Arquivos da etiqueta: Centro Cívico de Canido Ferrol
Ferrol: Obradoiro creativo de poesía tradicional Eu cantar cantar cantei…, con Antón Cortizas Amado
O Obradoiro creativo de poesía tradicional Eu cantar cantar cantei…, impartido por Antón Cortizas Amado e cunha sesión especial con Ricardo Casás e Xurxo Souto, é unha iniciativa da Escola de Escritoras-es da AELG, actividade subvencionada pola Deputación da Coruña, coa colaboración da Asociación Veciñal de Canido e o Concello de Ferrol.
A poesía naceu da oralidade e da socialización, e grazas á tradición hoxe somos quen de cantar do xeito que colectivamente somos. No ano próximo o día das letras galegas estará dedicado á poesía de tradición oral; nós, que tamén somos tradición, sacaremos á luz a melodía e a beleza das palabras que levamos dentro. E farémolo convertendo o noso nome en metáfora e a nosa voz en melodía, e brincaremos coas palabras utilizando a ferramenta das nosas mans e da música que nos mergulla no humilde mar da nosa esencia.
Eu cantar cantar cantei,
a graza non era moita,
mais púxenme a imaxinar…
A que che soa? Continúa ti o teu poema.
Terá lugar na Biblioteca do Centro Cívico de Canido, en Ferrol (Rúa Poeta Pérez Parallé).
Hai 20 prazas para persoas maiores de 16 anos. A inscrición, gratuíta, pode realizarse, indicando nome e apelidos, xunto ao nome do obradoiro, no correo electrónico oficina@aelg.org. As solicitudes atenderanse por orde cronolóxica de chegada.
Calendario e horarios
– Sábados 28 de setembro; 19, e 26 de outubro; e 2, 9, 16, 23 e 30 de novembro de 2024, de 11:00 a 13:30 h.
Información sobre protección de datos
A responsábel do tratamento é a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega. A finalidade do tratamento é a prestación do servizo que se detalla na solicitude ou actividade organizada. A base legal do tratamento é o cumprimento dunha obriga contractual na prestación dun servizo. Os seus datos conservaranse unicamente durante os prazos de prescrición legalmente aplicábeis. Pódense comunicar os seus datos a terceiras/os organizadoras/es ou colaboradoras/es da actividade. No caso de solicitar certificado de asistencia, os seus datos comunicaranse ao/á impartidor/a da actividade. Pode acceder, rectificar, suprimir os seus datos e nos casos determinados opoñerse ao tratamento, limitar o seu uso ou portar a outra/o responsábel. Tamén pode solicitar a tutela da Axencia Española de Protección de Datos ou presentar unha reclamación ante a mesma.