Xosé Alfredo Naz Fernández gaña o XI Certame Avilés de Taramancos

“O escritor Xosé Alfredo Naz Fernández (Vigo, 1972, profesor de Matemáticas que xa gañou o certame Ánxel Fole, o XXXVI de narracións curtas Modesto Figueiredo e o Ciencia que conta de 2009) gañou o XI Certame de relatos de aventuras Antón Avilés de Taramancos co relato O sorriso de Hitler. Leva por iso 3.000 euros e a publicación da obra. Nesta edición do concurso de relatos de aventuras participaron 18 obras. O xurado, no cal estaba, entre outros, o gañador do ano pasado, o ribeirense Antonio Piñeiro, destacou a calidade das obras presentadas.” Vía Certo.

Convocado o XI Certame Literario de Relato de Aventuras Antón Avilés de Taramancos

Estas son as bases do XI Certame Literario de Relato de Aventuras Antón Avilés de Taramancos:

1. Poderán concorrer ao Certame de Relato de Aventuras todas as persoas, maiores de idade, de calquera nacionalidade, cun único traballo en galego de temática libre que sexa inédito, encadrado no relato de aventuras.
2. A obra, cunha extensión entre 70.000 e 100.000 caracteres, presentarase por cuadriplicado en exemplares separados, mecanografados por unha soa cara, debidamente grampados, cosidos ou encadernados sen firma e cun lema e utilizando o sistema de plica.
3. O prazo de admisión dos orixinais rematará o día 23 de marzo de 2012.
4. Os traballos serán remitidos a:
Concello de Noia
Rosalía de Castro, 2
15200 Noia

5. Estabelécese un único premio de 3000 euros, ademais dunha escultura conmemorativa do artista noiés Alfonso Costa, e a publicación da obra gañadora por parte do Excmo. Concello de Noia. O importe do premio estará suxeito á lexislación fiscal vixente.
O premio está consignado na partida 334.48000, atopándose retido o crédito necesario.
A entrega do premio realizarase mediante transferencia bancaria ao gañador/a que deberá achegar ao Concello de Noia a certificación emitida polo banco ou caixa, correspondente á súa conta. Unha vez presentada esta certificación o Concello disporá de cinco días hábiles para a realización efectiva do pagamento.
6. O xurado terá todas as facultades para a decisión do premio, que poderá quedar deserto, para interpretar as bases e a súa decisión será discrecional e baseada en criterios de valoración literarios e lingüísticos. Estará composto polo Alcalde do Concello de Noia, ou persoa na que delegue, que actuará como presidente. Un membro da revista de creación literaria e cultural Casa da Gramática do IES Virxe do Mar de Noia que actuará como secretario/a. E tres vogais nomeados/as entre persoas de recoñecido prestixio no eido das letras galegas. O xurado emitirá publicamente o seu veredicto o día 27 de abril de 2012.
7. Os traballos non premiados serán devoltos, previa solicitude, e os restantes destruidos transcorridos vinte días desde a data do veredicto do Certame. Non poderán participar neste certame os autores premiados en edicións anteriores.
8. O feito de concorrer ao Certame implica a aceptación das devanditas bases.

Antonio Piñeiro gaña o Certame literario de relato de aventuras Antón Avilés de Taramancos, con A dama fulxente

“O escritor e profesor ribeirense Antonio Piñeiro (1962) gañou a décima edición do Certame literario de relato de aventuras Antón Avilés de Taramancos que convoca o Concello de Noia e organiza o IES Virxe do Mar pola súa obra A dama fulxente. O xurado -formado polas escritoras e profesoras Mariña Pérez Rei –gañadora da anterior edición do premio-, Mercedes Queixas e Vanesa Oliveira, elixiu por “unanimidade” o texto de Antonio Piñeiro entre os 14 orixinais presentados.
Centrado nos albores da Revolución Francesa, A dama fulxente narra a viaxe de curación de Anne Geneviève a través do Camiño de Santiago até Noia. O xurado salientou “a mestría narrativa” do autor mais a súa “linguaxe precisa e evocadora que busca a sorpresa dende o primeiro parágrafo”. A forza “suxestiva” do relato deixa no padal do lector “as ganas de continuar indagando sobre esta convulsa etapa histórica” que rematou coa decapitación de Luis XIV. O xurado destacou tamén a presenza dun salto temporal no relato que “crea dous ambientes temporais na obra e o lector ten que fiar un co outro”. Na súa opinión, o final da obra resulta “imprevisible” e axuda a crear un “halo de misterio ao redor da dicotomía entre ciencia e fe” e que tamén fai referencia “ás intrigas propias da época por alcanzar poder e vanagloria na Corte”. O galardón está dotado con tres mil euros, unha escultura do artista Alfonso Costa e a publicación do relato en Toxosoutos, nunha edición que irá acompañada polas ilustracións de Pío Costa. No acto, celebrado onte na casa de cultura noiesa, tamén participaron o concelleiro en funcións de Facenda, Lino García e Xavier Castro, profesor e secretario do xurado”. Vía Galicia Hoxe.

Convocado o X Certame literario de relato de aventuras Antón Avilés de Taramancos

O Concello de Noia convoca o X Certame literario de relato de aventuras Antón Avilés de Taramancos, coas seguintes

BASES

1. Poderán concorrer ao Certame de Relato de Aventuras todas as persoas, maiores de idade, de calquera nacionalidade, cun único traballo en galego de temática libre que sexa inédito, encadrado no relato de venturas.
2. A obra, cunha extensión entre 70.000 e 100.000 caracteres, presentarase por cuadriplicado en exemplares separados, mecanografados por unha soa cara, debidamente grampados, cosidos ou encadernados sen firma e cun lema e utilizando o sistema de plica.
3. O prazo de admisión dos orixinais rematará o día 30 de abril de 2011.
4. Os traballos serán remitidos a:
Concello de Noia
Rosalía de Castro, 2 -15200 Noia (A Coruña)
5. Estabelécese un único premio de 3000 euros, ademais dunha escultura conmemorativa do artista noiés Alfonso Costa, e a publicación da obra gañadora por parte do Excmo. Concello de Noia. O importe do premio
estará suxeito á lexislación fiscal vixente.
6. O xurado terá todas as facultades para a decisión do premio, que poderá quedar deserto, e para interpretar as bases. Estará composto por persoas de recoñecido prestixio no eido das letras galegas e emitirá publicamente o seu veredicto o día 27 de maio de 2011.
7. Os traballos non premiados serán devoltos, previa solicitude, e os restantes destruídos transcorridos vinte días desde a data do veredicto do Certame. Non poderán participar neste certame os autores premiados en
edicións anteriores.
8. O feito de concorrer ao Certame implica a aceptación das devanditas bases.

Pódense descargar neste arquivo .pdf: X Certame Literario de relato de aventuras Antón Avilés de Taramancos.