Bases do 9º Premio Biblos-Casa Grande do Bachao

BASES DO 9.º PREMIO DE NOVELA BIBLOS-CASA GRANDE DO BACHAO 2013

Biblos Clube de Lectores, S. L., co propósito de contribuír ao achegamento e a participación das mozas e mozos na cultura galega, e de descubrir aqueles creadores máis novos que poidan ter unha obra de interese necesitada de apoio para a elaboración final e a súa proxección pública, convoca o 9.º PREMIO DE CREACIÓN LITERARIA BIBLOS-CASA GRANDE DO BACHAO PARA MOZAS E MOZOS, nesta novena edición dirixido á novela, co copatrocinio da Casa Grande do Bachao, e de acordo coas seguintes BASES:

1.- Poderán participar neste Premio todas as mozas e mozos que ao rematar o ano 2013 non teñan cumprido os 25 anos e que, con independencia do lugar onde nacesen ou residan, amosen o coñecemento do idioma galego necesario para desenvolver nel unha obra narrativa de calidade.
2.- Os/as autores/as deberán presentar unha memoria de entre 20 e 30 folios na que incluirán:
a) Unha exposición precisa das características que terá a futura novela, aportando a maior información posible sobre o argumento (trama, época e lugar en que se desenvolve a acción, personaxes, etcétera) e as técnicas narrativas que prevé utilizar.
b) Un capítulo ou fragmento que permita valorar o estilo do autor/a. O/a gañador/a terá liberdade no seu caso para intruducir as modificacións que estime oportunas no proxecto e no texto de mostra e adaptalos ás esixencias da novela no seu desenvolvemento, así como aos consellos que reciba do escritor titor.
3.- Cada traballo será presentado co nome e apelidos do autor/a, así como as indicacións necesarias para poder localizalo (dirección, teléfono, correo electrónico). Non se admitirán obras baixo pseudónimo nin colectivas.
4.- Os traballos serán enviados a Biblos Clube de Lectores. Quintá, 8-MANDAIO. 15391 Cesuras (A Coruña).
5.- O premio conlevará:
a) Unha escultura conmemorativa deseñada expresamente polo escultor Luís Loureira.
b) A estancia dun mes, incluída a manutención, na Casa Grande do Bachao, un lugar singular que reúne inmellorables condicións para que, se o escritor/a o desexa, desenvolva a última fase do seu proxecto.
c) Un ordenador portátil que, unha vez concluída a obra, quedará da súa propiedade.
d) A tutela dun escritor de renome, designado pola organización, que asesorará ao gañador/a en xuntanzas periódicas durante ese mes.
e) A publicación do libro en galego, coa percepción dos correspondentes dereitos de autor.
6.- A admisión dos traballos pecharase o 18 de marzo do 2013.
7.- Un xurado integrado por persoas de acreditada valía seleccionará os traballos finalistas que serán dados a coñecer a semana previa á do Día das Letras Galegas.
8.- As/os autoras/es finalistas deberán presentar antes do 13 de xuño do 2013 as súas novelas cunha extensión non superior aos 150 folios no estado máis avanzado posible de acabado.
9.- O xurado elixirá a obra gañadora, que se dará a coñecer a semana previa á do Día da Patria Galega.
10.- O/a autor/a gañador/a dedicará o mes de outubro a traballar na súa novela, seguindo un plan que acordará co titor.
11.- O/a autor gañador/a comprométese a entregar a novela totalmente finalizada antes de rematar o ano 2013 para a súa publicación por Biblos.
12.- Os outros autores/as finalistas recibirán como premio unha fin de semana para dúas persoas en habitación dobre na Casa Grande do Bachao.
13.- A presentación ao Premio dentro do prazo indicado leva implícito o compromiso do autor/a de non retirar o seu orixinal antes de facerse público o fallo do xurado. Asimesmo, o autor/a garante que deica o momento do devandito fallo, a obra non concorrerá a ningún outro premio ou concurso.
14.- Co obxectivo de acadar a maior difusión do premio, o/a autor/a comprometerase activa e persoalmente na promoción que Biblos estime necesaria da obra gañadora.
15.- Biblos contempla a posibilidade de chegar a acordos cos autores/as das obras finalistas para a súa publicación.
16.- Cada autor comprométese a subscribir cantos documentos sexan precisos para que a edición da súa obra sexa inscrita no Rexistro da Propiedade Intelectual.
17.- Os orixinais presentados na primeira fase que non estean entre os finalistas, serán destruídos.
18.- A participación neste premio conleva a aceptación das súas bases e da interpretación de Biblos en cantos puntos non se recollan explicitamente nelas.
19.- Para calquera diferenza que deba ser dirimida por vía xudicial, as partes renuncian ao foro propio e sométense expresamente aos Xulgados e Tribunais da cidade da Coruña.”

