Meira entrega os premios do IX Certame Avelino Díaz tras recibir case 300 traballos de toda Galicia

Desde TerraChaXa:
“A Casa do Concello de Meira acollerá este venres, 19 de xuño, ás 19.00 horas, o acto de entrega dos premios do IX Certame de Debuxo e Creación Literaria Avelino Díaz, unha iniciativa promovida polos concellos de Meira e Riotorto coa colaboración da Asociación Cultural Avelino Díaz.
A convocatoria volveu rexistrar unha elevada participación, con preto de 300 traballos procedentes de centros educativos e participantes de practicamente toda Galicia, consolidándose como unha das citas culturais de referencia para a promoción da creatividade artística e literaria en lingua galega.
Na categoría de debuxo, destinada a nenos e nenas de entre 3 e 8 anos, o primeiro premio foi para Pablo Morcillo Devesa, do CEIP Plurilingüe Poeta Avelino Díaz de Meira, pola obra Historia de Avelino. O segundo galardón recaeu en Xiana Folgueira Pacio, do mesmo centro, por O sol de Avelino, mentres que o terceiro premio foi para Sabela Pérez González, do CEIP de Riotorto, coa obra A casiña de Avelino. O accésit correspondeu a Youssef Moujniba, tamén do CEIP Plurilingüe Poeta Avelino Díaz, por Avelino inspirándose no Miño.
No apartado de poesía para participantes de entre 9 e 12 anos, María Mercedes Moreno Cardoza, do CEIP de Riotorto, acadou o primeiro premio coa obra O paso do tempo. Nayara Ferreiro Díaz e María Vázquez Regueras, ambas do IES Leiras Pulpeiro de Lugo, obtiveron o segundo e terceiro premio respectivamente, coas creacións Judo e Belver.
Na categoría de poesía para mozos e mozas de entre 13 e 17 anos, o primeiro premio foi para Lía Enríquez Salgado, do IES Enrique Muruais da Pontenova, coa obra O galego. Julia Armada Recalde e Adrián Barciela Cabanas, tamén do mesmo centro educativo, recibiron o segundo e terceiro premio por As mans que gardan historias e A Terra queda. O accésit foi para Nelly Palmeiro Castro pola obra Quedan cousas túas.
Entre os participantes adultos na modalidade de poesía, Javier Rodríguez González, de Ourense, conseguiu o primeiro premio coa obra As illas antígrafas. O segundo premio foi para Carlos Neira Suárez, de Mugardos, por Leva e achega, mentres que Paula Andrea Ani, de Riotorto, obtivo o terceiro galardón con Bardo da Muxueira.
Na categoría de relato para maiores de idade, Soledad García Riveiro, de Nigrán, resultou gañadora co traballo Rockwell: mazos da auga. César Ramos Domínguez, da Baña, acadou o segundo premio con O vello Antián e Jacobo Paz Limia, da Coruña, o terceiro por A nai de Súa. O accésit foi para Roberto Jesús Hermida Lorenzo, de Cospeito, pola obra Muller fumando ao sol.
O xurado encargado de valorar os traballos estivo presidido por Xosé Otero Canto e contou como vogais con Mario Outeiro Iglesias e María Airado Otero. Actuou como secretaria Yoani Jartín Salgado.”

Compostela: presentación de As paroladas de Avelino Pousa Antelo na Radio Galega

A Baña reivindica a figura de Avelino Pousa Antelo co nomeamento de fillo predilecto

Desde o Concello da Baña:
“O pleno do Concello da Baña nomeará a Avelino Pousa Antelo fillo predilecto nun acto que se celebrará o próximo sábado, 14 de maio. O intelectual, escritor e mestre recibirá deste xeito unha merecida homenaxe póstuma da veciñanza do lugar que o veu nacer hai 108 anos, un recoñecemento que se prolongará coa colocación dunha placa conmemorativa na casa da cultura, cun xantar de irmandade e cunha presentación literaria.
Pousa Antelo (A Baña, 1914 – Teo 2012) foi un dos intelectuais máis activos na Galicia do século XX. O seu traballo como mestre e como dinamizador do rural loce a carón da súa talla intelectual e do seu labor en favor da cultura galega. A Baña quere honrar o seu percorrido vital co nomeamento de fillo predilecto, por acordo plenario o próximo sábado 14 ás doce da mañá.
Despois da cerimonia no salón de plenos, na casa da cultura descubrirase unha placa conmemorativa dedicada a Pousa Antelo. Intervirán no acto Quico Domínguez (representante da Fundación Penzol); Miguel Anxo Seixas Seoane (Fundación Castelao); Xosé R. Fandiño (Fundación Padroado Pedrón de Ouro); Amancio Liñares (historiador e escritor, autor de traballos e libros sobre a figura do homenaxeado); César Ramos (concelleiro da Baña); un representante do Concello de Teo, no que Pousa Antelo viviu os seus últimos anos; o cantor Xosé Luís Rivas ‘Mini’; Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística; Carme Varela, filóloga e escritora; e un familiar do celebrado intelectual. O músico Emilio Lois acompañará o acto coas súas pezas e interpretará o himno galego.
Para despois deste acto está prevista a celebración dun xantar de irmandade. Xa pola tarde, a escola vella de Barcala acollerá a presentación do libro As paroladas de Avelino Pousa Antelo na Radio Galega (Ed. Valentín Arias / Amancio Liñares), na que se recollen as súas intervencións nas ondas. Participará o alcalde da Baña Andrés García; o portavoz socialista e exalcalde José Antonio Pereira; Ángeles e Nora Pousa, fillas do homenaxeado; familiares de Valentín Arias; o poeta Xoán Xosé Fernández Abella e o editor Amancio Liñares.”