Rocío Leira gaña o XXII certame de Narración Curta Ánxel Fole

Desde Nós Diario:
“A Concellaría de Cultura de Lugo, a través da concelleira, Maite Ferreiro, deu a coñecer o resultado da XXII edición do Certame de Narración Curta Ánxel Fole.
A gañadora é Afogada, de Rocío Leira, escollida polo xurado formado por Ánxela Gracián, Manuel Bragado Rodríguez e Xosé Antonio Neira Cruz (gañador da pasada edición).
As tres destacaron “a calidade das voces narrativas presentadas e a orixinalidade e dificultade da estrutura proposta pola autora”. Xerais publicará a novela, da que quixo salientar “a súa excelencia” como obra de intriga, en canto á estrutura formal, o uso da multiperspectiva, a diversidade de tipoloxía textual e a polifonía de voces narradoras. Rocío Leira recibirá tamén un premio de 4.000 euros.”

Actividades promovidas pola AELG no Día de Rosalía, 24 de febreiro

BUEU2015-02-24 BUeu Eu Son RosalíaA CORUÑA2015-02-24 A Coruña Eu son RosalíaFERROL2015-02-24 Ferrol Eu Son RosalíaLUGO2015-02-24 Lugo Eu son RosalíaMADRID

Ás 19:00 o Grupo Bilbao convoca unha lectura de poemas de Rosalía diante da que fora a súa residencia madrileña, na rúa Ballesta, 13.

A RÚA DE VALDEORRAS

Como cada ano, está a celebrarse nos Concellos, tras aprobación dos seus plenos, a data do nacemento de Rosalía de Castro, coa lectura da súa obra en bibliotecas públicas ou naqueles lugares que dispoñan os Concellos. No Concello de A Rúa de Valdeorras lévase celebrando dende hai catro anos. Este ano terá lugar na biblioteca pública municipal sita na rúa Hermanos Losada, 15 (Casa da Cultura da Rúa).
Hoxe, 24 de febreiro, o alumnado dos centros Pablo Sexto, I.E.S. Cosme López Rodríguez, Colexio Manuel Respino, Taller da Memoria e público en xeral, teñen unha cita co mundo rosaliano ás 19:30 h.

VIGO2015-02-24 Vigo Eu Son Rosalía cartelrosaliaSanTomeVigo(2)

Lugo: Suso Lista será o protagonista da próxima Cata Literaria do MIHL

OSuso Lista xoves 13 de novembro a partir das 20:00 horas, no Museo Interactivo da Historia de Lugo (Parque da Milagrosa), Suso Lista será o escritor protagonista da Cata Literaria, que presentará o seu libro Salseiros, publicado por Embora. Máis información, tamén sobre como adquirir as entradas, aquí.

Bases do XVII Certame de Narración Curta Ánxel Fole – 2014

A Concellería de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua do Concello de Lugo convoca a XVII Edición do Certame de Narración Curta Ánxel Fole, que se rexerá polas seguintes

