No centenario de Manuel Leiras Pulpeiro

Desde o blogue de Armando Requeixo, Criticalia:
“Con motivo do centenario do pasamento de Manuel Leiras Pulpeiro prepárase un amplo abano de actividades en recordo da figura do poeta da Paula, organizadas principalmente pola Asociación Abrindo Camiño de Amigos do Camiño Norte de Santiago e mais o Excelentísimo Concello de Mondoñedo, axudados inestimablemente pola Deputación Provincial de Lugo.

Entre as iniciativas que tales entidades promoven quero hoxe destacar aquí tres:
— As V Xornadas do Peregrino en Homenaxe a Manuel Leiras Pulpeiro polo Centenario do seu Pasamento.
— O ciclo cultural Que non calen os eidos!.
— E mais a elaboración dun Roteiro Leiras Pulpeiro.

A primeira destas actividades desprega un nutrido feixe de eventos entre os que se contan diversas charlas sobre a vida e obra do autor, alén doutras de carácter lúdico e deportivo que han servir para lembradoiro deste persoeiro da cidade que tanto fixo pola cultura e a sociedade mindonienses. Se premedes na imaxe que figura acompañando estas liñas atoparedes cumprida conta do programa de actos, que se desenvolverán entre o 6 e o 8 deste mesmo xullo.

Os amantes do teatro que queiran regresar ás raíces das representacións verdadeiramente populares poderán gozar da peza As verbas do ramo, que representan alternativamente os grupos O Bordelo (de Cervo), Ardora (San Cibrao), O Batán (Cangas), Raiolas (Alfoz) e mais A Adala (Fazouro) dende o pasado xuño e ata setembro nas diferentes parroquias mindonienses, en locais públicos habilitados para a ocasión onde os nosos paisanos terán a oportunidade de achegarse á literatura dramática que deles naceu e que, deste xeito, regresa a eles, facendo da escrita e da cultura un ben próximo ás xentes, como sempre defendeu —¡e practicou!— o propio Leiras Pulpeiro. Tamén neste caso, se clicades na imaxe que ilustra estas liñas acharedes información precisa no blog do tamén mindoniense Marcos Candia.

Finalmente, a amentada Asociación Abrindo Camiño, axudada pola corporación local e a deputación provincial, elaborou un moi interesante roteiro de lugares emblemáticos da biobibliografía do poeta que coordinou o seu presidente, Luís Fernández Ansedes. Un convite para visitar Mondoñedo cunha ollada diferente, que ten como guieiro os socalcos vitais dun dos nosos máis eximios escritores. Outra volta, se premedes nas imaxes deste e do seguinte parágrafo, poderedes contemplar, ampliado, o exemplar dixital dun dos dez mil dípticos impresos para a ocasión, inmellorable escusa para viaxar e coñecer unha das cidades máis fermosas de toda a Galicia norte.

Cónstanos que están a se preparar máis actividades en memoria de Leiras Pulpeiro dende Mondoñedo. Delas iremos dando oportuna conta segundo vaian materializándose. Mais non quero deixar pasar a ocasión de felicitar a todos os que, dende aquela pequena gran localidade, traballan a prol da cultura de noso, con medios moitas veces precarios, pero cunha ilusión e devoción admirables que encherían de orgullo ao propio Leiras Pulpeiro. Tal esforzo debería verse recompensado coa vosa participación. Se andades por Mondoñedo, polos seus arredores ou simplemente queredes saber o que alí agroma socioliterariamente falando, non deixedes de visitarnos, seredes máis que benvid@s.”

Parlamento das letras: Bieito Iglesias

Entrevista de Armando Requeixo a Bieito Iglesias no seu blogue, Criticalia:
“(…) – Armando Requeixo (AR): ¿Que cres que lle falta aínda ás nosas letras e que lle sobra definitivamente?
– Bieito Iglesias (BI): Ás nosas letras fáltalle un pobo. Como deixou dito Deleuze, o autor dun pobo menor escribe sempre pra un pobo que falta, que existe só porque o escribe e mentres o escribe. Faltan bos autores, como en toda parte, porque, de acreditarmos no cómputo do Eclesiastés, de mil non hai un bo. Sobran liridades e literatizos de escaso caletre (capaz que as intelixencias preclaras deserten das letras por preferir o número, querse dicir as enxeñerías). Están sobros tamén os intrusos, nunha época na que —como ten comentado un observador italiano— todos aqueles que non valen pra rexentar unha lavandería nin pra xogar ao balompé nin pra gobernar nin pra pór bombas contra o goberno… escriben libros. Ningún dos defectos anteriores é endémico da Galiza, partillamos eses andazos con toda a ecúmena occidental. Aquí cómpre engadir, siescaso, o filisterismo dun sistema literario que pon os ‘valores positivos’ e a defensa da comunidade de falantes por cima de calquera autonomía estética, cando a grande literatura sempre introduce laceraciós no corpo social e canxa mal coa corrección ben-pensante e coas coitas das almas belas. (…)
– AR: ¿Cal é a túa valoración do noso presente literario?
– BI: A cousa está como ha de ir (ao nabizo).”

