Dodro: entrega do XXVIII Premio de poesía Eusebio Lorenzo Baleirón a Xerardo Quintiá e presentación de Zonas de tránsito, de Ramón Neto

O sábado 19 de decembro, ás 17:30 horas, no CPI Eusebio Lorenzo Baleirón de Dodro, terá lugar a entrega do XXVIII Premio de poesía Eusebio Lorenzo Baleirón, gañado por Xerardo Quintiá. No mesmo acto preséntase Zonas de tránsito, de Ramón Neto, obra gañadora da pasada edición do premio.

1934181_947792458591802_3158847627239909214_n

Xerardo Quintiá gaña o XXVIII Premio de poesía Eusebio Lorenzo Baleirón con Fornelos&Fornelos. Segunda Fundación

DesdeXerardo Quintiá o Concello de Dodro:
“O sábado 12 de decembro produciuse na Casa da Cultura de Dodro o fallo do xurado da XXVIII Edición do Premio de Poesía Eusebio Lorenzo Baleirón, na que resultou como gañador Xerardo Quintiá Pérez coa súa obra Fornelos&Fornelos. Segunda Fundación. A obra do poeta, narrador e autor de literatura infantil e xuvenil, forma parte de Fornelos&Fornelos, cuxa primeira parte, Fornelos&Fornelos. Primeira Fundación, foi premiada co Premio de Poesía Fiz Vergara Vilariño na súa XI Edición.
O xurado destacou o elevado nivel de todas as obras que se presentaron ao Premio, decantándose pola de Quintiá debido ao seu estilo sobrio e limpo, que vai ao esencial mantendo un ritmo constante que alterna poemas con moita musicalidade con outros máis próximos á prosa ou á lingua falada dándolle riqueza tonal. O poemario é unha constante reflexión do que somos, facendo unha intersección entre pasado e presente, con referencias culturalistas da literatura universal que enriquecen o texto e lle dan un novo sentido.
Grazas aos membros do xurado pola súa colaboración, e tamén grazas a Manuel Lorenzo, irmán do noso autor, e aos seus dous amigos, Paulino Vázquez e David Pérez Iglesias, sempre presentes para lembrar a Eusebio.
A cerimonia de entrega será o próximo día 19 de decembro ás 17:30 horas no CPI Eusebio Lorenzo Baleirón, onde vos agardamos a todos e todas para honrar novamente ao noso poeta.”

Ramón Neto gaña o XXVII Premio de Poesía Eusebio Lorenzo Baleirón coa obra Zonas de tránsito

DesdeRamón Neto 2013-06-11 Prague o Concello de Dodro e no blogue de Armando Requeixo, Criticalia:
Ramón Neto, arousán do ano 1975, é o gañador da XXVII edición do Premio de Poesía Eusebio Lorenzo Baleirón que convoca o Concello de Dodro. Así o decidiu por maioría o xurado, reunido esta mañá na Casa de Cultura, tras valorar “a boa estructuración e a eficaz progresión temática, que bebe de lecturas de tradición xermana como Paul Celan e Hölderlin”
O gañador, que se presentou ao certame cun poemario titulado Zonas de tránsito, reside en Bruselas e ten obra literaria publicada Agora, como gañador do Premio de Poesía Eusebio Lorenzo Baleirón recibirá 2.300 euros e a edición da obra.
Coordinado nesta edición por Xabier Castro Martínez, director do Centro PEN Galicia, o xurado estivo composto por Berta Dávila, Armando Requeixo, Román Raña, Gonzalo Hermo e a concelleira de Cultura, Voluntariado e Asociacionismo de Dodro, Cristina Codesido Fernández que actuou como secretaria sen voto.
Previo ao fallo, os membros do xurado, acompañados polo alcalde de Dodro, Valentín Alfonsín Somoza, Manuel Lorenzo Baleirón, irmán de Eusebio e do poeta Paulino Vázquez, rendiron un tributo poético ademáis dunha ofrenda floral no cemiterio de San Xián de Laíño, onde repousan os restos de Eusebio Lorenzo Baleirón.”