BASES

1ª. Poderá concorrer calquera autor ou autora, de calquera nacionalidade, que presente unha obra escrita en lingua galega conforme á normativa oficial, establecida pola Real Academia Galega. As obras presentadas deben ser orixinais e inéditas, entendendo por obra inédita a que non foi comunicada nin na súa totalidade nin en parte por ningún tipo de procedemento.
2ª. As obras presentadas poderán consistir tanto nunha novela curta como nun conxunto de relatos, en calquera caso cunha extensión total mínima de 50 folios estándar e máxima de 100, equivalentes respectivamente a 90.000 e 180.000 carácteres con espazos. Cada autor ou autora poderá presentar cantas obras quixer.
3ª. Establécese un único premio de catro mil (4.000) euros, que estará suxeito ás retencións legalmente establecidas. Enténdese que o importe do premio inclúe e compensa os dereitos económicos polos primeiros mil exemplares vendidos da obra premiada, ós cales os autores e autoras renuncian polo feito de presentárense a este certame e obteren o premio.
4ª. A obra premiada será publicada por Edicións Xerais de Galicia, S. A. Esta editorial asinará co autor ou autora un contrato de edición nas condicións habituais, sempre de acordo coa lexislación vixente sobre a propiedade intelectual, e tendo en conta a exención prevista na base anterior. O autor ou autora recibirá gratuitamente trinta exemplares da primeira edición, e o Concello de Lugo outros trinta.
5ª. Das obras presentaranse tres exemplares mecanografados, en follas impresas por unha soa cara e cun tipo e tamaño de letra facilmente lexibles, debidamente paxinadas e encadernadas, no departamento de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua do Concello de Lugo (Praza Maior, 1, 27001 LUGO), indicando no exterior do sobre ou paquete Para o XVII Certame Ánxel Fole.
6ª. Os orixinais presentaranse baixo lema, sen ningún dato que identifique a autoría. Con eles achegarase un sobre pechado, en cuxo exterior constará o lema e o título da obra, e no interior o nome completo (e o nome literario ou pseudónimo de publicación no seu caso), o enderezo e o teléfono do autor ou autora, o correo electrónico se o tiver, e unha fotocopia do DNI ou pasaporte.
7ª. O prazo de presentación pecharase o 31 de decembro do 2014. Nos envíos postais admitiranse os que foran expedidos ata a devandita data límite.
8ª. O xurado deliberante estará formado por tres persoas competentes na materia, designadas pola Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, unha delas a proposta de Edicións Xerais de Galicia. Con voz e sen voto, formarán tamén parte do xurado a Concelleira de Cultura e un funcionario que ela designe e que actuará como secretario.
9ª. O xurado reunirase para discernir o premio –que non poderá ser dividido, pero si declarado deserto– antes do 31 de marzo do 2015. As súas decisións serán inapelables.
10ª. Se no período de tempo transcorrido entre a presentación dunha obra e o ditame do xurado esa obra obtivera outro premio, o autor débello comunicar inmediatamente ó Concello de Lugo, retirándoa do Certame Ánxel Fole. En calquera caso, enténdese que a obtención dun premio anterior implica a renuncia automática ó premio Ánxel Fole que lle puidera ser atribuído a esa obra por descoñecemento desta circunstancia, sen prexuízo doutras responsabilidades en que o autor ou autora puidera incorrer pola omisión do deber formulado nesta base.
11ª. Os orixinais non premiados poderán ser recuperados polos seus autores dentro do mes seguinte á publicación da decisión do xurado, ben recolléndoos persoalmente no Servizo de Cultura do Concello de Lugo, ben solicitando o seu envío por correo, en ámbolos casos identificándose e identificando a obra de xeito suficiente a xuízo do funcionario secretario do xurado ou da xefa do Servizo, que fican obrigados á discreción sobre os datos de autoría que así coñezan. Unha vez transcorrido o devandito mes, os orixinais non retirados serán destruídos xunto coas súas plicas.
12ª. A participación no certame supón e implica a aceptación total das súas bases.

Funambulistas gaña o XVI Premio de Narrativa Curta Ánxel Fole de Lugo

Desde Noticieiro Galego:
“O 22 de marzo outorgouse o XVI Premio de Narrativa Curta Ánxel Fole, convocado polo Concello de Lugo á novela curta de Mercedes Leobalde Funambulistas. (…) Nesta edición presentáronse ó premio un total de 62 orixinais entre novelas curtas e libros de relatos.
O xurado deliberante, composto por Olga Novo, Marica Campo e Manuel Bragado (representante de Edicións Xerais de Galicia que publicará o libro premiado), acordou concederlle o premio nesta XVI edición, primeira do novo estilo, a Mercedes Leobalde, pola súa novela breve titulada Funambulistas.
Do xurado formaron parte tamén, pero sen voto, Carmen Basadre Vázquez, Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, que actuou como presidenta, e Darío Xohán Cabana, Coordinador de Publicacións do Concello, en funcións de secretario.”