A Coruña: presentación de Prisciliano e priscilianismo. Da condena á rehabilitación

O martes 7 de agosto, ás 20:00 horas, en Portas Ártabras (Rúa Sinagoga, 22) da Coruña, preséntase o libro Prisciliano e priscilianismo. Da condena á rehabilitación, coordinado por Victorino Pérez Prieto, publicado en Biblos. No acto, xunto ao autor, participan Tucho Calvo e Felipe Senén.

Declarado deserto o 8.º Premio Biblos-Pazos de Galicia de novela para menores de 25 anos

“O fallo, de carácter unánime, foi dado a coñecer na cea anual celebrada na Casa Grande do Bachao na tarde-noite do venres 20 de xullo con asistencia de máis dun cento de persoas entre as que figuraban representantes de todos os sectores da cultura do país. O xurado, do que formaban parte a escritora María Xosé Queizán, que sería a titora desta edición, Iria Morgade como gañadora da anterior, e Tucho Calvo, lamentou a baixísima participación rexistrada “cando vivimos tempos en que a cultura e a imaxinación son máis necesarias que nunca” e, compartindo coa organización que “quizais non se acertou este ano na comunicación das bases á mocidade”, fixo un chamamento “á colaboración de cantas persoas poidan estar en contacto coa xuventude para acadar unha maior participación nos vindeiros anos”.
Antes de se servir a cea e da actuación do dúo formado por Dorothea Nicholas, violín da Orquestra Sinfónica de Galicia, e Fernando Gracia Gómez, profesor de frauta no Conservatorio Profesional de Música da Coruña, deuse a coñecer o gañador do 4º Premio á Colaboración Necesaria coa Cultura, que organiza a asociación Pazos de Galicia. O galardón, que visualiza unha escultura do artista Luís Loureira, correspondeu a Alfonso Blanco Torrado, no que se recoñece un traballo de décadas tanto no campo social como na cultura de base, en especial en varias parroquias do concello de Guitiriz.” Desde Biblos Clube.

Vigo: presentación de O destino de Clarescura Lens, de Alfonso Álvarez Cáccamo

O martes 10 de xullo, ás 20:00 horas, na Casa do Libro de Vigo (Rúa Velázquez Moreno, 27), preséntase a novela O destino de Clarescura Lens, de Alfonso Álvarez Cáccamo, publicado por Biblos. No acto, xunto ao autor, participa Marta Dacosta.

Ramón Nicolás: Libros que meten medo, en Biblos nº 56

Anotación de Ramón Nicolás no seu blogue, Caderno da crítica:
“No último número de Biblos publico un artigo, de carácter divulgativo e xeneralista, arredor da produción literaria galega de medo ou terror. Déixoo aquí, cunhas mínimas modificacións, para quen que lle resulte de interese. Solicítanme os amigos e responsables de Biblos algunhas reflexións arredor do que se pode chamar literatura de terror e medo en lingua galega. Respondín, en primeira instancia, afirmativamente pois non me cabía dúbida de que este é un xénero que, de promocionalo ben e nun tempo coma o presente onde o espírito evasivo das propostas literarias que sexan, sen que isto teña que estar rifado coa calidade literaria minimamente esixible, pode contribuír a ensanchar a base lectora da literatura escrita en lingua galega.
Ao fío deste xénero resúltame inevitable, asemade, pensar na literatura de corte policial, detectivesca ou negra en lingua galega, onde, co paso do tempo, foi constituíndose devagar un grupo solvente de autores, cadaquén dono dos seus trazos peculiares e que están na mente de todos, que foron conseguindo individualmente interesar ao público lector e mesmo chegar a crear interesantes expectativas diante da publicación inminente dalgunha nova proposta narrativa, aínda máis cando esta presenta a estrutura de saga como recurso para fidelizar lectores. (…)”

