Vigo: II edición de A hostia en verso, recital con poesía, música e pintura

O venres 19 de novembro, a partir das 21:30 h., na Galería Jazz (Ronda de don Bosco, 21) de Vigo, celebrarase a segunda edición de A hostia en verso, un combate lírico que enfrentará a Ledicia Costas, Daniel Landesa, David Rodríguez, Lara do Ar, Miguel Valverde e Xabi Xardón, ou o que é o mesmo: poetas montañeses VS. poetas pescos! O acto estará presentado polas tamén poetas Lucía Aldao e María Lado e contará coa intervención musical de Mr. Carácter. Para máis, a pintora María Longa fará unha intervención en directo.

A Coruña: recital poético no V Encontro de Escritores/as Novos/as ante vellas preguntas

Como colofón do V Encontro de Escritores/as novos/as ante vellas preocupacións, organizado pola Asociación de Escritores en Lingua Galega, co patrocinio do Centro Español de Dereitos Reprográficos (CEDRO), a Deputación Provincial da Coruña e a Concellaría de Cultura da Coruña, o sábado 6 ás 19:00 h. terá lugar un recital poético onde intervirán Arsenio Iglesias Pazos, Dores Tembrás, Gonzalo Hermo, Susana Sánchez Arins e David Rodríguez.