Lugo: remata o segundo Obradoiro de Narración Oral da Escola de Escritoras e Escritores da AELG

O segundo ciclo do Obradoiro de Narración Oral da Escola de Escritores/as da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), co patrocinio da Concellaría de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua do Concello de Lugo remata mañá martes, 17 de decembro, ás 18:00 horas, no salón de actos do Centro Social Uxío Novoneyra (Rúa Quiroga Ballesteros, 1) de Lugo, coa presenza de Avelino González, quen nos vai desvelar os seus particulares “trebellos do contar”, as fontes de onde bebe os contos, ou como os garda para logo volver a eles cando quere lembralos.
Contaremos coa presenza da Concelleira de Cultura do Concello de Lugo, Carmen Basadre, e dos dous escritores que impartiron este obradoiro, Isidro Novo e Antonio Reigosa, quen o ano pasado xa se encargaran do primeiro ciclo deste Obradoiro de Narración Oral.
O curso, baixo o título Técnicas e exercicios prácticos de narración oral e cuxas prazas foron totalmente cubertas, abordou ao longo de trece xornadas de dúas horas de duración  todos os ámbitos da oralidade, dende a tradición ás tendencias máis innovadoras, co fin de inspirar a novos creadores e de estimular novas correntes baseadas nesa oralidade que tanto marcou a nosa literatura.
O obxectivo foi, pois, o de traballar coa oralidade e chamar a atencion sobre ese soporte comunicacional para volver a poñer en uso certas maneiras de transmitir que se foron perdendo por falta de uso e que hai uns anos eran do máis habitual.
Estudáronse contidos que abranguen unha variada escolma de materias co fin de acadar notables coñecementos das técnicas da narrativa oral.

Convocada a XVI edición do Certame de Narración Curta Ánxel Fole

“A Concellería de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua do Concello de Lugo convoca a XVI Edición do Certame de Narración Curta Ánxel Fole, que se rexerá polas seguintes

BASES

1ª. Poderá concorrer calquera autor ou autora, de calquera nacionalidade, que presente unha obra escrita en lingua galega conforme á normativa oficial, establecida pola Real Academia Galega. As obras presentadas deben ser orixinais e inéditas, entendendo por obra inédita a que non foi comunicada nin na súa totalidade nin en parte por ningún tipo de procedemento.
2ª. As obras presentadas poderán consistir tanto nunha novela curta como nun conxunto de relatos, en calquera caso cunha extensión total mínima de 50 folios estándar e máxima de 100, equivalentes respectivamente a 90.000 e 180.000 carácteres con espazos.
Cada autor ou autora poderá presentar cantas obras quixer.
3ª. Establécese un único premio de catro mil (4.000) euros, que estará suxeito ás retencións legalmente establecidas. Enténdese que o importe do premio inclúe e compensa os dereitos económicos polos primeiros mil exemplares vendidos da obra premiada, ós cales os autores e autoras renuncian polo feito de presentárense a este certame e obteren o premio.
4ª. A obra premiada será publicada por Edicións Xerais de Galicia, S. A. Esta editorial asinará co autor ou autora un contrato de edición nas condicións habituais, sempre de acordo coa lexislación vixente sobre a propiedade intelectual, e tendo en conta a exención prevista na base anterior. O autor ou autora recibirá gratuitamente trinta exemplares da primeira edición, e o Concello de Lugo outros trinta.
5ª. Das obras presentaranse tres exemplares mecanografados, en follas impresas por unha soa cara e cun tipo e tamaño de letra facilmente lexibles, debidamente paxinadas e encadernadas, no departamento de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua do Concello de Lugo (Praza Maior, 1, 27001 LUGO), indicando no exterior do sobre ou paquete Para o XVI Certame Ánxel Fole.
6ª. Os orixinais presentaranse baixo lema, sen ningún dato que identifique a autoría. Con eles achegarase un sobre pechado, en cuxo exterior constará o lema e o título da obra, e no interior o nome completo (e o nome literario ou pseudónimo de publicación no seu caso), o enderezo e o teléfono do autor ou autora, o correo electrónico se o tiver, e unha fotocopia do DNI ou pasaporte.
7ª. O prazo de presentación pecharase o 31 de decembro do 2013. Nos envíos postais admitiranse os que foran expedidos ata a devandita data límite.
8ª. O xurado deliberante estará formado por tres persoas competentes na materia,  designadas pola Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, unha delas a proposta de Edicións Xerais de Galicia. Con voz e sen voto, formarán tamén parte do xurado a Concelleira de Cultura e un funcionario que ela designe e que actuará como secretario.
9ª. O xurado reunirase para discernir o premio –que non poderá ser dividido, pero si declarado deserto– antes do 15 de marzo do 2014. As súas decisións serán inapelables.
10ª. Se no período de tempo transcorrido entre a presentación dunha obra e o ditame do xurado esa obra obtivera outro premio, o autor débello comunicar inmediatamente ó Concello de Lugo, retirándoa do Certame Ánxel Fole. En calquera caso, enténdese que a obtención dun premio anterior implica a renuncia automática ó premio Ánxel Fole que lle puidera ser atribuído a esa obra por descoñecemento desta circunstancia, sen prexuízo doutras responsabilidades en que o autor ou autora puidera incorrer pola omisión do deber formulado nesta base.
11ª. A participación no certame supón e implica a aceptación total das súas bases.”

