Convocado o XV Premio de Poesía Johán Carballeira

Achegamos as BASES do XV Premio de Poesía Johán Carballeira, convocado polo Concello de Bueu:

1. Poderán concorrer a el tódalas autoras e autores que presenten os seus orixinais escritos en lingua galega. Os textos, cuxa extensión deberá superar os 400 versos, terán que ser inéditos e non estar premiados en anteriores convocatorias do premio nin en ningún outro concurso de poesía (de suceder isto con posterioridade á presentación dos traballos, o/a autor/a deberá comunicarllo inmediatamente á organización).
2. Presentaranse 3 copias en tamaño folio, mecanografadas a dobre espazo, numeradas e grampadas ou encadernadas. Estas deberán vir identificadas cun lema. Xunto coas copias achegarase un sobre pechado, identificado co mesmo lema, que conterá os seguintes datos: nome e apelidos do/a autor/a, DNI ou pasaporte, enderezo, número de teléfono e correo electrónico.
3. As obras presentaranse en sobre pechado, coa indicación XV PREMIO DE POESÍA JOHÁN CARBALLEIRA e sen remite, no seguinte enderezo: CONCELLO DE BUEU, rúa Eduardo Vincenti, nº 8, 36930 Bueu (Pontevedra).
4. O prazo de presentación dos orixinais remata o 31 decembro de 2011.
5. O xurado estará composto por tres persoas vinculadas á literatura galega e máis un/ha secretario/a.
6. O premio terá unha dotación única de 1.500 euros, contía á que se lle aplicarán as retencións fiscais oportunas. Inclúe ademais a publicación da obra gañadora por parte do Concello de Bueu. En todo caso, o premio, que é único e indivisible, poderá declararse deserto.
7. A resolución do premio terá lugar a finais do mes de febreiro. A decisión do xurado, ademais de comunicarse ó gañador ou gañadora da convocatoria, anunciarase a través dos medios de comunicación no transcurso da semana anterior á entrega do premio.
8. As obras devolveranse por correo postal ás autoras e autores que o soliciten no prazo de dous meses contados dende o día seguinte ao da resolución do xurado. Os traballos non reclamados en prazo serán destruídos.
9. O Concello de Bueu resérvase durante un ano os dereitos de publicación da obra premiada, en tódalas linguas do Estado. Nese sentido, o/a autor/a renuncia a favor do Concello, na 1ª edición, a calquera tipo de remuneración polos seus dereitos de autor/a. De existiren posteriores edicións deberase facer constar que a obra recibiu o XV Premio de Poesía Johán Carballeira.
10. A participación nesta convocatoria implica a aceptación das normas contidas nas presentes bases, así como a decisión do xurado, que será inapelable.”

Bases do Premio de Xornalismo Johán Carballeira 2011

Achegamos as BASES do XV Premio de Poesía Johán Carballeira, convocado polo Concello de Bueu:

1. O certame está aberto a traballos de temática libre pertencentes a calquera xénero periodístico, publicados con firma ou pseudónimo entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2011. Os traballos, que deberan ter sido publicados en medios impresos ou dixitais, estarán escritos en lingua galega.
2. Aceptaranse un só traballo por autor/a. Non poderán presentarse as persoas gañadoras das dúas últimas edicións do premio.
3. De cada traballo teñen que presentarse un orixinal e 3 copias da páxina ou páxinas completas da revista ou xornal que acolleu a súa publicación. Dos traballos publicados en medios dixitais deberán presentarse en calquera caso 3 copias impresas, non aceptándose aqueles traballos que se remitan por correo electrónico. Tanto nos orixinais coma nas copias debe figurar a data de publicación dos traballos.
4. As obras presentaranse en sobre pechado, coa indicación IX PREMIO DE XORNALISMO JOHÁN CARBALLEIRA, no seguinte enderezo: CONCELLO DE BUEU, rúa Eduardo Vincenti, nº 8, 36930 Bueu (Pontevedra). No interior do sobre, ademais dos traballos, achegarase unha folla coa seguinte información: nome do/a autor/a, DNI ou pasaporte, enderezo, número de teléfono e correo electrónico.
5. O prazo límite para a recepción dos traballos que participen neste certame péchase o día 10 de xaneiro de 2012.
6. O premio terá unha dotación única de 1.500 euros, contía á que se lle aplicarán as retencións fiscais oportunas. O premio, que é único e indivisible, poderá declararse deserto.
7. O Xurado estará composto por tres persoas vinculadas ao xornalismo galego, unha delas nomeada pola asociación colaboradora Amigos de Johán Carballeira, e máis un/ha secretario/a. Este xurado valorará positivamente aqueles traballos enmarcados nos xéneros da reportaxe e a entrevista, xéneros nos que desenvolveu maioritariamente o seu labor xornalístico Johán Carballeira.
8. A resolución do premio terá lugar a finais do mes de marzo de 2012. A decisión do xurado, ademais de comunicarse ó gañador ou gañadora da convocatoria, anunciarase a través dos medios de comunicación no transcurso da semana anterior á entrega do premio.
9. O Concello de Bueu resérvase o dereito de reprodución dos traballos premiados, así como de calquera outro presentado ó certame, na forma e o medio que estime máis conveniente, aínda que incluíndo sempre o nome de cada autor/a.
10. A participación nesta convocatoria implica a aceptación das normas contidas nas presentes bases, así como a decisión do xurado, que será inapelable.”

