Arquivos da etiqueta: Concello de Fene
Fene: recital poético Voces do Obradoiro de Poesía. A Grafía da Emoción
O vindeiro xoves 16 terá lugar a última das sesións Obradoiro de creación literaria “Poesía: a grafía da emoción”, que vén impartido por Pablo Bouza desde o 14 de setembro. Este é tamén o último dos obradoiros dos que Escola de Escritores da AELG programou para este ano, neste caso coa colaboración do Concellería de Cultura do Concello de Fene e da súa Biblioteca Pública Municipal Xosé María Pérez Parallé, e co patrocinio da Deputación da Coruña e a Consellaría de Cultura.
Carlos Lixó gaña o Premio Nacional de poesía Xosemaría Pérez Parallé
Desde La Voz de Galicia:
“A trixésima edición do Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé, que convoca o Círculo Mercantil e Industrial de Fene, xa ten gañador, Carlos Lixó Gómez (Ribeira, 1991), graduado en Historia pola Universidade de Santiago e doutorando en Historia Medieval nesa mesma institución académica compostelá, que actualmente se encontra realizando unha estancia de investigación na Universidade Nova de Lisboa. Lixó fíxose co galardón pola obra Murallas de pedra sen cemento que duran para sempre, o seu primeiro poemario.”
Fene: Escola de Escritoræs. Obradoiro de creación literaria, con Pablo Bouza Suárez: Poesía: a grafía da emoción
O Obradoiro de creación literaria, con Pablo Bouza Suárez: Poesía: a grafía da emoción é unha iniciativa da Escola de Escritoras-es da AELG, coa colaboración do Concello de Fene-Concellería de Cultura-Biblioteca Pública Municipal Xosé María Pérez Parallé e o patrocinio da Deputación da Coruña e a Consellaría de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.
Será impartido por Pablo Bouza, e terá unha duración de 10 sesións de 2 horas cada unha (mércores e xoves: 14 setembro; 20 de setembro; 28 de setembro; 5 de outubro; 11 de outubro; 18 de outubro; 26 de outubro; 2 de novembro; 9 de novembro e 16 de novembro). A data de comezo é a do 14 de setembro de 2017.
O lugar é a aula de estudo da Biblioteca Pública Municipal “Xosé María Pérez Parallé” de Fene (Avenida de Conces, 20-22). Como chegar.
Haberá 20 prazas, gratuítas, para maiores de 16 anos, que se asignarán por orde de solicitude.
Na sesión do 9 de novembro participará, como autor convidado, Miguel Anxo Fernán-Vello.
Inscricións do 1 ao 12 de setembro na Biblioteca Pública Municipal “Xosé María Pérez Parallé” nos seguintes horarios:
Do 1 ao 8 de setembro (de luns a venres en horario de 10:00 a 14:00 h) Os días 11 e 12 de setembro en horario de 16:00 a 20:30 h.
O obradoiro enmárcase na Escola de Escritoras e Escritores da AELG, iniciativa que centra os seus esforzos en impartir, por concellos de todo o país, obradoiros con formatos e destinatarios diversos, nos que se abordan diferentes xéneros literarios e contidos. Trátase dunha iniciativa que, cos autores/as como guías, ten o obxectivo de transmitir a experiencia apaixonante do acto creador, tentando concienciar á sociedade do imprescindíbel que é a estimulación creativa na escrita e o seu papel complementario na formación do individuo. O proxecto aposta por ofrecer á mocidade un sistema lingüístico, literario e cultural propio no que asentar as súas raíces.
OBXECTIVOS:
1. Estimular a sensibilidade poética e fomentar a creatividade literaria no ámbito da poesía.
2. Internarse na riqueza da linguaxe poética e das súas posibilidades expresivas.
3. Achegarse ao texto poético desde unha perspectiva distinta.
4. Traballar a expresión escrita e oral en diversos soportes.
5. Practicar técnicas poéticas.
6. Fomentar o gusto pola lectura poética.
7. Coñecer as características e fomentar o gusto pola literatura galega contemporánea.
8. Fomentar a creatividade do alumnado.
9. Perder o medo a experimentar coa linguaxe.
10. Enfrontarse ao público: recital de poesía.
METODOLOXÍA:
1. Lúdico-descritiva.: explicación, exemplificación, actividades e xogos.
2. Traballo individual e en grupo. Proposta de lecturas e exercicios de escritura en cada sesión.
3. Participación activa das/os compoñentes do grupo sobre as propostas dadas no obradoiro.
4.- Compartir cos/as outros/as as nosas inquedanzas literarias, para ver, en e cos/as outros/as, a nosa diferenza.