ANEXO

“Os orixinais non premiados poderán ser recuperados polos seus autores dentro dos dous meses seguintes á publicación da decisión do xurado, ben recolléndoos persoalmente no Servizo de Cultura do Concello de Lugo, ben solicitando o seu envío por correo, en ámbolos casos identificándose e identificando a obra de xeito suficiente a xuízo do funcionario secretario do xurado ou da xefa do Servizo, que fican obrigados á discreción sobre os datos de autoría que así coñezan. Unha vez transcorridos os devanditos dous meses, os orixinais non retirados serán destruídos xunto coas súas plicas.”

Lugo: Letra das Festas: O San Froilán de hai 50 anos, o 10 de outubro

O xoves 10 de outubro, ás 19:30 horas, no Círculo de las Artes de Lugo, nun acto organizado pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, coa colaboración da Concellaría de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, terá lugar a Letra das Festas. Historias do San Froilán de hai 50 anos, onde se falarán de músicas, atraccións e espectáculos, persoeiros, anécdotas… A entrada será libre e gratuíta.
Participarán doce persoas nacidas ou residentes en Lugo desde hai moitos anos:
Adela Figueroa, profesora e escritora.
Alfonso Blanco Torrado, crego e activista social.
Xerardo Pardo de Vera, avogado, actor e antigo batería do histórico grupo de música pop “Los Pekenikes”.
Manuel Pajón, músico, baixo desde 1969 a 1980 da “Calú 96”, histórica orquestra de Lugo que amenizou o San Froilán moitos anos.
Mª Concepción López Fernández, que achegará lembranzas de cando era a nena.
Pilar Yáñez Lombardía, foi mestra ata que unha enfermidade a deixou sen vista con apenas 49 anos.
Felipe Arias, arqueólogo e historiador, director do Museo do Castro de Viladonga.
Xesús Regueiro, responsable da Galería Sargadelos de Lugo
Jorge Chao, foi concelleiro do PP e directivo do baloncesto en Lugo moitos anos.
Higinio Martínez Fernández de la Vega, funcionario xubilado, avogado, sobriño-neto de Celestino Fernández de La Vega.
Suso Arrizado, antigo traballador na térmica das Pontes e en Alúmina, dedicado ao sindicalismo nacionalista desde mozo.
Xosé López, mestre xubilado, natural de Guntín, que lembra as súas visitas ao san Froilán cando era neno.
– A fermosa fotografía que ilustra o cartel de convocatoria deste acto (Comendo o polbo no San Froilán de 1970) é da autoría do veterano fotógrafo Carlos Valcárcel.
– Na parte musical interveñen Sito Sedes, unha das voces con máis personalidade da música galega do último medio século, acompañado ao piano por Sergio del Castillo, músico cubano afincado en Galicia desde 1994, que interpretarán temas de moda das décadas dos 50 e 60 do pasado século.
Coordinan e presentan: Isidro Novo e Antonio Reigosa (sección de literatura de tradición oral da AELG).

