Bases da XX edición do Premio Plácido Castro de Tradución

“A Fundación Plácido Castro, da que forman parte os concellos de Corcubión, Cambados e Vilagarcía de Arousa, a Asociación Galega de Profesionais da Tradución e a Interpretación e o IGADI (Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional), convoca o Premio Plácido Castro de Tradución destinado a promover versións en lingua galega das grandes obras da literatura universal, con especial atención á súa presenza en Internet e as traducións para o galego de obras doutras linguas. Lémbrase, deste xeito, a figura de Plácido Castro, humanista, liberal, cosmopolita, símbolo da universalidade do nacionalismo galego que quixo estimular coas súas traducións a recuperación explícita da nosa identidade.

1. Poderán participar na convocatoria da vixésima edición do Premio Plácido Castro de Tradución obras traducidas ao galego e publicadas no ano inmediatamente precedente en formato papel ou dixital. Tamén poderán concorrer as obras libres de dereitos e publicadas na biblioteca virtual http://tradutoresgalegos.com/bivir.html pola persoa que as asina, ou xa entregadas e pendentes de publicación en BiVir.
2. A presentación como candidata ao premio implica a conformidade coas presentes bases.
3. As obras que concorran ao premio enviaranse á sede da Fundación Plácido Castro, sita en Rúa Nova, 4 36630 Cambados, Pontevedra ou por correo electrónico a presidencia@agpti.org ou info@igadi.gal, antes do 1 de maio de 2022.
4. O xurado do Premio estará composto por cinco persoas en representación das seguintes institucións: Asociación Galega de Profesionais da Tradución e a Interpretación (AGPTI), Real Academia Galega, Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo e Xunta de Galicia. Actuará como secretario con voz e sen voto unha persoa en representación da Fundación Plácido Castro. Estará facultado para resolver calquera dúbida a propósito destas bases e poderá instar o asesoramento que considere oportuno.
5. O xurado terá en conta fundamentalmente os seguintes criterios: corrección lingüística e ortotipográfica, calidade da versión, criterios de lectura e interpretación do orixinal, relevancia da obra nas culturas de orixe e chegada e adaptación ao destinatario.
6. O xurado dará a coñecer de inmediato a identidade da persoa premiada e fará públicas as razóns nas que se fundou para a concesión do premio.
7. O premio consistirá nun diploma acreditativo e unha peza escultórica deseñada expresamente para o concurso, obra de Xaquín Chaves. Así mesmo, estará dotado con 2.000 euros.
8. A entrega do Premio terá lugar no lugar e data que sinale a Fundación Plácido Castro.”

Vilagarcía, Cidade do Libro 2021: actos destacados do 26 e 27 de xuño

O 27 de xuño finaliza Vilagarcía, Cidade do Libro (na Praza da II República e no Parque de Miguel Hernández), organizada polo Concello de Vilagarcía, cos seguintes actos literarios destacados para estes días:

Sábado 26
18:00 h. Na Illa de Cortegada, presentación de A memoria da choiva e Un lume azul, de Pedro Feijoo, e Misterio na Illa de Cortegada, de Manuel Oubiña, publicados por Xerais.
21:00 h.. No Escenario de Autoras-es da Praza da II República, Encontro literario coa participación de Ledicia Costas, María Oruña e Domingo Villar.

Domingo 27
12:30 h. No Parque de Miguel Hernández. Presentación de A Tropa contra o Virus, de Alberto Avendaño.
19:00 h. No Parque de Miguel Hernández. Encontro e contos con Paula Carballeira.

Vilagarcía, Cidade do Libro 2021: actos destacados do 23 de xuño

O 23 de xuño continúa Vilagarcía, Cidade do Libro (na Praza da II República e no Parque de Miguel Hernández), organizada polo Concello de Vilagarcía, cos seguintes actos literarios destacados para este día:

18:00 h. Roteiro con Marcos Calveiro arredor da novela O xardineiro dos ingleses. Comeza na Praza II República. Reserva de entradas previa no Auditorio.
21:00 h. Na Praza da II República, Encontro literario moderado por Carlos Crespo, coa participación de Marcos Calveiro, Manuel Gago e Jorge Molist.