Parlamento das letras: Rexina Vega

Entrevista de Armando Requeixo a Rexina Vega no seu blogue, Criticalia:
“(…) – Armando Requeixo (AR): ¿Que cres que lle falta aínda ás nosas letras e que lle sobra definitivamente?
– Rexina Vega (RV): Vivimos nun tempo raro, un tempo de crise, de esgotamento definitivo de estruturas. Agora mesmo, tal e como eu o vexo, conviven nas nosas letras dous xeitos de facer, de estar no mundo radicalmente diferentes. Coido que é preciso revisar a maneira de promocionar, as estratexias de comercialización, os criterios de selección. O mesmo discurso que serve de esteo á nosa cultura ten xa, coido, algo de caduco. Ademais de ser máis áxiles e contemporáneos na produción e difusión considero preciso afianzar por medio de políticas institucionais e iniciativas privadas o valor simbólico da obra literaria. Precisamos, desesperadamente, insistir na importancia do libro (dixital ou analóxico) e para que iso cale a fondo na sociedade deberiamos tamén apostar por certa “mitomanía”. Dotar de glamour a escritores senlleiros supón un pacto coa sociedade do espectáculo si, pero nese pacto temos moito que gañar. Cómpre respectar, salientar, gabar, poñer en valor mediático os moitos grandes escritores cos que contamos. Sobre nós, como cultura, paira sempre un certo cainismo. Deberiamos desfacernos de vez deste andazo que nos couta. A crítica tamén xoga un papel importante. Precisamos máis e mellores críticos, máis lecturas “serias”, fundamentadas; máis foros de participación cidadá; e unha estratexia de difusión alén das nosas fronteiras, a implementación daquelas liñas que o bipartito debuxara e que hoxe en día seguen sendo posibles e necesarias. (…)
– AR: ¿Cal é a túa valoración do noso presente literario?
– RV: Vivimos nunha cultura pequena, asfixiante, coreña, perennemente ameazada, pero tamén poderosa, viva, chea de voces singulares dunha calidade extraordinaria. Vivimos nunha cultura á marxe das grandes vías, dos grandes poderes, e iso dános tamén ás. Heterodoxos, radicais, multilingües, cun lectorado entregue, cunha interacción non pequena coa sociedade, iso tamén somos nós. Razóns hai para o optimismo (e para a loita).”

Unha carta inédita de Iglesia Alvariño a Carvalho Calero

Desde o blogue Criticalia, de Armando Requeixo:
“Hoxe [14 de xuño] é un día especial para o escribidor deste blog, que a tal hora se fixo un ano máis vello. Para celebralo —para celebrármolo entre as amigas e amigos lectores do Criticalia—, o voso anfitrión pensou que vos debía un agasallo, así que hoxe vou dar á luz unha carta inédita de Aquilino Iglesia Alvariño a Ricardo Carvalho Calero datada o 4-2-1956. Xusto esta que podedes ver ampliada se clicades ao pé das imaxes que acompañan estas liñas e as do seguinte parágrafo. Se tivestes a curiosidade de lela, veriades que é unha misiva que confirma tres cousas: dunha banda, a excelente relación que unía os dous escritores; doutra parte, o fino espírito crítico que ambos gastaban; e, terzamente, a cortesía coa que é tradición dende vello que se atencionen cruzando as súas publicacións os escritores de noso. (…)”

Parlamento das letras: Xosé Neira Vilas

Entrevista de Armando Requeixo a Xosé Neira Vilas no seu blogue, Criticalia:
“(…) – Armando Requeixo (AR): ¿Que cres que lle falta aínda ás nosas letras e que lle sobra definitivamente?
– Xosé Neira Vilas (XNV): Nada lle sobra. En toda literatura hai diversas gradacións; na nosa tamén. En todo caso, postos a medir, talvez lle sobre a pobreza léxica, ou sintáctica, pero todo se irá corrixindo. En xeral, ultimamente estase escribindo bastante ben, falando gramaticalmente. En canto á creación, sería desexable que houbese máis obras teatrais. (…)
– AR: ¿Cal é a túa valoración do noso presente literario?
– XNV: En liñas xerais está ao nivel da mellor literatura europea.
– AR: Se desexas facer algunha outra consideración, túa é a palabra.
– XNV: É de desexar que a crise actual afecte o menos posible ás edicións de libros galegos. E, por suposto, que os nosos creadores sigan traballando contra vento e marea. Que non se instale o desánimo nas nosas letras.”

