O tránsito da literatura galega cara ao inglés

Entrevista de Daniel Salgado a Jonathan Dunne en Nós Diario (foto: cedida):
“As cifras resultan elocuentes. Cando a editorial Small Stations comezou a traducir literatura galega ao inglés, en 2009, só había 29 libros galegos nesa lingua. Once anos despois, son 105. Corenta e seis deles viron luz en Small Stations, a editorial con sede en Sofía (Bulgaria) que dirixen Jonathan Dunne e Tsvetanka Elenkova. Os seus títulos están dispoñíbeis, explican, “a través de 39.000 librarías a un prezo razoábel” e cobren o arco temporal que vai, por caso, de Rosalía de Castro a Teresa Moure e pasa por Celso Emilio Ferreiro, Lois Pereiro ou Anxos Sumai.
Dunne estudou filoloxía clásica na Universidade de Oxford. “Quería modernizar o meu coñecemento aprendendo algunha lingua románica”, relata a Nós Diario vía correo electrónico, “e acabei en Lugo. Atraíame a súa muralla romana e o verde da paisaxe”. Non foi alí onde aprendeu galego, pero si algunhas das súas singularidades gramaticais: xa en Barcelona discutiu duramente cunha profesora de castelán sobre a existencia ou non do pretérito perfecto. “Nunca o escoitara durante un ano de estancia en Lugo”, di. Decidiu coñecer as razóns profundas daquela distorsión: anotouse en clases de galego co escritor Camilo Valdeorras. Así descubriu ademais todo un continente, o da literatura galega.
“Creo na tradución como metáfora da vida. As cousas pasan a través de nós, non somos os seus autores”, responde á pregunta de por que dedicar tantos esforzos ao labor, “e creo que é moi importante a comprensión e a apreciación entre culturas. Sempre quixen situarme nese punto”. Como proba do atinado das súas teses, a recepción especialmente cálida de dous volumes de Small Stations: New Leaves (Follas Novas, 2016) e Galician Songs (Cantares Galegos, 2013) de Rosalía de Castro en versión da poeta canadiana Erín Moure.
“A edición en inglés de Cantares Galegos tardou 150 anos en aparecer!”, afirma Dunne, “e as de Moure foron as primeiras edicións completas en inglés de poemarios galegos da autora” (…)”

Ourense: O día de Nós

En 2010 o Concello de Ourense e a Deputación Provincial de Ourense, co gallo de se cumprir daquela o noventa aniversario da publicación da revista Nós (1920-1935) no prelo de La Región, declarou o día 30 de outubro “festa local de interese cívico-cultural” na cidade de Ourense. Dende estón esta data dedícase a lembrar e poñer en valor a actividade do grupo cultural xurdido ao redor da revista e, sobre todo, quentar motores para as grandes celebracións que terán lugar en 2020, no seu centenario. Nesa data quérese celebrar un Congreso Global da Cultura Galega no que participen todos os sectores concernidos, neste eido, tanto do interior coma da diáspora. Para esa data hai tempo que se vén difundindo o Manifesto Ourense 2020, que promove Ourense como capital galega da Literatura e tamén como candidata a capital europea da Cultura. O programa deste día é o seguinte:
De 12:30 h. a 13:30 h. Xardíns e Praza do Padre Feijoo, ou Salón Nobre do Liceo-Recreo de Ourense (por imperativos meteorolóxicos).
1. Lectura pública da revista Nós, a cargo dos directivos/as, socios/as e compromisarios da ApCNós2020. Mantedor: Uxío Novo. Lectores convidados: Sarabela Teatro.
2. Lectura do Manifesto Ourense 2020: capital galega da Literatura e procandidatura a capital europea da Cultura. Inicio da campaña de recollida de asinaturas a prol do manifesto.
3. Peche: Himno Galego.
De 17:30 h. a 18:30 h. Camposanto de San Francisco.
1. Ofrenda cívica aos escritores e artistas ourensáns, a cargo da ApCNós2020 e representantes de institucións e entidades locais e provinciais.
2. Roteiro-memorial guiado por Camilo F. Valdehorras, escritor e presidente da Asociación proCentenario de Nós 2020 co acompañamento musical dun gaiteiro.”

Cerdanyola: actividades do Día das Letras Galegas

O domingo 27 de maio, a partir das 12:00 horas, no Museu d’Art de Cerdanyola (MAC-Can Domènech), a Irmandade O Botafumeiro conmemora o Día das Letras Galegas coa actuación do músico Josep-Maria Ribelles, que interpretará obras de Emilio Cao, o concerto do coro da Irmandade, e a conferencia Valentin Paz-Andrade e Castelao, irmáns e mestres da nación-cultura galega como tarefa, a cargo de Camilo Valdehorras.