A picante Cea das Letras deu a coñecer a nova gañadora do Certame de Poesía Erótica, Medos Romero

Desde Que pasa na Costa:
“O Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas é un certame único en España. De aí que a 14ª edición deste certame convocado pola A. C. Caldeirón, sexa todo evento, que merece unha emocional Cea das Letras para dar o veredito. O pasado venres tiña lugar esa simbólica cea, que ademais de presentar o libro editado da obra gañadora o ano pasado, serve para coñecer a nova gañadora.
A obra escollida foi Peixes que esvaraban ao unísono, de Remedios Fernández, que toma o relevo de Mario Regueira como gañador do certame. Así o ditaminou, entre as 33 obras presentadas, o xurado composto Tamara Andrés, Mario Regueira e Leticia Varela, concelleira de Cultura do Concello de Malpica.
Segundo este, “a proposta contén unha visión plural do amor, apoiada na ambigüidade dun eu poético que consegue sobordar o tópico da parella de namorados para ofrecer interpretacións poliédricas e deshinibidas da paixón”. (…)”

Mario Regueira gaña o certame de poesía erótica Illas Sisargas

Desde La Voz de Galicia:
Mario Regueira (Ferrol, 1979) é o gañador da 13.ª edición do certame de poesía erótica Illas Sisargas, convocado en Malpica pola asociación Caldeirón, co apoio do Concello. O seu traballo, Marco Livornio, foi seleccionado polo xurado de entre os vinte que concorrían, e o seu nome, como premiado, foi dado a coñecer durante a Cea das Letras celebrada na Casa da Cultura de Seaia, onde tamén se presentou a obra gañadora da edición pasada, Diáspora de amor balea, de Andrea Nunes e María Rosendo. Previamente, Xabier Xil presentara o seu libro Detéxtonos.”

Andrea Nunes e María Rosendo gañan o premio Illas Sisargas de poesía erótica

Desde Sermos Galiza:
Diáspora de amor balea é o terceiro poemario conxunto que acada o premio. O xurado distinguiu o libro “pola riqueza e fondura da súa expresión metafórica, que permite construír un libro de poesía amorosa cunha marcada e explícita vontade erótica”.
Andrea Nunes Brións (Marín, 1984) e María Rosendo (Vigo, 1984), “voces que flutúan entre a mímese e a diferenza e dialogan a cada poema con fluidez e personalidade” en Diáspora de amor balea foron galardonadas co Premio de Poesía Erótica Illas Sisargas, a decimosegunda edición, nun fallo que se fixo público a noite do sábado 4 de novembro na Cea das Letras en Malpica.
Diáspora de amor balea é un espistolario a dúas voces “nas que a forza do erotismo está na distancia física entre as voces. É un erotismo imaxinado, cálido, tenro, construído desde a memoria dos corpos e, á vez, na fertilidade da imaxinación”, sinala o fallo.
Andrea Nunes vive en Nanjing (China), onde traballa como profesora de español e é autora de Corrente do esquecemento (2007) e Todas as mulleres que fun (2011). María Rosendo, que realizou estudos de filoloxía inglesa e educación social, obtivera o Premio Pérez Parallé no 2010 co libro Nómade.”

Malpica: actos arredor do XII Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas, en homenaxe a Paco Souto