Muxía: recital conmemorativo dos 25 anos do Batallón Literario da Costa da Morte

 

Miro Villar: “O obxectivo último do Batallón Literario da Costa da Morte era levar a poesía a pé de rúa”

Entrevista a Miro Villar en Sermos Galiza:
“Este ano cúmprense 20 anos da publicación do primeiro número de ‘Feros Corvos’, a revista do Batallón Literario da Costa da Morte que se fundara un ano antes. E quixemos lembrar aqueles tempos de axitación poética cun dos seus protagonistas, o poeta Miro Villar, que ademais foi tamén presidente da primeira xunta directiva da asociación.
– Sermos Galiza (SG): Como xurdiu o Batallón?
– Miro Villar (MV): Xa había un humus, un caldo de cultivo, unha serie de colectivos que xa funcionaban na Costa da Morte, entre eles o colectivo “Un Medio” de Cee e o “Arre Sentelha” da Terra de Soneira, que estaban a funcionar de maneira autónoma. En determinado momento viuse que podiamos confluír e ampliar a base destes colectivos. E así naceu o Batallón Literario da Costa da Morte en maio de 1996.
– SG: E a idea de crear un medio de expresión como ‘Feros corvos’?
– MV: – Os primeiros meses de vida do Batallón eran moi intensos. Faciamos recitais en lugares de todo tipo, mesmo campos das festas, en bares ou alí en onde se nos convidase, en festivais antimilitaristas, onde cadrase naqueles momentos… E vimos unha necesidade de potenciar todo isto e dotarnos dun medio de expresión, polo que creamos un díptico, con catro páxinas, feito con escasos medios, en multicopia, a cor, que se distribuía de balde alá por onde iamos e nos bares da Costa da Morte. Esa era a nosa intención, chegar á maior xente posible, porque o obxectivo último do Batallón era levar a poesía a pé de rúa. Basicamente a poesía, porque a maioría eramos poetas, aínda que tamén había narradores. E aí confluiamos xente que xa tiñamos publicado, como eu mesmo, o meu irmán Rafa ou Marilar Aleixandre, con xente que non tiña nada na rúa e que, curiosamente, anos despois ten libros publicados. Fáloche de Modesto Fraga, os irmáns Creus –Estevo e David-, Alexandre Nerium, Xaime Trillo…
– SG: O Batallón trouxo un esplendor da poesía en movemento.
– MV: Si, aquela era unha época -a mediados dos 90- no que non era doado publicar poesía. Era un momento similar ao de hoxe, pecháranse coleccións e non era doado conseguilo, fóra de Espiral Maior. Entón aquela era unha maneira de levar a poesía a outros lugares onde nós criamos que tiña que estar, máis a pé de rúa. Pero non era algo que inventasemos nós. Collemos experiencias anteriores doutras épocas para buscar un maior contacto co público lector.
– SG: Coa perspectiva que dan os anos, cal cres que foi a incidencia do Batallón na vida cultural galega de hoxe?
– MV: Non creo que teña que ser eu quen calibre iso. Deberían ser persoas que non participaran da experiencia. Hai varios traballos sobre o Batallón que o calibran, pero na miña opinión serviu para dar voz a moita xente que estaba empezando a publicar os seus textos en follas voandeiras que con posterioridade se incorporaron ao discurso literario galego. E despois a darlle unha maior visibilidade á poesía cara ese público lector. Eu creo que eses son os dous principais éxitos do Batallón. Eu, desde logo, considérome satisfeito con que varias das persoas que participaron chegasen a ter unha obra propia consolidada. Para min iso xa xustifican os esforzos que tivemos nesta angueira.
– SG: E como ves o estado actual da poesía na Costa da Morte?
– MV: Nin mellor nin peor que noutras zonas do país. Hai iniciativas igual que noutros lugares e a poesía tamén está na rúa, como no Festival do Condado. É unha experiencia que é exportable e que hoxe podería ter un sentido tamén. De todas formas, eu observo que están a xurdir proxectos dun tempo a esta parte moi interesantes, como editoriais como Apiario ou Chan da Pólvora, que son pequenos pero teñen xa unha traxectoria e creo que un futuro de moita forza. Penso que é un momento moi bo para a creación poética no país, a pesar de que as grandes editoriais lle continúen a dar as costas. Por exemplo, Sotelo Blanco desapareceu do mapa e Xerais e Galaxia publican a ‘contagotas’. Pero hai xermolos de actividades, outra vez, en lugares pouco habituais coma naquela época. Por tanto, eu son optimista neste momento.”

