Foz: actos destacados na Feira do Libro 2021 para o 20 de agosto

O 20 de agosto continúa a Feira do Libro de Foz (na Praza Conde do Fontao), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 17:30 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa:

20:00 h. Carlos Labraña asina exemplares de Contra o reloxo, publicado por Galaxia.
20:00 h. Presentación dos poemarios gañadores dos Premios Illas Sisargas, O cuarto de Jane, de Charo Pita, e Rascamaceiras, de Laura R. Cuba, publicados por Caldeirón. Estarán acompañadas por Eduardo Estévez.
21:00 h. Paco Rivas asina Rosas envaiñadas, publicado por Medulia.

Charo Pita obtén o premio do XV certame de Poesía Erótica Illas Sisargas con O cuarto de Jane

Desde o Concello de Malpica:
“O xurado da XV edición do Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas escolleu a obra titulada O cuarto de Jane. Aberta a plica, a autora da obra resultou ser Charo Pita, escritora, actriz e narradora oral nada na Coruña en 1966. O seu traballo levouna a contar historias polo mundo (Alemaña, Polonia, Italia ou Nicaragua). Licenciada en Filoloxía Hispánica pola Universidad de Salamanca, obtivo en 2001 o Premio de Poesía Espiral Maior co libro Desde Arcadia para Govinda e é autora dunha extensa obra de literatura infantil e teatro.
Na acta do certame consta que que “O cuarto de Jane, foi escollida unánimemente por ser un libro transgresor, pola súa beleza e pola frescura coa que se aborda o erotismo, sempre de forma directa, sen complexos, libre”. E engade que se trata dun “poemario moi ben construído, radicalmente heterodoxo, protagonizado por mulleres e onde a poesía brilla na transparencia de cada verso”.
O xurado acordou, asemade, conceder un accésit á obra rascamaceiras, enviada por Laura Ramos Cuba. Nada en Burela en 1993, graduada en xornalismo e comunicación audiovisual, Ramos Cuba ten colaborado en diversos medios do país como La Voz de Galicia, El Progreso, Sermos Galiza, Adiante, Coralia ou Novas da Galiza. Foi coordinadora do Portal Galego da Língua e voluntaria no Observatorio da Mariña pola Igualdade. En 2018 obtivo o certame de poesía Victoriano Taibo co libro A situación actual. É bolseira de comunicación no Parlamento de Galicia.
rascamaceiras, segundo di a acta do xurado, é un relato “profundamente lírico e á vez cotián cargado de fino erotismo e sostido nunha linguaxe poética na que destacan o coidado do vocabulario, o ritmo dos versos e a tensión das pausas”.
O xurado desta edición estivo formado por Paco de Tano, poeta e Presidente de Caldeirón, Leticia Naya Varela, concelleira de Cultura de Malpica e Medos Romero, poeta gañadora da XIV edición deste mesmo certame. A reunión do xurado tivo lugar hai uns días de forma telemática. O fallo ía ser anunciado, como é tradición, na Cea das Letras que Caldeirón organiza cada ano pero o evento debeu adiarse pola situación sociosanitaria.
Neste acto ía ter lugar tamén a presentación do libro gañador do ano pasado, Peixes que esvaraban ao unísono, de Medos Romero. O libro, editado por Caldeirón xa está dispoñible nas librarías. Será presentado en Malpica, xunto coa entrega do premio e a prometida actuación do dúo Aldaolado en canto as circunstancias o permitan.
En canto ao libro premiado este ano e o accésit, ambos serán publicados por Caldeirón en 2021 na colección Illas Sisargas.”