Parlamento das Letras: Xabier P. DoCampo

Entrevista de Armando Requeixo a Xabier P. DoCampo no seu blogue, Criticalia:
“(…) – Armando Requeixo (AR): ¿Que cres que lle falta aínda ás nosas letras e que lle sobra definitivamente?
– Xabier P. DoCampo (XPD): Estou seguro de que nada lle sobra. Non hai ningún libro no que non encontres algo, aínda que sexa pequena cousa, meritorio dabondo coma para indultalo da fogueira do desprezo. Escóitase ás veces dicir que se publica demasiado, non, nunca por moito pan é mal ano. Adiante con outro libro máis, adiante con outra persoa que pense: eu tamén teño algo que dicir, e a continuación diga, vouno contar. Despois será o lector o que sancione, o que vexa se ese libro novo lle di algo novo de si mesmo, do lector, ou se só di do autor, porque entón dificilmente atraerá a alma de quen le o libro, por moi interesante que lle pareza ao autor todo aquilo que conta. E que nos falta? Fáltanos país con ambición de selo. Xente que abra os ollos ao que somos e ao que temos e se recoñeza. Lectores e lectoras, persoas que anden á procura do nome dos seus sentimentos e saiban que a lectura está precisamente para iso, para nos axudar a poñer nome aos nosos sentimentos e, así, facelos vida. Porque a literatura, coma toda a arte, está aí para nos axudar a sermos o que somos e non outra cousa. (…)
– AR: Cal é a túa valoración do noso presente literario?
– XPD: Se entendemos como presente o que se anda a publicar nestes últimos anos, gozo moito ao comprobar que cada ano aparecen unha ou dúas obras de moi alta calidade. Sempre hai un poemario ou unha novela que che enchen o corazón de gozo e de esperanza. Cada ano hai algo que fai que acredites na inmortalidade da nosa literatura.”

Parlamento das Letras: Elvira Riveiro Tobío

Entrevista de Armando Requeixo a Elvira Riveiro Tobío no seu blogue, Criticalia:
“(…) – Armando Requeixo (AR): ¿Que cres que lle falta aínda ás nosas letras e que lle sobra definitivamente?
– Elvira Riveiro Tobío (ERT): Fáltalle estar máis na vida dos mecánicos, das médicas, dos enfermeiros, das arquitectas, das varredoras, dos camareiros, dos soldadores… Estar na vida da poboación toda. Todo o que lle puidese sobrar é reciclable. (…)
– AR: ¿Cal é a túa valoración do noso presente literario?
– ERT: Bastante onde escoller. Liñas paralelas e diverxentes. Da cantidade sae a calidade. Non coñezo nin leo todo, por suposto, fáltame tempo e diñeiro para iso, pero cando vou á libraría atopo tantas obras que me chaman e espertan o meu interese, que non podo máis que alegrarme pola cantidade, a variedade e o atractivo das propostas literarias que se ofrecen.
– AR: Se desexas facer algunha outra consideración, túa é a palabra.
– ERT: A interesantísima literatura da que gozamos necesita lectoras/es. Non para vender libros, senón para construír unha sociedade crítica, orgullosa de si e aberta ao mundo. Lingua, literatura, sociedade, política, deberían ir da man. De pouco serve ter unha magnífica literatura agardando en lustrosos andeis se non temos quen a lea, nin quen fale a lingua na que xorden eses textos. A actual política glotocida que nos abafa é unha maquinaria de destrución en contra da sociedade, da lingua e, por suposto, da literatura.”