Os editores galegos participan na Feira do Libro de Boloña

“A Feira do Libro para rapaces de Boloña é o evento máis importante do mundo adicado ó libro infantil e xuvenil. Profesionais de todo o mundo daranse cita entre o 19 e o 22 de marzo na cidade italiana. O evento conta cun espazo de 20.000 m2 nos que se ubican os pavillóns que acollen ós editores dos cinco continentes. Mil douscentos expositores procedentes de 66 países e 5.000 profesionais. A feira conta tamén cun centro de axentes literarios e un espazo propio para ilustradores no que cada ano se monta unha gran exposición de obras para álbums ilustrados. O peso da ilustración na feira é enorme. Están acreditados máis de 70 xornalistas de todo o mundo e no transcurso da feira vanse dar a coñecer os libros. Os gañadores dos Premios Hans Christian Andersen do ano 2012 serán anunciados na feira o 19 de marzo e a cerimonia de entrega terá lugar durante o 33º Congreso Internacional de IBBY, que vai ter lugar en Londres do 23 ó 26 de agosto de 2012. O candidato da sección española é Agustín Fernández Paz, autor que tamén  foi recoñecido na Feira Internacional do Libro de Guadalajara, México, do ano 2011, como Premio Iberoamericano de Literatura Infantil e Xuvenil. Varios editores galegos participan no stand patrocinado pola Consellería de Cultura. Contarán con libros na feira os editores de Biblos Clube, Baía Edicións, Edicións Embora, Editorial Galaxia, Ir Indo Edicións, Kalandraka Editora, Nova Galicia Edicións, OQO Editora, Ouvirmos e Toxosoutos e Edicións Xerais de Galicia. Contarán con espazo propio na feira: Kalandraka Editora, Nova Galicia Edicións e OQO Editora. Amais dos editores destas tres empresas,desprázanse a este evento editores do Consorcio Editorial Galego, empresa distribuidora de máis de cen editorais e entidades galegas; Editorial Galaxia e Ediciones Linteo. O 20 de marzo será presentado o catálogo Galician Books for Children & Young Adults, unha publicación dos editores galegos patrocinada pola Secretaría Xeral de Cultura da Xunta de Galicia  e elaborada por GÁLIX, entidade que traballa en Galicia a prol da LIX e que forma parte da internacional OEPLI, organización europea de promoción da literatura infantil e xuvenil.” Vía Asociación Galega de Editores.

Coñécense os gañadores dos Premios da Edición da Asociación Galega de Editores

Desde a Asociación Galega de Editores:
“O gremio editorial galego celebrou o serán do venres 9 de marzo en Compostela a VII Noite da Edición de Galicia-Premios Ánxel Casal, unha gala na que a Asociación Galega de Editores reúne anualmente a todos aqueles que traballan no eido do libro, a súa creación, edición e comercialización. No acto entregáronse os Premios da Edición correspondentes ó ano 2011. O acto tivo lugar no Hotel A Quinta da Auga, e nel participaron destacadas autoridades do mundo do libro, a cultura e a política de Galicia. Presidido por Manuel Bragado, presidente da AGE, contou coa presenza do Secretario Xeral de Cultura, a Vicepresidenta do Consello da Cultura Galega, o presidente da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, do gremio de libreiros, o presidente da Associació de Editors en Llengua Catalana, entre outros moitos e moitas representantes de entidades relacionadas co sector. A gala foi conducida pola xornalista Iria Pinheiro. Unha proxección de vídeo, patrocinada por GADIS, e elaborada por Illa Bufarda, lembrou as figuras de Isaac Díaz Pardo e Carlos Casares.

PREMIADOS

Premio Francisco Fernández del Riego: Xesús Couceiro e a súa emblemática libraría, por toda unha vida adicada á promoción do libro e a cultura galega.

Tralas votacións dos membros do xurado, composto por editores, escritores, ilustradores, libreiros e xornalistas, entre outros, resultaron gañadores das cinco categorías contempladas nos Premios da Edición:

Premio Ánxel Casal ao Libro de ficción do ano 2011, Non hai noite tan longa, de Agustín Fernández Paz, editado por Edicións Xerais, por ser unha ollada crítica da nosa sociedade, unha visión intelixente sobre como o pasado condiciona o noso presente, o xurado decidiu que o premio de Mención especial do xurado fose para Centauros do Norte, de Marcos Calveiro, obra destinada ó público xuvenil, pola súa calidade.