Vilagarcía, Cidade do Libro 2021: actos destacados do 21 e 22 de xuño

O 21 de xuño comeza Vilagarcía, Cidade do Libro (na Praza da II República e no Parque de Miguel Hernández), organizada polo Concello de Vilagarcía, cos seguintes actos literarios destacados para estes días:

Luns 21
12:00 h. Na Illa de Cortegada, presentación de Camiño de paixóns, de Carlos Meixide, publicado por Galaxia.
A partir das 19:30 h., na Praza da II República, o autor asinará exemplares da súa obra.

Martes 22
19:00 h. No Escenario de Autoras-es da Praza da II República, A ovella Engracia, contacontos a cargo de Lucía Aldao e María Lado.
21:00 h. No Escenario de Autoras-es da Praza da II República, Encontro literario moderado por Montse Fajardo, con introdución dunha lectura poética de Andrea Fernández Maneiro, coa participación de Marilar Aleixandre, Arantza Portabales e Nieves Abarca.
Previamente, ás 19:30 horas, as autoras asinarán exemplares das súas obras.

A Rede Galega de Teatros e Auditorios leva a Vilagarcía a Excéntricas, Eme2, Señora Supina, Redrum e Malasombra

Desde Agadic:
“As compañías galegas Producións Teatráis Excéntricas, Eme2 emoción&arte, Señora Supina, Redrum e Malasombra levarán os seus últimos espectáculos nos vindeiros meses ao Auditorio Municipal de Vilagarcía de Arousa, dentro da programación da Rede Galega de Teatros e Auditorios que impulsa a Xunta de Galicia.
A Consellería de Cultura e Educación, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), xestiona e cofinancia este circuíto xunto aos seus 39 concellos asociados para lles ofrecer aos espectadores galegos 601 citas escénicas neste 2018.
O director da Agadic, Jacobo Sutil, e a concelleira de Cultura de Vilagarcía, Sonia Outón, presentaron hoxe esta carteleira acompañados por algúns dos seus protagonistas: Josito Porto e Víctor L. Mosqueira (actores de Excéntricas) e a xornalista Montse Fajardo, autora do libro no que se inspira a peza Invisibles.
A programación comezará o 29 de setembro coa peza de Valle-Inclán A cabeza do dragón a cargo de Excéntricas e baixo a dirección de Quico Cadaval. Eme2 estará o 13 de outubro coa súa visión da dificultade das relacións familiares que presenta A leituga,  o colectivo de recente formación Señora Supina, froito do alumnado da Escola Superior de Arte Dramática (ESAD) de Galicia porá en escena Cinco mulleres que comen tortilla o 20 de outubro, e Redrum Producións representará Invisibles, título que aborda a lacra da violencia de xénero en clave feminina o 24 de novembro. Pola súa banda, o 15 de decembro visitará Vilagarcía a proposta de teatro familiar Os fabulosos Cleaners, da man de Malasombra Producións.
Na súa intervención, o director da Agadic lembrou que o Auditorio Municipal de Vilagarcía é un activo e continuado membro dentro da Rede Galega de Teatros e Auditorios. “Ata finais de ano, pisarán este escenario cinco compañías do país con cadanseu espectáculo, compoñendo unha carteleira moi equilibrada en canto a xéneros e estilos, así como de elevado nivel artístico. Isto significa, ademais, que o público arousán terá acceso, de xeito próximo ao seu domicilio e coas mellores condicións de exhibición técnica, a unha selección das mellores producións escénicas que hoxe en día se están a facer en Galicia”, dixo.
A Rede Galega de Teatros e Auditorios é o principal circuíto de distribución profesional de espectáculos galegos. Iniciou xa no mes de agosto o seu segundo período de programación anual, para o que están previstas 255 citas culturais a cargo de 97 formacións artísticas (87 delas, galegas) en máis de 40 recintos escénicos de 39 concellos. Deste xeito, a Rede terá promovido no noso territorio un total de 601 funcións (de teatro, danza, novo circo, maxia ou narración oral) cun orzamento global de 1,63 millóns de euros achegados entre a Agadic e as entidades locais xestoras dos escenarios asociados.”