Parlamento das Letras: Ramón Caride

Entrevista de Armando Requeixo a Ramón Caride no seu blogue, Criticalia:
“(…) – Armando Requeixo (AR): ¿Que cres que lle falta aínda ás nosas letras e que lle sobra definitivamente?
– Ramón Caride (RC): Unha vez, nun encontro de escritores novos da AELG hai anos, un daqueles escritores novos, que agora xa non o son tanto, falou nun manifesto de “matar o pai e enterralo en cal vivo” e Novoneyra, que estaba naquel acto, deuse por aludido, e doeulle. Eu creo que non era esa a intención do manifesto, pero, en previsión de novos malentendidos, creo que non sobramos ninguén. O único que pediría é que os subsidios institucionais se repartan equitativamente; por exemplo, como as liquidacións de Cedro. E se imos tocar a moi pouco, que se fagan sorteos e ao que lle toque, pois tocoulle. Pero se no próximo Xacobeo a algún lle volven caer trinta recitais remunerados e a outros nada, que queres que che diga. Dan ganas, mesmo, de se dar de baixa do sistema literario, se é que temos tal cousa.
Que nos falta: internacionalización, difusión pública, axentes literarios, intermediarios profesionais que nos acheguen aos lectores do mundo e ás traducións, asociacións profesionais sen rixideces e sen figuras petrificadas nas cabeceiras… Falta case todo, agás autores e autoras interesantes, que os temos, e moitos. Temos o máis fundamental, os alicerces, moitos escritoras e escritores moi bos. Agora hai que erguer o edificio. Que se pode, e se non mirade para a banda deseñada ou a ilustración. (…)
– AR: ¿Cal é a túa valoración do noso presente literario?
– RC: Como di Cioran. “Todo quen diga: nós, está mentindo”. Ou como Wittgenstein: “toda discusión é unha discusión sobre as palabras”. Porque se falamos do noso presente literario, quen somos nós, os do noso presente: ¿os lectores?, ¿os editores?, ¿os críticos?, ¿os escritores? Supoño que os escritores, pola parte que me toca. Eu sei algo do que fago, pero non moito do que fan outros, alén do meu círculo inmediato. Este oficio é tan solitario e tan particular que o presente literario de cada autor é o presente literario de cada autor. A min non me vai tan mal, así que non vou poñerme a chorar. Xa sei que son un galego atípico. Outra cousa, ou a mesma cousa se cadra, é a crise da industria editorial galega, que non vén de agora, aínda que se agrava arestora por circunstancias evidentes.
O meu amigo Miguelanxo Prado dicía, alá polo 1991, “unha cultura totalmente subvencionada é coma un neno-burbulla” que periga cando fallan as subvencións. E para min que algo disto, ou moito, houbo. De todos os xeitos, hai editoriais novas, con novas ideas e xeitos de facer, que me interesan moito. Isto se cadra non é unha crise editorial senón un cambio completo do modelo editorial, xa veremos. Temos que ser optimistas e traballar, escribir no noso caso. Eu das miñas crises levo saído a forza de traballo. Creo que hai que ser optimistas, aínda no caso de que non podamos ser ningunha outra cousa, e sobre todo neste caso. O futuro é todo noso, porque está todo por facer. (…)”

Parlamento das Letras: Xulio López Valcárcel

Entrevista de Armando Requeixo a Xulio López Valcárcel no seu blogue, Criticalia:
“(…) – Armando Requeixo (AR): ¿Tes algún hábito singular ou manía á hora de escribir?
– Xulio López Valcárcel (XLV): Manía, ningunha. Cando era novo, fumaba algo e gustábame dispoñer de auga fría para contrarrestar a sequidade do tabaco. Agora, nada especial. Traballo todos os días, iso si, tomo notas nuns papeliños que sempre levo e vounas deixando nunha carpeta. Ao cabo de meses, ou de anos, volvo sobre elas. A maioría rómpoas, pero se atopo algo que “valla”, rescátoo… para unha reelaboración ulterior. Non é raro que dun mesmo texto faga dúas versións, independentes, para despois integralas, fusionalas. Isto referido á obra creativa. A outra, vouna facendo ao bo lecer.
– AR: ¿Que cres que lle falta aínda ás nosas letras e que lle sobra definitivamente?
– XLV: Aínda que se avanzou moito, falta aínda unha crítica rigorosa e independente, allea a amiguismos, camarillas e oportunismos. Coñecémonos todos… e iso condiciona bastante. Que falta? Moitas cousas. Desde logo, unha maior incidencia no tecido social galego e maior proxección exterior. A literatura “periférica” non existe en Madrid. A “metrópole” vive allea, de costas, ás “provincias”. Cómpre aumentar o prestixio e a presenza da literatura e da cultura galegas alén das nosas fronteiras. (…)
– AR: ¿Cal é a túa valoración do noso presente literario?
– XLV: Esperanzado, dinámico, ilusionante…, malia as adversidades, reticencias e desprezos que ás veces padecemos.”

Parlamento das Letras: Olalla Cociña

Entrevista de Armando Requeixo a Olalla Cociña no blogue Criticalia:
“(…) – Armando Requeixo (AR): ¿Que cres que lle falta aínda ás nosas letras e que lle sobra definitivamente?
– Olalla Cociña (OC): Así, en xeral, pediría máis autocrítica (a todos os axentes que participan na dimensión literaria: editor, escritor, crítico e incluso lector!), apertura mental e paixón. Aínda que sempre ocorreu, teño a impresión de que nos últimos tempos certames poéticos e editoriais reforzan aínda máis tendencias e modas. (…)
– AR: ¿Cal é a túa valoración do noso presente literario?
– OC: Malia ou debido á desolación que impera por mor da mal chamada crise hai talento e moita luz, cando menos no noso presente poético. É vizoso e deberiamos ter fachenda del.
– AR: Se desexas facer algunha outra consideración, túa é a palabra.
– OC: Están a mudar os hábitos de lectura e habería que poñerse as pilas no que atinxe á edición dixital. Boto en falta máis iniciativa en Galicia neste campo, sobre todo na poesía.”