Premio Ánxel Casal ao Libro de non ficción do ano 2011, Obra Gráfica de Conde Corbal, de varios, editado por Nova Galicia Edicións, pola calidade da edición, a posta em valor do autor e a súa obra e a escolla da documentación gráfica. Por solicitude expresa do xurado, Mención para O escano baleiro. No Caurel con Uxío Novoneyra, de Xulio Valcárcel, editada por Biblos, pola estética da linguaxe e por ofrecer unha visión persoal do autor, e para Loita de clases, a represión franquista no mar, de Dionisio Pereira, editado por Xerais, polo contributo documental e testemuñal a unha faceta pouco coñecida da ditadura franquista.

Premio Ánxel Casal ao Libro de poesía ou teatro do ano do ano 2011, Poesía completa de Lois Pereiro, editado por Edicións Xerais, pola calidade da edición e por tratarse dunha edición literaria fiable e reunir a obra completa do poeta.

Premio Xosé Neira Vilas ao Libro infantil e xuvenil do ano 2011, Xa me tardan eses magos, de Mamá Cabra, editado por Editorial Galaxia, pola súa contribución ó achegamento da poesía aos nenos mediante a fusión do texto e a música. Por petición expresa do xurado, unha Mención especial para O Apalpador e a castaña máxica, pola recuperación dunha figura da mitoloxía infantil e a orixinalidade da edición ilustrada. Mención especial tamén para Canto de Nadal, de Charles Dickens, pola gran calidade da edición, así como pola contribución da tradución deste clásico ó corpus galego.

Premio Lois Tobío ao Libro traducido do ano 2011, Sonetos de Shakespeare, traducido por Ramón G. Izquierdo, editado por Edicións Xerais, pola magnífica tradución e edición crítica e pola súa contribución ao enriquecemento do galego cunha obra universal e imprescindible.

Premio Isaac Díaz Pardo ao Libro ilustrado do ano 2011, Contos por teléfono, de Pablo Otero, editado por Kalandraka Editor, pola calidade da ilustración e a súa contextualización. Mención expresa do xurado para o libro Lois Pereiro. Breve encontro, de Jacobo Fernández Serrano, de Edicións Xerais, pola calidade da ilustración e da edición.

Premio Xosefa Iglesias Vilarelle ó libro educativo do ano 2011, As mulleres en Galicia no século XX, de Jesús de Juana e outros, editado por Ir Indo. Polo seu valor documental e a importante achega ao papel da muller galega na nosa historia contemporánea. Mención expresa do xurado para Un cadro de Velázquez, de Claire D’Harcourt, editado por Kalandraka, pola escolla dun cadro especialmente necesitado dunha explicación didáctica e polo desenvolvemento pedagóxico e material de edición.

Premio Xosé María Álvarez Blázquez ao autor ou autora do ano 2011, Xavier Queipo, pola traxectoria da súa obra.

Premio Rosalía de Castro á iniciativa editorial do ano 2011, Transformacións de álbums ilustrados en series de animación audiovisual: Os contos do camiño e Caracois, de Oqo Editora, pola innovación que conleva e a súa contribución á difusión dos contos para nenos a través doutros soportes.

Premio Edición Histórica 2012. XXV aniversario de Andavira Editora

O xurado destacou a calidade de todos os finalistas e solicítalle á Secretaría Xeral de Cultura da Xunta de Galicia, que se merque un exemplar para cada unha das bibliotecas públicas pertencentes á rede de Bibliotecas de Galicia.

Pontevedra: presentación-debate de Verbas no ar, de Iria Morgade

O venres 9 de marzo, ás 19:30 horas, na Libraría Paz (Rúa da Peregrina, 29) de Pontevedra, terá lugar unha presentación-debate sobre a novela Verbas no ar, de Iria Morgade, obra gañadora do VII Premio Biblos. Este encontro pretende crear un lugar de debate, de encontro de ideas e de reflexión. O encontro comezará cunha breve proxección documental, seguido dun pequeno diálogo coa novela.

Ourense: presentación de Valentín Paz Andrade, a memoria do século XX, de Tucho Calvo

O venres 24 de febreiro, ás 20:15 horas, na CEO de Ourense (Praza das Damas), preséntase o libro Valentín Paz-Andrade, a memoria do século XX, de Tucho Calvo, publicado en Biblos. No acto, xunto ao autor, intervirá Pilar Rodríguez.

Betanzos: presentación de O escano baleiro, de Xulio L. Valcárcel

O venres 17 de febreiro, ás 20:30 horas, na Sala Azul do Edificio Liceo de Betanzos, preséntase o libro O escano baleiro. No Courel con Uxío Novoneyra, de Xulio López Valcárcel, publicado por Biblos Clube. No acto, xunto ao autor, participa Alfredo Erias.