Parlamento das Letras: Chelo Suárez

Entrevista de Armando Requeixo a Chelo Suárez no seu blogue, Criticalia:
“(…) – Armando Requeixo (AR): ¿Que cres que lle falta aínda ás nosas letras e que lle sobra definitivamente?
– Chelo Suárez (CS): É moi difícil pronunciarse neste apartado. As nosas letras foron asentadas solidamente, dignificadas por poetas e escritores ao longo do tempo. Síntome moi orgullosa do noso pasado literario, formado por escritoras e escritores magníficos. Mulleres e homes que abriron o camiño a cantos vimos detrás. Sobrarlle ás letras definitivamente? Quen está á altura de poder dicir: “isto é o que sobra”. Paréceme excesivamente pretensioso cando, en literatura, todo é admisible, nada se pode negar e, ata o máis fútil, pode ter o seu punto de orixinalidade. (…)
– AR: ¿Cal é a túa valoración do noso presente literario?
– CS: Comparo o noso presente literario cun ceo estrelado. Nel destacan autores fixos dun brillo inusitado, outros de menor intensidade, intermitentes, opacos… Algúns pasan cegantes, efémeros como lóstregos ante nós. Penso que temos un presente literario bastante desigual, pero nada aburrido. (…)”.

Tabela dos Libros de marzo, por Armando Requeixo

Desde o blogue Criticalia, de Armando Requeixo:
“Velaquí a Tabela dos Libros do mes de marzo. Nela figuran seleccionados os volumes que, ao ver d@s crític@s participantes (Manuel Rodríguez Alonso, Inmaculada Otero Varela, Francisco Martínez Bouzas, Héitor Mera Herbello, Montse Pena Presas e Armando Requeixo), son estimados como os máis recomendables de entre os publicados nas últimas semanas. Boas lecturas!”

Parlamento das Letras: Calros Solla

Entrevista de Armando Requeixo a Calros Solla no seu blogue, Criticalia:
“(…) – Armando Requeixo (AR): ¿Que cres que lle falta aínda ás nosas letras e que lle sobra definitivamente?
– Calros Solla (CS): Fáltalle quen as lea.
Sóbralle a impostura dos que arremeten contra o inimigo pola mañá; ao mediodía, partillan con el mesa e mantel e, pola noite, poñen a cama. (…)
– AR: ¿Cal é a túa valoración do noso presente literario?
– CS: Partimos dun pretérito ‘mais-que-perfeito’ e agarda por nós un futuro hipotético. O presente anda choqueleando no medio. (…)”.

Parlamento das Letras: Santiago Jaureguizar

Entrevista de Armando Requeixo a Santiago Jaureguizar no seu blogue, Criticalia:
“(…) – Armando Requeixo (AR): ¿Que cres que lle falta aínda ás nosas letras e que lle sobra definitivamente?
– Santiago Jaureguizar (SJ): As nosas letras son anómalas. Vivimos nunha xerontocracia filolóxica e atlántica. Non hai país no mundo no que a poesía sexa o xénero raíña. Normalmente, as culturas desenvolvidas (a alemá, a francesa…) son guiadas por pensadores que dan visións xerais e marcan a ruta colectiva. Mesmo culturas individualistas, como a anglosaxoa, están dominadas polos novelistas, porque eles fan unha interpretación de cada vida en singular que axuda aos receptores a sacudirse a perplexidade existencial. Neste país, non; neste país o importante son os nomes das partes do carro, como di Manuel Rodríguez Alonso, e que os Seijas escriban Seixas aínda que despois falen soamente en español.
A cultura galega é unha lección de anatomía rembrandtiana impartida a porta pechada. Ten unha asistencia limitada de doutores que analizan sobre a mesa de disección o cadáver desas mil primaveras que deixamos atrás. O feito de termos expertos en lingua cadrando balances contables é unha singularidade que, ben administrada, poderiamos usar como argumento sólido e único para a emancipación. (…)
– AR: ¿Cal é a túa valoración do noso presente literario?
– SJ: O noso presente literario é un caldo en repouso. Hai un pánico a pisar as bandas rodantes da autoestrada que me indigna. Custa atopar unha proposta que se bote fóra do feminismo, antipatriarcalismo, nacionalismo, anticapitalismo, guerracivilismo… Aburre tanto foco moral sobre os textos. A literatura non é Educación para a Cidadanía, ten que falar de como é a realidade, non de como debería ser. Borrazás deixoume orfo; pero, ben, de cando en vez publica Cid Cabido.”