Cabana de Bergantiños: actos destacados no I Congreso Internacional de Escritores de Cabana para o 19 e 20 de marzo

O sábado 19 e domingo 20 de marzo destacamos as seguintes actividades dentro do I Congreso Internacional de Escritores de Cabana (na ligazón pode descargarse o programa completo):

Sábado 19:
No Auditorio de Neaño.
10:30 horas: mesa redonda sobre Influencias celtas na literatura. Participan: Miguel Vázquez Freire, Óscar de Souto, Miguel Mato Fondo, Maribel Longueira e Elena Vázquez Galván Modera Xosé Ameixeiras.
12:30 horas: Taller de Contos para a memoria, a cargo de Yolanda Castaño.
16:30 horas: Mesa redonda sobre Literatura galega do novo milenio.
No Dolmen de Dombate.
17:30 horas: Taller de Contos para a memoria, a cargo de María Canosa.
No Auditorio de Neaño.
18:30 horas: Recital poético. Presentadora: Branca Vilela. Poetas: Serxio Moreira (pianista Cabanés), Rosalía Fernández Rial, Elena Vázquez Galván, Olga Patiño, Miguel Melero, Claudia Castro, Marilar Aleixandre, Estevo Creus Andrade, Suso Bahamonde, Francisco X. Fernández Naval, Maribel Longueira, Óscar de Souto, Miguel Mato Fondo, Xulio Valcárcel, Xosé Iglesias, María José Fernández, María Socorro Mármore Brich, Miguel Vázquez Freire, José Manuel Carreiro, David Creus, Alfredo Puy e Primitivo Fernández.

Domingo 20:
No Dolmen de Dombate.
11:00 horas: Mesa redonda sobre Muller e literatura.

A Coruña: recital de David Creus e Peru Saizprez no Ciclo Poetas Di(n)versos

ODavid Creus luns Peru Saizprez por J Ontalba 217 de novembro, ás 20:30 horas, no Auditorio do Centro Ágora (Rúa Ágora, s/n) da Coruña, terá lugar unha nova edición do Ciclo Poetas Di(n)versos, coordinado por Yolanda Castaño e promovido pola Concellaría de Cultura da Coruña, cun recital de obra propia nun man a man de David Creus e o poeta peruano Peru Saizprez. Máis información aquí: Folleto Di(n)versos novembro 2014.

Versos no Olimpo colleita unha calurosa benvida nas súas presentacións públicas

Desde a Asociación Monte Pindo Parque Natural:
“A obra poética colectiva Versos no Olimpo. O monte Pindo na poesía galega, microfinanciada e editada grazas á nosa rede de colaboradores, non puido recibir unha benvida máis calurosa nas súas primeiras presentacións en sociedade por parte non só da xente que comprometera as súas achegas para ver este soño literario feito realidade, senón tamén por parte de quen, non tendo formado inicialmente parte do proxecto, desexa facerse con esta xoia literaria nacida da suma de sinerxias de moitísimas persoas boas e xenerosas.
O pasado martes 25 de xuño á tardiña, Versos no Olimpo foi recibido na capital galega por todo o alto. No escenario inmellorábel da libraría Couceiro os seus dous coordinadores, Miro Villar e Francisco Xosé Fernández Naval, asi como Merche Díaz e Xil Caamaño en nome da nosa Asociación, foron debullando tanto os seus aspectos literarios coma os técnicos que levaron a materializar a antoloxía. (…)
O sábado 29 ás 19:00 horas, xusto cando arribaban ao Pindo os participantes da celebrada subida ao Olimpo Celta que nos deixou unha nova marabillosa, producíase outra boa noticia co cheo rexistrado na Confraría de Pescadores do Pindo para participar na presentación do libro no marco das VIII Xornadas de Pesca, a cargo de Chisco Fernández Naval, Merche Díaz, Xil Caamaño e Mario Maceiras, acompañados dalgúns dos 56 autores e das autoras dos 79 textos que de agora en sempre engalanarán as follas de Versos no Olimpo: Marta Dacosta, Estevo e David Creus, Alexandre Nerium, Paco Souto ou Nieves García Centeno, entre outros, foron algúns dos encargados de facer voar os versos do Olimpo no recital poético O Monte Pindo, vixía do mar. (…)”

O Batallón Literario da Costa da Morte revive na rede

“Xa están na rede. Aquela brava agrupación de escritores costeiros, mozos e non tan novos, mariñeiros, estudantes, funcionarios, traballadores… teñen xa un espazo na internet que convirta en eternas e accesibles as súas creacións, no espazo oficial dentro do Finisterrae, onde xa podemos atopar a publicación dos 4 números publicados do boletín Feros Corvos e o libro comunitario Nós. E todo cando se cumpren 10 anos da publicación dun libro que ficará nas nosas memorias, que recuperamos agora a través da rede. Iremos recuperándoos en QPC boletín a boletín, nome a nome, para lembrar aos Marilar Alexandre, Suso Bahamonde, Pilar Beiro, Concha Blanco, Moncho Bouzas Tobío, Fernando Cabeza Quiles, Sesé Canirot, Ana Canosa Blanco, María Canosa Blanco, Xosé María Casais, David Creus, Estevo Creus, Modesto Fraga, Gus García, Rafa García, Víctor Manuel Gómez Traba, Mónica Góñez, Serxio Iglesias, María Lado, Tomás Lijó, José Luís Louzán, Abel Mendes Bujeiro, Xoán Alberte Moure Insua, Paulina Mouzo, Alexandre Nerium, Helena Pérez García, Marcos Seoane Vázquez, Paco Souto, Miro Villar e Rafa Villar.” Desde Que pasa na Costa, a foto é de Vieiros.