Serxio Iglesias gaña o XXV Premio Eusebio Lorenzo Baleirón con Viaxe ao interior da fenda

“O libro orixinal Viaxe ao interior da fenda, do escritor de Corcubión Serxio Iglesias Rodríguez, resultou gañador da XXV edición do Premio de Poesía Eusebio Lorenzo Baleirón, que convoca o Concello de Dodro. O autor, nado en Bos Aires en 1966, actualmente profesor de Lingua e Literatura Galegas en Cee, mostrou unha «grande satisfacción» por acadar este premio que o xurado elixiu por unanimidade.
Coordinado nesta edición por Xabier Castro Martínez, director do Centro PEN Galicia, o xurado estivo composto por María Xesús Nogueira, Inma López Silva, Pura Prado e Bieito Iglesias. O xurado destacou do libro orixinal premiado a «capacidade para reescribir unha temática universal como é a perda, así como o coidado no rexistro poético, especialmente na selección léxica e na creación de imaxes». Asemade, quere deixar constancia da alta calidade dos 38 traballos presentados nesta edición, o que indica «o momento de grande vitalidade da poesía galega actual e da importante contribución do Premio Eusebio Lorenzo Baleirón ao prestixio e promoción das nosas letras», segundo declara o alcalde de Dodro, Valentín Alfonsín.
Na xornada do fallo, celebrada días atrás, os membros do xurado, acompañados de Manuel Lorenzo Baleirón, irmán de Eusebio, fixeron unha ofrenda floral na tumba do escritor no cemiterio de San Xián de Laíño. A entrega do premio, que ten unha dotación de 2.300 euros, terá lugar o vindeiro día 15 de decembro”. Desde La Voz de Galicia.

Convocado o XXV Premio de Poesía Eusebio Lorenzo Baleirón

BASES DO XXV PREMIO DE POESÍA EUSEBIO LORENZO BALEIRÓN 2012

1. O Concello de Dodro, para honrar a memoria do seu ilustre poeta e contribuír á promoción da poesía galega, manifestación sobranceira da nosa literatura, convoca a XXV edición do PREMIO EUSEBIO LORENZO BALEIRÓN.
2. Poderán concorrer a este certame as poetas e os poetas que o desexen, con cadanseu libro escrito en lingua galega, segundo a normativa vixente.
3. Os poemarios aspirantes ao premio serán de tema e forma libres, cunha extensión mínima de 500 versos e máxima de 800. Deberán ser orixinais e estar inéditos na súa totalidade, condición que se estende ao soporte dixital. No momento do fallo do certame, non poderán estar presentados a ningún outro concurso.
4. Os participantes deberán enviar 4 exemplares da obra, mecanografados, sen remite identificador, ó seguinte enderezo:
XXV Premio de Poesía Eusebio Lorenzo Baleirón
Concello de Dodro
Tallós, 32
15981 Dodro- A Coruña
5. As obras concursantes deberán ostentar o título e un lema, que tamén figurará no exterior dun sobre que conteña a fotocopia do DNI do autor ou autora, o seu teléfono e enderezo, así como un pequeno currículo literario, no caso de que teña obra publicada.
6. O prazo de presentación das obras remata o día 6 de novembro do ano 2012.
7. A dotación do Premio, único e indivisible, será de 2.300 euros. Se o xurado o considera oportuno, pola baixa calidade dos libros presentados, o premio poderá ser declarado deserto.
8. O xurado será designado polo Concello de Dodro. Formarano o presidente e o secretario –este, con voz e sen voto-, ambos membros da Corporación Municipal, e catro especialistas vencellados á poesía e/ou á crítica literaria. A composición do xurado farase pública cando remate o prazo de admisión de orixinais.
9. O fallo será dado a coñecer nun acto que se celebrará na Casa da Cultura do Concello de Dodro o día 1 de decembro de 2012. A entrega do premio realizarase o día 16 do mencionado mes. As obras non premiadas serán devoltas aos autores que as soliciten no prazo dun mes a contar do día do fallo.
10. A obra galardoada publicarase dentro da Colección de Poesía Eusebio Lorenzo Baleirón da Editorial Sotelo Blanco, que se reserva os dereitos de edición. A contía do premio será considerada como un adianto dos dereitos de autoría. O autor ou autora recibirá gratuitamente 25 exemplares.
11. A participación nesta convocatoria implica a aceptación das bases e a interpretación que delas faga o xurado, non admitíndose recurso contra a decisión que este nas suas funcións adopte.”