Revistas dixitais, por Armando Requeixo

Desde o blogue Criticalia, de Armando Requeixo:
“Continuando co seu impagable labor de difusión e análise da literatura galega de noso, a AELG, a través do seu voceiro a revista Escrita contemporánea, publicou un volume no que se recollen as Actas do VI Encontro de Novos/as escritores/as baixo o título xeral de Da tinta á pegada dixital.
Esta entrega de Escrita contemporánea —que na súa particular numeración alfabetizada fai xa o R— debrócase no moi suxestivo e complexo mundo das revistas dixitais como novos espazos para a presenza da literatura na sociedade actual.
Cómpre dicir que, como queira que os encontros que reproduce esta publicación tiveron lugar en setembro do 2011, algunhas das informacións ou valoracións que nel se verteron foron xa matizadas ou superadas pola vertixinosa realidade dixital. Secasí, é evidente que a cerna do alí exposto segue a ter vixencia e que gran parte das súas propostas se viron tamén confirmadas neste tempo.
Prologado polo presidente da AELG, o poeta Cesáreo Sánchez Iglesias, o volume recolle unha conferencia inaugural de Tati Mancebo sobre As revistas na era dixital e os relatorios de dúas mesas redondas: unha primeira arredor do concepto Crear desde a ventá e unha segunda para As revistas dixitais na Galiza: pasado, presente e futuro.
Coordinada por Antía Otero, vicepresidenta da institución, a primeira das mesas reuniu as voces de tres poetas singulares que desenvolveron (e algúns aínda desenvolven) na Rede interesantes espazos de comunicación. Velaí o ciborg literario …mmmm… de Estíbaliz Espinosa, o colaxe creativo de Ana Cibeira e o punk poeticomusical de Leo F. Campos en Haicu.
Pola súa banda, a segunda das mesas tivo como mestra de cerimonias á tamén poeta Elvira Riveiro Tobío, quen cedeu a palabra a Chus Nogueira para que fixese un exhaustivo varrido das orixes e actualidade das revistas literararias en internet; a Gaspar Domínguez para que falase da poesía e o medio electrónico dende a súa experiencia como xestor da páxina Andar21.net; e a Montse Pena Presas para que se ocupase das plataformas que acubillan a crítica literaria galega entre retrincos de tinta e bytes.
É moi de agradecer que as xentes da AELG tomasen a iniciativa de convocar este foro e publicar as presentes actas. Neste mundo evidentemente internetizado, onde a convivencia da prensa en papel e os novos medios dixitais é unha realidade da que a práctica totalidade da nosa sociedade xa participa, facíase necesario reflexionar sobre as posibilidades que este novo continente abriu para a creación e o pensamento dende as revistas que pola arañeira circulan.
Para tod@s @s que, como ciberlector@s asidu@s, navegades polo ancho mar da Rede este Escrita contemporánea. Da tinta á pegada dixital ha ser lectura coa que hiperenlazar lediciosamente. As súas páxinas complementariamente non electrónicas esperan por vós.

[Publicado nos xornais El Ideal GallegoDiario de FerrolDiario de Arousa e Diario de Bergantiños, 10-2-2013]

Parlamento das Letras: Ledicia Costas

Entrevista de Armando Requeixo a Ledicia Costas no seu blogue, Criticalia:
“(…) – Armando Requeixo (AR): ¿Que cres que lle falta aínda ás nosas letras e que lle sobra definitivamente?
– Ledicia Costas (LC): Creo, con toda sinceridade e sen ánimo de ofender a ninguén, que sobra egocentrismo e falta humildade. Somos excesivamente vaidosos e ás veces non vemos máis alá do noso propio embigo. A todas aquelas persoas que escribimos nos gusta ver as nosas obras nos andeis ou nos escaparates das librarías, que nos digan cousas bonitas sobre os nosos textos ou esgotar edicións (negalo sería absurdo). O malo é cando precisamos alimentar constantemente a nosa vaidade e perdemos perspectiva. Paréceme imprescindible ter os pés na terra. Somos unha pinga no medio do océano. O sistema literario a nivel mundial é un auténtico maremágnum. (…)
– AR: ¿Cal é a túa valoración do noso presente literario?
– LC: Creo que nos atopamos nun momento no que as editoriais galegas están facendo un esforzo tremendo para conseguir que non se derrube todo coma un castelo de naipes. Baixa o número de publicacións, desaparece o apoio institucional, adeus ás compras para bibliotecas, libros de texto… As editoriais tratan de sobrevivir como sexa, reinventándose a si mesmas.
Eu non deixo de escoitar que é moito máis difícil publicar agora que hai dez anos. Coma se o mecanismo do mercado literario nos estivese obrigando a purgarnos a nós mesmos. Isto obríganos a facer mellores obras, a esforzarnos o dobre. Talento para facelo haino dabondo. (…)”

Tabela dos Libros de febreiro, por Armando Requeixo

Desde o blogue Criticalia, de Armando Requeixo:
“Velaquí a Tabela dos Libros do mes de febreiro. Nela figuran seleccionados os volumes que, ao ver d@s crític@s participantes, son estimados como os máis recomendables de entre os publicados nas últimas semanas.”