PROGRAMACIÓN E DESENVOLVEMENTO DO OBRADOIRO
1.- Que é a poesía? Para que serve a poesía? Autopoéticas.
Definicións clásicas de poesía. Autopoéticas de diferentes autores/as. Reflexionamos sobre o que significa para cada autor/a a poesía e faremos unha tentativa de autopoética por parte de cada alumno/a.
2.- Versos, rimas e estrofas. Medimos versos. Xogamos coas rimas e medidas. A poesía sen rima.
3.- Recursos literarios en poesía: recursos fonéticos e semánticos. A importancia poética das reiteracións (aliteracións, anáforas, textos monovocálicos, tautogramas, enumeracións…).
Traballamos sobre o poema “Medo”, de Raymond Carver.
4.- Xogamos e investigamos coa linguaxe: poemas roubados, poemas incompletos, poema completo, poema do eco, poemas narrados, poemas dialogados, poema Dadaísta, poema sobresdrúxulo, poema hipotético, poemas tolos, caligramas, poema do sol, poema vello/poema novo, centón, acrósticos, jitanjáforas, lipogramas e palíndromos.
5- Outras estruturas poéticas: poemas cunha única vogal, versos con monosílabos, acrósticos, rachamos palabras e creamos poemas… O contido poético das palabras. A brevidade intensa dos haikus.
6- Poemas que cambian as vidas. As miñas lecturas poéticas. Falamos e lemos sobre os nosos autores preferidos. Compartimos versos. Fontes literarias. A importancia da lectura poética.
7.- A lectura de poemas. Xogar coa lectura de poemas. Vocalizar, entoar, comunicar…
8.- Algunhas referencias sobre a poesía galega contemporánea e actual. Autor/a invitado/a.
9.- O estilo propio. A publicación da intimidade. Escribo o meu poema.
Lectura ou recital final.
*Esta programación poderá sufrir algún cambios e adaptarase ás esixencias e interese do grupo.
Primará o traballo de escrita e pretendo ser un mediador que ilusione aos alumnos. Contaxiar o pracer da poesía. Vivir a poesía e o proceso creativo coma unha festa da palabra.
Bases do XXX Premio Nacional de poesía Xosemaría Pérez Parallé
Miriam Ferradáns acada o XXIX Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé
“O Xurado do Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé, reunido na sede do Círculo Mercantil e Industrial-Unidade de Fene, acordou seleccionar como obra gañadora deste ano a titulada Dos nomes de fume, de Miriam Ferradáns Ferradas.
Na acta do Xurado -formado polos escritores Lara Dopazo, Paco Souto e Eduard Velasco– saliéntase coma un valor do libro gañador “o fío narrativo que conduce a quen le ao longo de todas as páxinas”. Tamén se pon de manifesto que “o conxunto, escrito cun estilo limpo e cunha clara vontade de construción dunha voz propia, goza dunha forte unidade e solidez”.
Miriam Ferradáns é natural do concello pontevedrés de Bueu. Diplomada en Traballo Social pola Universidade de Vigo, na actualidade desenvolve traballos relacionados co ensino secundario. (…)”
Bases do XXIX Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé
Fene: presentación de Os privilexios dos somnámbulos, de Pablo Bouza
Jesús Castro Yáñez obtén o XXVIII Premio Pérez Parallé
Desde o Premio Pérez Parallé:
“O xurado da XXVIII edición do Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé, formado por Estíbaliz Espinosa, Estevo Creus e Fran Cortegoso, escolleu hoxe o libro Os nomes e os himnos como obra gañadora da edición deste ano do certame.
Aberta a plica, descubriuse o nome do autor: Jesús Castro Yáñez, poeta nado en Baltar, A Pastoriza, en 1992.
O gañador obtivo, antes deste, outros premios pola súa obra poética: o Minerva, o Xela Arias ou o Ánxel Casal son algúns deles. Recentemente foi galardoado co I Premio de relato breve Nélida Piñón do concello de Cotobade polo relato O vello e o minotauro.
O Premio Pérez Parallé, convócase desde hai xa case trinta anos no Centro Mercantil e Industrial Unidade, de Fene. Colabora con el o Concello de Fene e a editorial Espiral Maior, dirixida polo poeta Miguel Anxo Fernán Vello, que publicará a obra gañadora.
O próximo sábado 21 de novembro terá lugar na sede do Círculo Mercantil a entrega dao premio, nun acto que contará coa presenza de Juventino Trigo, alcalde de Fene e coa actuación da rondalla Estrelecer.”