Lugo: comeza o segundo Obradoiro de Narración Oral da Escola de Escritoras e Escritores da AELG

O segundo ciclo do Obradoiro de Narración Oral da Escola de Escritores/as da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), co patrocinio da Concellaría de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua do Concello de Lugo comezará mañá martes, 24 de setembro, ás 18:00 horas, na Aula D do Centro Social Uxío Novoneyra (Rúa Quiroga Ballesteros, 1) de Lugo, coa presenza da Concelleira de Cultura, Carmen Basadre, e dos dous escritores que impartirán este obradoiro, Isidro Novo e Antonio Reigosa, quen o ano pasado xa se encargaran do primeiro ciclo deste Obradoiro de Narración Oral.
O curso, que se estenderá até o 17 de decembro tras 13 sesións semanais, baixo o título Técnicas e exercicios prácticos de narración oral e cuxas 25 prazas foron totalmente cubertas, abordará ao longo de trece xornadas de dúas horas de duración todos os ámbitos da oralidade, dende a tradición ás tendencias máis innovadoras, co fin de inspirar a novos creadores e de estimular novas correntes baseadas nesa oralidade que tanto marcou a nosa literatura.
O obxectivo é pois o de traballar coa oralidade e chamar a atención sobre ese soporte comunicacional para volver a poñer en uso certas maneiras de transmitir que se foron perdendo por falta de uso e que hai uns anos eran do máis habitual.
Estudaranse contidos que abranguen unha variada escolma de materias co fin de acadar notables coñecementos das técnicas da narrativa oral como son:
– Oralidade con música: regueifa, repentismo, rap…
– Técnicas de improvisación oral.
– Linguaxes non verbais da oralidade.
– Técnicas de lectura en voz alta.
– Fórmulas de inicio e remate dunha narración oral.
– Para contar un conto ben contado.
– Repertorio do narrador/a oral.

Durante a primeira semana de novembro levarase a cabo a Semana da Oralidade con sesións prácticas aberta ao público, e a última das sesións será unha clase maxistral de Avelino González.

Lugo: Segundo Obradoiro de Narración Oral da Escola de Escritoras e Escritores da AELG, do 24 de setembro ao 17 de decembro

Está aberto o prazo para solicitar unha das 25 prazas do segundo obradoiro de Narración Oral da Escola de Escritores/as da AELG, que se adxudicarán por orde de solicitude, con preferencia ás persoas participantes no primeiro obradoiro, celebrado o ano pasado.
O obradoiro, financiado pola Concellaría de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, é gratuíto, e será impartido polos escritores Antonio Reigosa e Isidro Novo. A última das sesións será unha clase maxistral de Avelino González.
Baixo o título Técnicas e exercicios prácticos de narración oral, desenvolverase ao longo de trece xornadas de dúas horas de duración do 24 de setembro ao 17 de decembro. As clases serán os martes de 18:00 a 20:00 horas no Centro Social Municipal Uxío Novoneyra (rúa Quiroga Ballesteros) e a inscrición gratuíta poderá formalizarse entre o 9 de xullo e o 15 de setembro no Rexistro Xeral do Concello de Lugo (Edificio Administrativo do Concello de Lugo, na Ronda da Muralla s/n). O número de prazas é de 25 e adxudicaranse por rigorosa orde de inscrición, con preferencia para as/os participantes no primeiro ciclo do curso.
Durante a presentación aos medios, Carmen Basadre, Concelleira de Cultura, sinalou que “visto o éxito da primeira edición decidiuse continuar xa que entendemos que a oralidade constitúe un dos piares fundamentais para transmitir a nosa cultura”. Pola súa parte, Antonio Reigosa, explicou que “o obxectivo é traballar coa oralidade para transmitir toda a cultura e buscamos chamar a atencion sobre ese soporte comunicacional para volver a poñer en uso certas maneiras de transmitir que se foron perdendo por falta de uso e que hai uns anos eran do máis habitual”.
Estudaranse contidos que abranguen unha variada escolma de materias co fin de que o alumnado acade notables coñecementos das técnicas da narrativa oral como son:
– Oralidade con música: regueifa, repentismo, rap…
– Técnicas de improvisación oral.
– Linguaxes non verbais da oralidade.
– Técnicas de lectura en voz alta.
– Fórmulas de inicio e remate dunha narración oral.
– Para contar un conto ben contado.
– Repertorio do narrador/a oral.
Durante a primeira semana de novembro levarase a cabo a Semana da Oralidade con sesión prácticas abertas ao público.