Parlamento das Letras: Víctor F. Freixanes

Entrevista de Armando Requeixo a Víctor Fernández Freixanes no seu blogue, Criticalia:
“(…) – Armando Requeixo (AR): ¿Que cres que lle falta aínda ás nosas letras e que lle sobra definitivamente?
– Víctor Freixanes (VF): Ás veces falta ambición. A ver se me explico… Cando o escritor (ou escritora) escriben, sexa en galego ou en calquera idioma, deben facelo contra o mundo, ou pensando no mundo, non para a pequena parroquia. Desgraciadamente traballamos demasiadas veces para a parroquia, para gratificar a parroquia, para compracela e sentirnos aloumiñados por ela (porque ir por libre é moi ingrato e ás veces recibes de todas partes). Na miña opinión, iso empobrece o escritor. Eduardo Blanco Amor foi sempre por libre. Velaí a súa obra e as críticas que recibiu en vida, mesmo de moitos que agora o levan de aquí para alá enriba dunha peaña. Rosalía de Castro tamén ía por libre, alén das artes e manobras de Manuel Murguía… O escritor, ou escritora, deben saber que escribindo en galego escribimos para medirnos con Shakespeare, con Cervantes, con Schiller, con John dos Passos, con Faulkner, con Jorge Amado, con Borges, cos máis grandes, clásicos ou contemporáneos, porque os nosos lectores len tamén fóra da parroquia e a literatura ten sentido se, dende a propia identidade, sabemos facela universal. Tan importante para un escritor ou escritora galegos é Rosalía, Castelao ou Otero Pedrayo coma Dante, Virxilio, Stendhal ou Rulfo. Todos estamos no mesmo universo, cocémonos no mesmo caldo, cheo de interferencias. Enriquecémonos e contaminámonos mutuamente. Ninguén é unha illa, dicía o poeta John Donne.
Se cadra esta é unha das eivas da literatura que estamos a facer: pensamos moito nos nosos pequenos currunchos privados, que ás veces son esferas de supervivencia particular; quedámonos no pequeno curruncho de afiliados simpatizantes e incondicionais (que logo non son tan incondicionais) e pensamos pouco no conxunto da sociedade (tamén da sociedade galega) que é plural e esixente. Menos etiquetas, menos discursos politicamente correctos, menos receitas previsibles e santificadas, menos amiguiños nos que protexernos e máis ambición. Estamos no tempo. Nunca tanta produción houbo. (…)
– AR: ¿Cal é a túa valoración do noso presente literario?
– VF: Moi plural, moi aberto, como dixen antes. Hai trinta anos todo era “sota, cabalo e rei”. Fóra de Cunqueiro, Blanco Amor, Otero, Castelao, Neira Vilas e algunha outra cousa apenas saïamos da resistencia. Afortunadamente, hoxe a literatura galega amosa unha pluralidade de rexistros que confirman a súa modernidade a todos os efectos. Tamén hai unha produción maior. Para que xurdan picos de excelencia cómpre dispor de bases cuantitativas que os sosteñan e infraestruturas empresariais que os activen e difundan. Unha parte moi importante da miña vida profesional e mesmo da miña actividade intelectual foi nesta dirección: participar activamente na creación de infraestruturas e modelos empresariais de produción cultural para o noso país, sen os cales non hai futuro posible.
Coido que avanzamos bastante. Pero os desafíos tamén son moi fortes: a globalización, os novos consumos, novos valores, novas tecnoloxías, crise financeira, crise económica,. crise demográfica… Vivimos na tormenta perfecta. Mais seguimos carecendo dun proxecto político eficaz, quero dicir: capaz de activar e mobilizar unha maioría suficiente da nosa sociedade, que asuma a identidade do país e os desafíos do seu futuro. Esta é unha reflexión non estritamente literaria, pero que afecta tamén á literatura, á creación, como afecta a todo. Sen lectores non hai literatura, dixen antes. Os lectores son a sociedade. Sen sociedade civil activa, comprometida, ilusionada, mobilizada, non hai país, mellor sería cerrar a tenda.
A xente nova é un territorio que se cadra non estamos a coidar abondo ou coa intelixencia necesaria. Penso nos pais e as nais que non falan galego cos fillos e están a romper a cadea de transmisión afectiva e biolóxica. Penso nas nosas institucións, desorganizadas ou faltas dunha coordinación necesaria, instaladas ás veces no minifundismo. Penso nos nosos políticos, encerellados en guerriñas cativas e nas oficinas de colocación particulares, sen dar co denominador común necesario. Penso na nosa burguesía (das dez primeiras fortunas de España cinco son galegas) que mira para outra parte. Penso nos desafíos da tecnoloxía e da globalización. Penso na demografía… Hai razóns abondo parta ser pesimista. Pero eu non estou por esas. Demasiado cómodo. O máis fácil, intelectualmente, é deixarse levar pola catástrofe do diagnóstico. O difícil é construír, propoñer, crear, imaxinar… Tamén hai razóns para empuxar deste lado: a creatividade da xente, o milagre dun país que segue vivo a pesar da lei da gravidade, o pulo da xente nova, a iniciativa dos que andan por fóra buscando a vida por libre, a potencialidade dos recursos naturais, a identidade (que é un activo impagable)… Lonxe de abaixarnos, isto debe esixirnos máis, obrigarnos a facer autocrítica, e quen non entre por estas e siga a teimar no seu curruncho particular (oficina de colocación) saquémolo de diante. Demos pasos importantes. Pero necesitamos estratexias de unidade, accións compartidas (mesmo cos que non pensan coma nós), unha placa para botarlle xuntos ao edificio, un pacto histórico xeneroso, intelixente… Hai unha chea de cuestións que o esixen: a educación, a lingua, a cultura, o medio natural, a organización do territorio, a ciencia e a tecnoloxía etc. A ambición á que me refería antes é moi necesaria.
Ambición non é o mesmo que cobiza. A ambición é lexítima, universal, aberta, estimula ou debe estimular a creación e a imaxinación. A cobiza é miserable, pataqueira, tende ao sectarismo, desconfía de todo o que non é seu, mata a sementeira nova… Todo isto, aínda que non o parece, está moi presente nas miñas novelas.

