do mar, que imparte o escritor Xurxo Souto no Club do Mar de Santo Amaro nos meses de novembro e decembro, e que se inscribe dentro do programa Escola de Escritoras e Escritores da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), iniciativa coa que se pretende animar a escribir textos literarios mediante a manipulación de formas lingüísticas e a imitación de modelos expresivos da nosa tradición literaria, particularmente a relacionada co mar, aos que podemos chegar mediante o xogo e a descuberta da nosa propia creatividade. Outro dos obxectivos é o de dar a coñecer o sistema literario como elemento configurador en sentido amplo do concepto de cidadanía e de pertenza a un sistema cultural. Considerando, pois, que o benestar persoal e colectivo non descansa unicamente na suficiencia económica, e que se basea principalmente no goce dunha cultura normalizada, respectuosa coa tradición para, desde aí, abrirse ao futuro.




