‘Cultura convocará en novembro as axudas para asociacións’

“A Consellería de Cultura volverá convocar en novembro as axudas para asociacións e fundacións desconvocadas esta mesma semana. A nova convocatoria terá a mesma contía, 300.000 euros, e as mesmas características, aínda que con cargo ao exercicio 2012. Segundo Cultura, as asociacións poderán presentar as súas peticións neste mesmo ano, en canto apareza publicada a convocatoria. Segundo o titular do departamento, Roberto Varela Fariña, “a suspensión da convocatoria debeuse máis a problemas técnicos polo fin do exercicio contable que a un recorte económico”. O conselleiro admitiu un retraso na resolución das axudas entre maio e outubro que impediu a execución da convocatoria no prazo, polo que “era máis sinxelo desconvocalas e convocalas de novo”. Asegura Varela Fariña que non houbo intención de “deixar desprotexidas as asociacións” e descartou que esta decisión favorecese outro tipo de actividades programas pola consellería. “Hai que manter un equilibrio entre a cultura que chamamos de base e a outra, pero quero lembrar que o 80 % da programación cultural da Cidade da Cultura faise con fondos privados e con artistas galegos”.” Vía La Voz de Galicia.

Santiago: Volver a Castelao

O sábado 15 de outubro, no Auditorio da Biblioteca da Cidade da Cultura de Galicia Monte Gaiás de Santiago de Compostela, terá lugar a Xornada Volver a Castelao, organizada pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, co patrocinio da Fundación Cidade da Cultura de Galicia e Consellaría de Cultura e Turismo. O programa, que pode ser descargado aquí (Volver a Castelao), está composto polas seguintes actividades:

10:30 h. Conferencia de Xusto Beramendi: Castelao e a construción da nación.
11:30 h. Conferencia de Manuel Rei Romeu: De Rosalía a Castelao.
12:30-13:00 h. Pausa.
13:00 h. Mesa redonda: Castelao ao pé da letra, con Xoán Costa e Inma López Silva.
16:30 h. Mesa redonda: Castelao e a arte do pensamento social, con Siro López e Xosé Lois “O Carrabouxo”.

Polafía en Xirarga (Beariz-Ourense), o sábado 1 de outubro

Co patrocinio da Consellaría de Cultura e Turismo e a colaboración das veciñas e veciños de Xirarga.

As polafías son un proxecto da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), coordinado polo vogal de Literatura de Tradición Oral, Antonio Reigosa, e que conta coa colaboración de diversas asociacións e co patrocinio de institucións públicas.
A palabra polafía é un neoloxismo referido ás reunións ou veladas de carácter festivo con contidos literarios e musicais, e ten como obxectivo primordial o de poñer en valor e rescatar do esquecemento o valioso patrimonio oral, literario e musical, galego. O termo polafía quere reunir no seu significado o mellor dos diferentes matices e acepcións de vellas palabras (polavilas, fías, fiadas, fiandóns, seráns,…) con semellantes contidos. A principal diferenza, en canto ao desenvolvemento, daquelas xuntanzas de antigo co desta nova proposta é que agora podemos, e debemos, axudarnos das novas tecnoloxías, desde os aparellos de gravación, que favorecen o arquivo e estudo do recompilado, ata o uso de novas tecnoloxías, caso de internet, que poden contribuír a unha ampla difusión deste patrimonio.
O formato das polafías require a presenza dun mantedor, divulgador ou especialista que introducirá e comentará as principais características das pezas e xéneros literarios amosados, dun recitador de poesía anónima ou de autor de feitío popular; dun músico, que interpretará romances, coplas ou cantares de raiceiras tradicionais. Sen embargo, o elemento humano transcendental e imprescindible no desenvolvemento de cada polafía constituírano os homes e mulleres, narradores, cantadores, romanceadores…etc, veciñas e veciños de cada lugar onde se desenvolva a polafía, pois eles son os auténticos protagonistas, os que xenerosamente transmiten o seu saber.
O que suceda nas polafías será gravado e logo difundido a través da web da AELG. As polafías teñen unha duración aproximada de 90 minutos.

Comunicado da AELG ante a renuncia de Agustín Fernández Paz a aceptar o Premio da Cultura 2010

A Asociación de Escritores en Lingua Galega, coñecido o fallo dos Premios da Cultura Galega 2010, outorgados pola Consellería de Cultura, traslada os seus parabéns ao noso socio Agustín Fernández Paz, premiado nesta convocatoria por vontade do xurado participante, ao tempo que quere facer público o seu inequívoco apoio á decisión tomada polo noso Socio de Honra de non aceptar este premio.
A AELG quere salientar a proxección do escritor Agustín Fernández Paz, autor de extensa e excelsa obra literaria que o ten convertido nas últimas décadas en referente indiscutíbel da literatura infantil e xuvenil no mundo, como explicitamente denota o altísimo volume de vendas dos seus títulos, a diversidade lingüística á que as súas novelas teñen sido traducidas e o múltiple recoñecemento co que ten sido agasallo en forma de prestixiosos premios de ámbito nacional, estatal e internacional.

Agustín Fernández Paz arrombou a diglosia errática á que a historia sociolingüística diacrónica nos conduciu, e aínda conduce na actualidade, e aceptou, sen prexuízos, a lingua propia e oficial, o galego, para guiarnos por multitude de viaxes reais e imaxinarias, itinerarios trazados en tempo presente, pasado e futuro, da man de personaxes novos e adultos, mesmo daqueles invisibilizados. Porque na obra narrativa de Agustín Fernández Paz, unha sensibilidade exquisita provocou que as mulleres, as nenas, tamén se convirtan en protagonistas activas e heroínas desenmascadoras que merecen o primeiro plano do relato, nunha evidente aposta metonímica pola agardada igualdade a todos os efectos na vida do noso día a día.
Eis o reto persoal: converter, a contrafío, en realidade visíbel, tanxíbel e veraz unha literatura infantil e xuvenil propia, en galego, contada desde nós, mais con vocación de universalidade. Conseguido o reto, e partillado polo noso mundo das letras, desde a AELG sumámonos ao exemplo de coherencia manifestado polo noso socio, que delata un compromiso vital e literario coa lingua galega, representada nomedamente na súa literatura, sempre en incesante proceso de recuperación e enriquecemento desde a súa pluma.

Consello Directivo da AELG

A Consellería de Cultura e Turismo saca a concurso a organización das Feiras do Libro

A Consellería de Cultura e Turismo, a través da Dirección Xeral de Promoción e Difusión da Cultura saca por primeira vez a concurso público a organización dos actos das feiras do libro de Galicia 2010 por un importe de 260.000 euros, segundo o publicado no Diario Oficial de Galicia de onte, día 21 de xaneiro. A Dirección Xeral de Promoción e Difusión da Cultura e a Federación de Libreiros de Galicia organizarán dez feiras en diferentes vilas e cidades galegas de abril a agosto do 2010. Nestes eventos o sector editorial ofertará unha ampla variedade das novidades literarias en todo tipo de soportes. [Ler nova completa]

Roberto Varela, novo Conselleiro de Cultura e Turismo

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, asinou hoxe o decreto de estrutura da Xunta, o cesamento dos anteriores conselleiros e o nomeamento dos novos membros do goberno. Da Consellería de Cultura e Turismo farase cargo o diplomático Roberto Varela, que dende 2004 desempeñaba a función de Cónsul en Nova York encargado de asuntos culturais. Neste enderezo poden ver unha entrevista con Roberto Varela feita en decembro de 2007 por Isaac Cordal, Roi Fernández e Berio Molina para o documental Balor, a little Galician accent but good.