Desde o Concello de Ferrol e Xerais:
“A novela O violín de Rembrandt, de Jorge Llorca Freire, resultou gañadora do XXXI Premio de Novela Longa Blanco Amor, convocado polo Concello de Ferrol. Así o anunciou o venres día 6 o concelleiro de Cultura, Manuel Reyes García Hurtado, logo da xuntanza mantida polo xurado no pazo municipal.
Os integrantes do xurado da trixésimo primeira edición do Premio de Novela Longa Blanco Amor, integrado por Medos Romero, Xabier P. Docampo, Manuel Forcadela e Laura Tato, destacou a calidade e variedade da totalidade das obras presentadas. Con respecto á obra gañadora, trátase dunha novela en que prima o humor cun ton áxil, fresco e irreverente que reflicte ambientes sociais de pequenas cidades, nas que o contraste entre o global e o local se ve neutralizado con personaxes cotiás. Unha obra que cualificaron como “nada do desexo de contar e que da como resultado unha narración fluída e gozosa para o lector”. O premiado, Jorge Llorca Freire, recibirá un premio en metálico de 12.020 euros.
Finalmente, o responsable das políticas culturais da Administración ferrolá avanzou que o galardón será entregado o 2 de novembro, nun acto que terá lugar no Teatro Jofre, a partir das 20.30 horas.”
Arquivos da etiqueta: Concello de Ferrol
Manifesto en defensa do Ateneo Ferrolán
MANIFESTO EN DEFENSA DO ATENEO FERROLÁN
“As persoas abaixo asinantes, rexeitan drasticamente a operación que está levando a cabo goberno Popular do Concello de Ferrol, de ocupar a actual sede do Ateneo con outras entidades, reducindo o espazo ateneísta a unha pequena parte na que dificilmente poderían desenvolverse as actividades habituais da entidade. Igualmente, dito goberno Popular pretende cambiar o nome do edificio, Ateneo Ferrolán, polo de Centro cultural y cívico Concepción Arenal.
Os edificios, situados na rúa Magdalena 202 e o primeiro andar do número 204, conforman a sede do Ateneo Ferrolán dende hai máis de trinta anos, e así son coñecidos pola cidadanía. Un nome, Ateneo Ferrolán, que en sí mesmo garda o concepto fundamental que encerra a entidade: aberta, plural, democrática e defensora dos valores culturais do noso país. Características de especial recoñecemento no ámbito local, nacional e estatal.
O Ateneo ferrolán, creado en Ferrol en 1879, é un lugar aberto á cidadanía e impulsor dunha permanente actividade de carácter cultural, social e progresista, en tódalas suas manifestacións. Por outra banda, posúe unha biblioteca-hemeroteca de grande interese, utilizada diariamente por lectores e investigadores.
É por todo isto que non podemos permitir que o Partido Popular, no uso da súa maioría absoluta no Concello de Ferrol, distribúa arbitrariamente os espazos do Ateneo, do mesmo modo que pretenda facer desaparecer o seu nome asociado ao edificio. Feitos os dous que semellan provir do desexo de acalar o tradicional desenvovemento cultural da entidade en favor de Ferrol e da cultura galega.
Se queres asinar o manifesto, podes mandar o teu nome e DNI ao seguinte enderezo electrónico: rosamendez.ferrol@gmail.com ou ben entrar nesta ligazón e facelo directamente.
GRACIÑAS!!!!”
Ferrol: exposición-homenaxe a Ricardo Carvalho Calero, organizada polo Concello
Ferrol: Encontros Carvalho Calero no centenario do seu nacemento
O venres 10 e sábado 11 de decembro, no 3º andar da Biblioteca Municipal de Ferrol, teñen lugar os Encontros Carvalho Calero, en conmemoración do seu centenario na súa cidade natal. O programa dos mesmos é o seguinte:
Venres 10
16:00-16:30 h. Recepción e entrega de material
16:30-17:30 h. Esbozo biográfico de Carvalho Calero. Relator: Martinho Montero Santalha, presentado por Mercedes Carbajales Iglesias.
17:30-18:00 h. Acto inaugural.
18:00-19:00 h. O ensaio lingüístico do profesor Carvalho Calero. Relatora: María Pilar García Negro, presentada por Pablo Santomé Soto.
