Os veráns de Otero Pedrayo en Vigo

Artigo de Carolina Sertal en Faro de Vigo (foto de Pablo H. Gamarra):
“«Don Ramón, coa súa familia, pasou os veráns de 1895 a 1901- así o afirma o propio autor, na cidade de Vigo e o seu testemuño resulta moi valioso para retratar a cidade naquel tempo. A razón de pasar este período estival debíase á escasa saúde que tiña aquel neno e que Vigo, dalgún xeito, lle devolveu (…) Antes de comezar esta viaxe queriamos subliñar o que para el supuxo Vigo: ‘Unha xenerosa marea enchendo a badía do ser’, de maneira que a ‘imaxe da cidade e do azul e a foula dona do sagreto feminino e galego de lle devolvere as forzas e a sede de vivire a un neno achuchado polas vellas tristuras’».
É a carta de presentación do traballo de investigación elaborado polo alumnado de 4ºda ESO-PDC do IES Castelao (Vigo) e que este ano foi escollido pola Fundación Otero Pedrayo como gañador do Premio Anual que concede a entidade cultural a estudantes de ESO, ciclos e Bacharelato de toda Galicia, xunto co traballo «Os camiños da vida», do IES Ribeira do Louro (O Porriño). Titulada «Un meniño naipelo no espello de 14 lugares: Ramón Otero Pedrayo en Vigo, 1895-1901», en concreto, a investigación recoñecida recupera aqueles lugares visitados polo autor ourensán na súa infancia acompañado polos seus pais, un percorrido pola cidade olívica do que deixou testemuña no seu libro de memorias «Lembranzas do meu vivir» e que o alumnado vigués vén de rescatar a través dun traballo de campo de carácter fotográfico que permite unha comparación visual entre os espazos de antano e a súa evolución actual.
Coordinado polo profesor Ramón Nicolás Rodríguez, o grupo de estudantes vigueses integrado por Aracely Ramírez, Michelle Benjumea, Manuel Carballo, Koldo Gondar, Ian Arce, Luciano Ramos, Mareling Palacios, José A. Valladares, Jhoris Marquina e Judith Da Cunha repasou puntos da cidade polos que transitou un petís Otero Pedrayo, tales como a Alameda, un espazo que o «engaiolaba» e do cal deixou escrito: «Quezais nalgús grandes albres da praza de Compostela as lúas sexan as mesmas dos derradeiros dazanove, pro vello cuias raices nenas disfroitaron na mol terraxe viguesa da sensación infinda da calma atlántica»; mais tamén recunchos máis singulares como a Casa de Baños de Soto, a emblemática «La Iniciadora», en cuxas memorias o autor expón que «os ourensáns, con moitos vigueses, facían tertulia no salón», engadindo tamén que «máis adiante, por frente do mercado, como palafito e entrándose nela por unha ponte, erguíase ben sufincada sobre a auga, ben limpa, pintada e con bandeira a Casa de Baños, de dúas prantas, con salóns de sociedade, con piano, e na segunda mesa con xornaes e xemelos e anteollos de ‘larga vista’. Era gosto dos cabaleiros ouservare os barcos que enfiaban polas Cíes asegurándose da nacionalidade cun cadro de bandeiras pendurado na parede (…) sobre as 12 bailábase si algunha señora ou damiña se sentaba ó piano. Dominaba o ‘Vals das olas’». (…)”

Manuel Esteban: “Esta historia non está contada en termos de aprendizaxe moral”

Entrevista de Carolina Sertal a Manuel Esteban en Faro de Vigo:
“(…) – Faro de Vigo (FV): Como chega a esta historia?
– Manuel Esteban (ME): A través dunha persoa que coñezo, de Adolfo, quen leva xa uns anos embarcado en múltiples ámbitos, dende pesca a buques de investigación, pero que nunca estivera en buques de rescate. Cando me contou esa historia hai uns anos, a verdade é que me asaltou a necesidade de escribila, porque pensei que tiña que ser contada. Se algún tesouro agocha o mar, debe de ser o de milleiros e milleiros de historias coma esta, e que resultan moi sorprendentes en terra firme, porque van máis alá dos nosos lugares comúns e, dende logo, dos lindes morais no que nos movemos de portas para adentro baixo o amparo das leis que nos rexen e protexen, ata certo punto. A min chegoume esta, quedou escrita durante uns anos, Xerais propuxo publicala e decidín publicala.
– FV: É unha novela diferente con respecto ás anteriores.
– ME: Efectivamente está escrita dunha maneira diferente porque é unha historia completamente distinta ao que escribo habitualmente, aínda que diría que non tanto. O outro día escoitáballe ao cantautor Santi Araújo nunha entrevista que todos os cantautores escribían e compoñían sempre a mesma canción, igual que un paxaro que canta sempre a mesma canción, só que intenta refinala. É certo que o estilo de «A lei do mar» é distinto, porque pensaba que a historia merecía ser contada doutra maneira. Aínda que é un pouco «thriller», «western», non é novela negra ou ciencia ficción, que é o que escribín até o de agora, polo que decidín cambiar un pouco o ton e a forma. Mais, no fondo, conto probablemente moitas das cousas que conto en A ira dos mansos ou O meu nome é Ninguén. De feito, lembraba moito a dedicatoria deste último: «Aos que están abaixo de todo porque eles non teñen xa a ninguén a quen pisar», e polo tanto teñen como mínimo o beneficio da dúbida. Escribo sobre iso, sobre os que están abaixo de todo, e máis abaixo do mar… Por outra banda, revisitei ese libro arquetipo no que a idea fundamental é que o mar sempre ten razón, como en O vello e o mar, de Hemingway, Moby Dick ou mesmo en As ondas, de Virginia Woolf, que exploran esa idea, a mesma sobre a que en parte pivota A lei do mar. (…)”

Vigo: actividades do 5 de xullo da Feira do Libro 2025