Parlamento das Letras: Xoán Abeleira

Entrevista de Armando Requeixo a Xoán Abeleira no seu blogue, Criticalia:
“(…) – Armando Requeixo (AR): ¿Que cres que lle falta aínda ás nosas letras e que lle sobra definitivamente?
– Xoán Abeleira (XA): Faltar, fáltalles o recoñecemento que merecen, principalmente, a nivel estatal e internacional, e, asemade, fáltalles terminar de normalizarse, no sentido de que o mundiño literario galego —especialistas incluídos— é moi endogámico. Está moi ben que haxa un cento de ensaios sobre Rosalía de Castro, pero por que non tamén sobre Emily Dickinson ou sobre Joyce Mansour?
Sobrar, sóbralle xente desexosa de medrar. Pero esa xente —normalmente sen talento ningún— sobra en todas as letras. Máis aínda nas españolas, que están peor ca nunca, nese aspecto. (…)
– AR: ¿Cal é a túa valoración do noso presente literario?
– XA: Mentiría se dixese que o coñezo en profundidade, porque non é así. Daquela, non podo responder. Teño inmensas lagoas. E laméntoo de verdade, pero… Estou tan metido na miña propia pescuda —precisamente porque son consciente de que podo finar esta mesma noite— que non acho tempo para ler todo o que se está a publicar. Secasí, sei que hai xente, abonda, ben valiosa. E non só no ámbito poético —o que menos mal coñezo. (…)”

Parlamento das Letras: Medos Romero

Entrevista de Armando Requeixo a Medos Romero no seu blogue, Criticalia:
“(…) – Armando Requeixo (AR): ¿Que cres que lle falta aínda ás nosas letras e que lle sobra definitivamente?
– Medos Romero (MR): Eu creo que o que máis precisa a nosa literatura é visibilidade social: estar nos escaparates das librarías, estar na televisión e nos medios de comunicación en xeral, en definitiva, formar parte da sociedade. Podería dicir tamén que precisa apoio institucional, mais que podemos agardar dun goberno que rexeita a normalización do idioma no que se escribe a nosa literatura? En canto ao propio contido da literatura, o que creo que lle sobra é aquela escritura que se elabora á marxe da vida, porque neses casos o texto non ten o pulso necesario e acaba por caerlle das mans ao lector. (..)
– AR: ¿Cal é a túa valoración do noso presente literario?
– MR: Penso que en calidade nada temos que envexar a outras literaturas, mais o noso problema é que a literatura galega precisa tamén, ademais de autores e de libros, de lectores. E aí imos para atrás. Por iso é tan imprescindíbel e valioso o traballo constante que ti e outras persoas estades a levar a cabo para facer visíbeis as nosas letras e para favorecer o interese polas obras que se escriben en galego. Nunca vos poderemos pagar o voso labor pola difusión da literatura galega. (…)”.