19:00-20:00 h. A creación literaria do profesor Carvalho Calero. Relatora: Araceli Herrero Figueroa, presentada por Carmen Porta.
20:00 h. Actividades lúdico-culturais.
Sábado 11
09:30-10:30 h. Carvalho Calero na política galeguista. Relatora: Aurora Marco, presentada por Delia Vázquez.
10:30-11:30 h. O professor Carvalho Calero ao longe. Relatora: Maria do Carmo Henríquez Salido, presentada por Henrique Dacosta.
11:45-12:45 h. D. Ricardo, profesor na USC. Relator: José Luís Rodríguez, presentado por Bernardo Máiz.
12:45-14:30 h. Carvalho Calero e a innovación pedagóxica en Galiza. Presenta e modera: Adela Figueroa Panisse:
— Depuración e resistencia. A ‘Institución Libre de Enseñanza’ e a renovación pedagóxica en Galiza. Relator: Anxo Serafim Porto Ucha
— Fingoi, 60 anos de innovación pedagóxica. Relatores: Asunción (Siña) Fernández Puentes e Ramón Reimunde Noreña.
14:30 h. Clausura.
A inscrición é gratuíta, podéndose realizar online a través deste enlace ou no enderezo carvalhocalero.educación@ferrol.es. O número de prazas é limitado, por rigurosa orde de inscrición. Está organizada polo Concello de Ferrol: Educación, Cultura e Universidade, e colabora a Universidade de Vigo: Vicerreitoria de Extensión Universitaria (que acreditará a asistencia e participación nestes Encontros cun diploma de dez horas).
Ditames do XVIII Certame de ensaio e narrativa Carvalho Calero
O xurado do XVIII Certame Literario e Lingüístico Carvalho Calero, presidido por Mercedes Carbajales, e con Ángeles González como secretaria, e integrado por Xabier P. Docampo, Rosa Aneiros, Carlos Pazos, Carlos Garrido e Victoria Salgado, deu a coñecer o seu fallo, anunciando que o catedrático e filólogo coruñés Manuel Castelao Mexuto resultou gañador no apartado de ensaio pola súa obra Elucidacións na sombra. Análise e interpretación de dúas pezas teatrais de Carvalho Calero. Na categoría de narrativa o premio quedou deserto por segundo ano consecutivo, xa que os traballos presentados non alcanzaron a calidade requerida nun certame que, recentemente, se decidía consolidar como bianual, co que a próxima convocatoria terá lugar no 2013. A entrega do premio celebrarase a finais de mes e destacaron a importancia da data, xa que neste ano se cumpre o centenario do nacemento de Ricardo Carvalho Calero, ilustre filólogo e escritor, membro numerario da Real Academia Galega e primeiro catedrático de Lingüística e Literatura Galega da Universidade de Santiago de Compostela. O gañador, Manuel Castelao Mexuto, verá editada a súa obra e recibirá un premio en metálico de 3.700 euros, destacando o xurado o traballo interpretativo e reflexivo, así como o gran esforzo didáctico do autor, ampliando así o seu público potencial. (Concello de Ferrol. Tamén se recolle a nova en Galicia Hoxe, Diario de Ferrol, Cultura Galega).
Diálogos literarios para recordar a Torrente Ballester
Hai hoxe dez anos morría o escritor ferrolán Gonzalo Torrente Ballester, unha das figuras máis destacadas da literatura española do século XX. O Concello de Ferrol, a Fundación Caixa Galicia e a Asociación “Amigos da Universidade” do Campus de Ferrol prepararon unha serie de actividades para conmemorar o aniversario que comezan pasadomañá, xoves 29 de xaneiro, cunha conferencia do escritor e membro da Real Academia de la Lengua Carlos Castillo del Pino, acompañado polo profesor da Universidade de Santiago de Compostela José Manuel Villanueva. Proseguirá o ciclo cun encontro entre Javier Cercas, autor da novela “Soldados de Salamina”, e a profesora da Universidade de Vigo, Carmen Becerra. Sete días despois, o 12 de febreiro, conversarán Julio Llamazares e Manuel Candelas. Xa en marzo poderemos escoitar aos poetas Miguel d´Ors e Xulio López Valcárcel, e para pechar este ciclo de Diálogos Literarios a Rafael Chirbes e o crítico Ángel Basanta. Será sempre no Salón de Actos da Fundación Caixa Galicia a partir das oito da tarde.