Convocado o VII Concurso de Relatos de Muller Matilde Bares polo Concello de Bueu

O Concello de Bueu convoca o VII Concurso de Relatos de Muller Matilde Bares, coas seguintes bases:
“- Participantes: Poderán participar homes e mulleres maiores de idade e residentes na Comunidade Autónoma de Galicia.
Tema: Será libre, dentro da temática de muller. Non obstante, valorarase especialmente o tratamento da igualdade de oportunidades entre homes e mulleres, a corresponsabilidade nas obrigas familiares e sociais e a violencia de xénero. Os criterios de valoración para elixir as obras premiadas serán a orixinalidade no tratamento do tema, a expresión literaria, a creatividade e a utilización dunha linguaxe non sexista.
Prazo de presentación: As obras teñen que ser presentadas -ou enviadas por correo- desde o 8 de marzo ata o 31 de maio ao Rexistro Xeral do Concello de Bueu (Eduardo Vincenti, 8, 36930 Bueu-Pontevedra), facendo constar no sobre CONCURSO DE RELATOS DE MULLER, MATILDE BARES.
Premio: O premio consiste nunha dotación económica de 1500 €. O premio darase a coñecer nun acto público ó que terá a obriga de asistir a persoa gañadora.
Condicións técnicas da obra: Os relatos só se poderán presentar no idioma galego. Os relatos serán orixinais e inéditos e non premiados con anterioridade en calquera outro concurso ou certame, para tales efectos, os concursantes realizarán unha declaración xurada na que se manifeste esta cuestión e que se presentará coa documentación requirida. Os traballos presentaranse en soporte papel e informático, debidamente paxinados. Terán unha extensión non inferior a 20 folios nin superior aos 40, escritos por unha soa cara, letra Times New Roman, tamaño 12 e interliñado 1,5. Os relatos entregaranse por cuadriplicado, co título da obra, lema e sen sinatura. Ademais, achegarase nun sobre pechado o nome e apelidos, enderezo, teléfono e fotocopia do DNI da autora/or. No exterior do sobre indicarase o título da obra e lema da autora/or. Cada autor/a, poderá presentar o número de relatos que estime conveniente.
Xurado: O xurado, designado polo CIM, estará integrado por tres membros de recoñecida relevancia no eido literario. Actuará coma secretaria do mesmo, con voz e sen voto, a directora do CIM. A decisión do xurado, que será inapelable, darase a coñecer no mes de xuño.
Devolución das obras: A obra premiada quedará en poder do Concello de Bueu, sendo do mesmo a titularidade dos dereitos e de publicación durante un ano. Os orixinais non premiados poderán retirarse no C.I.M. de Bueu, un mes despois de que se faga pública a decisión do xurado. Os que non se recollan neste prazo, serán destruídos.
Normas Finais:
O xurado do certame terá a competencia de resolver calquera circunstancia non prevista nas presentes bases. O concello de Bueu declina a responsabilidade que poida xurdir no caso de que o relato gañador faga referencia a persoas vivas e circunstancias reais das que non teña coñecemento, e non se faga referencia expresa á autorización dos interesados/as. Será responsable únicamente o/a autor/a. O concello de Bueu non se fará cargo dos custos económicos para a devolución das obras por correo das/os autoras/es que o soliciten. A participación neste certame supón a total aceptación das presentes bases.”

Moncho Paz gaña o premio de xornalismo Johán Carballeira

O xornalista Moncho Paz (Vilalba, 1970) foi distinguido co VIII premio de xornalismo Xohán Carballeira, organizado polo concello de Bueu (Pontevedra) polo traballo Entrei en Radio France porque falaba galego. O xurado, constituído por Carmen Novas Ferradás, Manuel Antón Mosteiro García e Óscar Iglesias Arauxo, reuniuse o sábado 19 de marzo de 2011 para resolver o dito premio, actuando como secretario e en representación do Concello de Bueu Xabier Framil Barreiro. O traballo gañador é unha entrevista ao xornalista e escritor Ramón Chao, que se caracteriza por fuxir dos tópicos e que demostra unha boa documentación previa por parte do autor, segundo a resolución do xurado, que se reuniu onte. Segundo esta resolución, o autor da entrevista logra, a partir dun tema de actualidade, a presentación da obra Prisciliano en Compostela, intercalar momentos do pasado e do presente de Ramón Chao e consegue conxugar a necesaria distancia xornalística e o achegamento ao personaxe.