Entrevista
de Armando Requeixo a Celia Díaz Núñez no seu blogue, Criticalia:
“(…) – Armando Requeixo (AR): ¿Tes algún hábito singular ou manía á hora de escribir?
– Celia Díaz Núñez (CDN): Manías non teño; hábitos, si. Escribo sempre a ordenador e a calquera hora do día, é dicir, cando podo. Antes de comezar doulle moitas voltas na cabeza, tomo notas en cadernos e no móbil, elaboro guións e esquemas, mais todo se desbarata en canto a historia comeza a fluír. Ás veces acompáñome de música de fondo, instrumental principalmente. Cando escribía Unha verdade amarga soaba repetidamente o tango “Naranjo en flor”, na voz do meu parente bonaerense Luís María Bragato. Na novela que estou escribindo actualmente tamén a música ten unha presenza importante e escoito distintas cancións que me axudan a perfilar os personaxes.
– AR: ¿Que cres que lle falta aínda ás nosas letras e que lle sobra definitivamente?
– CDN: Sobrar nada, posto que todas as achegas son positivas. Fáltalle visibilidade, recepción e proxección. É dicir, máis lectores e lectoras, máis presenza nos xornais, nos escaparates, noutros sistemas literarios… e, evidentemente, falta apoio institucional. (…)
– AR: ¿Cal é a túa valoración do noso presente literario?
– CDN: Desde o punto de vista da creación: moi boa. Contamos con variedade de xéneros, de estilos, novas propostas temáticas e formais. Hai unha crecente presenza de voces femininas, sobre todo na poesía. En definitiva, unha oferta moi plural e de calidade, apta para todo tipo de público.
Desde o punto de vista da proxección, como xa comentei, segue habendo prexuízos e complexos que impiden que esteamos nun sistema normalizado. (…)”
Arquivos da etiqueta: Celia Díaz Núñez
Ourense: presentación de Chitón ata a Fin da Terra, de Ángela Fernández Rey
Quiroga nomeará filla adoptiva á escritora Celia Díaz Núñez
Desde
La Voz de Galicia:
“Coincidindo coa celebración do próximo Día das Letras Galegas, o Concello de Quiroga nomeará filla adoptiva do municipio á escritora Celia Díaz Núñez, que vive e traballa en Ourense como profesora de ensino secundario. O acto celebrarase no salón de sesións da casa consistorial ás 13:00 horas do 17 de maio. Natural do Páramo, Celia Díaz trasladouse na súa infancia a Quiroga, de onde procede a súa familia materna. (…)”
Ourense: presentación de O Froilán, de Mercedes Gallego Esperanza
Anguieiros, Quiroga: presentación de Unha verdade amarga, de Celia Díaz Núñez
Entrevista sobre Unha verdade amarga, novela de Celia Díaz Núñez
Desde
o Diario Cultural da Radio Galega:
“”Quería facer unha historia que fose auténtica”. Unha verdade amarga, a novela de Celia Díaz Núñez. Pode accederse á entrevista aquí.”
Quiroga: presentación de Unha verdade amarga, de Celia Díaz
O
venres 16 de xuño, ás 19:00 horas, na Librería Celia (Rúa Real, 80), en Quiroga, Celia Díaz Núñez presenta Unha verdade amarga, publicada en Galaxia.
Lugo: presentación de Unha verdade amarga, de Celia Díaz Núñez
Ourense: actos destacados na Feira do Libro para o xoves 1
O
xoves 1 de xuño continúa a Feira do Libro de Ourense (na Rúa do Paseo, con horario de 11:00 a 14:00 horas e de 18:00 a 22:00 h.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, cos seguintes actos literarios destacados para este día:
– 20:00 h. Presentación de José Ángel Valente. Cantigas de Alén, por Claudio Rodríguez Fer, publicado por Ouvirmos.
– 21:00 h. Celia Díaz presenta Unha verdade amarga, publicada por Galaxia. Estará acompañada por Xulio L. Valcárcel e Malores Villanueva.
Celia Díaz: “As armas de Aníbal foran fabricadas por galegos”
Entrevista
de César Lorenzo Gil a Celia Díaz en BiosBardia:
“(…) – BiosBardia (B): A boca do monte é non só unha novela histórica senón un relato enciclopédico, con moitas notas ao pé para que a persoa que le estea informada da vida cotiá na época da dominación romana. Como organizou a documentación para a novela? Canto tempo investiu? Que fontes empregou?
– Celia Díaz (CD): A verosimilitude é a primeira característica que debe posuír unha novela histórica e para conseguila resulta imprescindible unha exhaustiva documentación previa. Documenteime en dúas fases: unha inicial e outra sobre a marcha, a medida que necesitaba consultar aspectos concretos, para non incorrer en anacronismos ou contradicións flagrantes. Durante ese tempo consultei libros, artigos, teses de doutoramento e publicacións dixitais. Primeiro centreime na minaría romana do ouro e continuei con obras sobre a cultura castrexa. Ramón Vila proporcionoume unha ampla relación dos xacementos mineiros e dos castros do concello de Quiroga que me axudou na localización dos escenarios: Castro de Ares e Anguieiros, principalmente. E, por suposto, recollín varias lendas da tradición oral sobre a presenza romana en Montefurado. (…)
– B: Vostede é unha autora que cultiva habitualmente a literatura infantil e xuvenil. Especialmente destacan as súas obras de teatro. O teatro para a rapazada goza de boa saúde?
– CD: Hai aspectos positivos, como a existencia de dramaturgos e de compañías teatrais de longa e recoñecida traxectoria. Tamén se celebran festivais e mostras, por exemplo a MOTI de Ourense, que o pasado decembro chegou xa á 12ª edición. Do mesmo modo, o teatro de monicreques conta con magníficas compañías e existen festivais específicos. Convócanse tamén varios premios para textos dramáticos que serven de estímulo para a escrita. É fundamental que existan obras de calidade que poidan ser levadas á escena e que contribúan á vitalidade do sistema literario galego. Mais a realidade é que a literatura dramática é practicamente inexistente. En primeiro lugar, pola dificultade para publicar. Ás editoriais non lles interesan as obras teatrais e limítanse a editar os textos gañadores dos certames e pouco máis. Hai tamén outro factor: a literatura galega, e máis se é para rapaces, e máis aínda se é teatro, ten pouca visibilidade. Está practicamente ausente en moitas librarías, e non digamos nos escaparates. O que non se ofrece, non se vende; esa é unha premisa básica de mercadotecnia. E se non se vende, non é rendible, co cal se pecha o círculo. De modo que o panorama está lonxe de ser esperanzador ou, dito doutra maneira, queda moito camiño por percorrer. (…)”



