O venres 18 de marzo, ás 20:30 horas, terá lugar no museo Verbum–Casa das Palabras (Avenida de Samil, 17) de Vigo a primeira sesión do cabaret poético Merendacea, a nova proposta dos creadores dos recitais–combate A hostia en verso. Merendacea é un espectáculo colectivo estruturado en base a pequenos números que teñen como denominador común a lírica. É un recital, pero non só iso. Nace da necesidade de experimentación dun grupo de creadores que procuran novas maneiras de transmitir o feito poético ao público. Por iso en Merendacea hai versos, música electrónica, títeres que recitan a Lois Pereiro, unha subasta de obxectos poéticos, videocreación e, sobre todo, moito humor. E tal vez unha escasa dose de solemnidade, necesaria aínda non sabemos moi ben para que. Nesta primeira sesión porán os versos, e outras cousas, Ledicia Costas; Xabier Xil Xardón; Daniel Landesa e a pintora María Longa; David Rodríguez; Lara do Ar; Miguel Valverde; María Reimondez e o titiriteiro Borxa Ínsua. O indefinible dúo eléctrico IgMig encargarase da parte musical, a artista d’O sorriso Felino elaborou os incribles poemas-obxecto e as poetas María Lado e Lucía Aldao oficiarán de presentadoras desta singular noite. Merendacea é un proxecto producido integramente polo museo Verbum–Casa das Palabras de Vigo.
Arquivos da etiqueta: David Rodríguez
Pontevedra: nova edición de A hostia en verso
O venres 4 de febreiro ás 20:00 h., no Café Moderno (Praza de San Xosé, 3) de Pontevedra, terá lugar unha nova edición de A hostia en verso. Este combate lírico enfrentará os poetas do proletariado contra os poetas pequeno burgueses. Actuarán Ledicia Costas, Daniel Landesa, Xavier Xardón, David Rodríguez, Lara do Ar e Eduardo Estévez. O acto é unha divertida velada na que ambos equipos se enfrontarán para gañar o favor do público, e estará presentado polas poetas Lucía Aldao e María Lado, que xa sacaron da súa mente enferma un número sorpresa. Contará tamén coa intervención musical da banda Mr. Carácter. Como noutras edicións, o público asistente é máis ca un espectador silencioso e verase reconfortado coa posibilidade de votar el mesmo o equipo gañador ao longo dos tres asaltos que compoñen este singular combate!!!
Vigo: II edición de A hostia en verso, recital con poesía, música e pintura
O venres 19 de novembro, a partir das 21:30 h., na Galería Jazz (Ronda de don Bosco, 21) de Vigo, celebrarase a segunda edición de A hostia en verso, un combate lírico que enfrentará a Ledicia Costas, Daniel Landesa, David Rodríguez, Lara do Ar, Miguel Valverde e Xabi Xardón, ou o que é o mesmo: poetas montañeses VS. poetas pescos! O acto estará presentado polas tamén poetas Lucía Aldao e María Lado e contará coa intervención musical de Mr. Carácter. Para máis, a pintora María Longa fará unha intervención en directo.
A Coruña: recital poético no V Encontro de Escritores/as Novos/as ante vellas preguntas
Como colofón do V Encontro de Escritores/as novos/as ante vellas preocupacións, organizado pola Asociación de Escritores en Lingua Galega, co patrocinio do Centro Español de Dereitos Reprográficos (CEDRO), a Deputación Provincial da Coruña e a Concellaría de Cultura da Coruña, o sábado 6 ás 19:00 h. terá lugar un recital poético onde intervirán Arsenio Iglesias Pazos, Dores Tembrás, Gonzalo Hermo, Susana Sánchez Arins e David Rodríguez.