Desde Galiciaé:
“A sede de El Progreso, en Lugo, acolleu o venres 31 de maio a entrega de premios do terceiro certame Minicontos de Outono, que organizan o Centro PEN Galicia e o semanario LV. De Luns a Venres co patrocinio da Xunta de Galicia. O acto estivo presidido polo secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e a presidenta do Grupo El Progreso, Blanca García Montenegro.
O primeiro premio, dotado con 600 euros, foi recollido por Marcos Viturro polo seu relato Axuste de cornos. Alberto Ramos fíxose cos 300 euros do segundo posto por Liquidación total, en tanto que Pedro Naveira é o terceiro clasificado (100 euros) con De seu.
Os traballos gañadores serán publicados tanto na web de Galiciaé como no semanario LV. De Luns a Venres, que se distribúe todos os venres nas principais cidades galegas.
O xurado desta terceira edición estivo composto polo presidente do Centro PEN Galicia, Luís G. Tosar; o director de LV, Alfonso Riveiro; o xornalista e escritor Diego de Cora; o director do Centro PEN, Xabier Castro, e o xornalista Juan Méndez, que actuou como secretario.
Tras a súa deliberación, os membros do xurado salientaron a abraiante acollida do certame, no que competiron 244 orixinais chegados de toda Galicia e España e incluso de países como Arxentina, Colombia, Venezuela, Uruguai ou o Reino Unido.”
Arquivos da etiqueta: De luns a venres
A Coruña: mesa redonda sobre A situación da prensa en galego
O xoves 15 de marzo, ás 20:30 horas, no salón de actos da Asociación Cultural Alexandre Bóveda (Rúa Olmos, 16-18, 1º) da Coruña, terá lugar unha mesa redonda baixo o título A situación da prensa en galego, coa participación de Xosé Ramón Freixeiro (Sermos Galiza), Henrique Sanfiz (secretario de Radiofusión), Xurxo Salgado (Galicia Confidencial), Filipe Díez (Praza pública) e Alfonso Riveiro (L-V).
Lionel Rexes gaña o certame Minicontos de Outono
“Luzada, un relato do mestre alfocense Lionel Rexes, é o texto gañador da segunda edición do certame literario Minicontos de Outono, promovido polo Centro PEN Galicia e LV. De Luns a Venres co patrocinio da Xunta de Galicia. Deste xeito, Rexes faise cun premio de 600 euros grazas a unha historia sobre o furtivismo na que a emigración e o humor teñen un papel moi importante. O segundo premio, dotado con 300 euros, recaeu en Fulgores feridos, un texto erótico protagonizado por dúas mulleres que se deixan levar pola paixón no seu lugar de traballo. Asina o relato a coruñesa Concha Parga, que tamén se dedica á docencia. Finalmente, o poeta e xornalista lugués José Sixto foi merecedor do terceiro premio, que conta cunha dotación de 100 euros, grazas ao seu miniconto A estrela que veu, onde aborda o drama do paro desde o punto de vista da inxenuidade infantil. Ademais, as tres pezas premiadas serán publicadas nas edicións, tanto impresa como dixital, do xornal gratuíto LV. De Luns a Venres. Nesta segunda edición, o xurado cualificador, que se reuniu o pasado 25 de xaneiro en Santiago, estivo composto polo presidente do Centro PEN Galicia, Luís González Tosar; o director de LV, Alfonso Riveiro (con voz pero sen voto); o xornalista e escritor Diego de Cora; o director do Centro PEN, Xabier Castro, e o xornalista Juan Méndez. Tras a súa deliberación, os membros do xurado quixeron salientar a abraiante acollida do certame, no que competiron máis de 200 orixinais chegados de toda Galicia e España e mais de países como Arxentina, Colombia, Venezuela, Alemaña ou Reino Unido. (…)” Vía Galiciaé.
María Xosé Queizán: “Un libro especial é a miña biografía, que estou escribindo por imperativo moral”
Entrevista a María Xosé Queizán en De Luns a Venres:
“De Luns a Venres (DLV) ¿Un sinónimo de Galicia?
María Xosé Queizán (MXQ): É única.
DLV: ¿Que quería ser de pequena?
MXQ: Non me lembro.
DLV: ¿Un lema a seguir na vida?
MXQ: A honradez.
DLV: ¿Un defecto?
MXQ: Varios. Un deles é ser desobediente e contestataria.
DLV: ¿E unha virtude?
MXQ: Para min, a mesma que o defecto.
DLV: ¿Un lugar especial?
MXQ: A ría de Vigo.
DLV: ¿Unha paixón?
MXQ: O feminismo.
DLV: ¿Un autor/a?
MXQ: Son moit@s @s que me abriron fiestras mentais. Leo moito ensaio.
DLV: ¿E un libro especial?
MXQ: O vindeiro que teño en proxecto.
DLV: ¿Pode adiantarnos que é logo o que ten entre mans?
MXQ: Estou escribindo a miña biografía por imperativo moral. Pero teño varios proxectos pedindo espazo e tempo.
DLV: ¿Como está de saúde a literatura galega?
MXQ: Mellor ca nunca.”
Santiago: entrega dos premios Minicontos de Outono
Silvia Álvarez gaña o certame Minicontos de Outono, promovido polo Centro PEN Clube e L-V
No ventre morno do río, unha crúa historia de Silvia Álvarez que agocha moitos segredos, resultou o relato gañador do primeiro premio do certame de Minicontos de Outono, que promoveron o Centro PEN de Galicia e LV-De Luns a Venres e que está dotado con 600 euros libres de impostos. O segundo premio, que ten unha dotación de 300 euros, recaeu en Controladores e calendarios, un texto do mestre pontevedrés José de la Torre Culler que aborda unha temática tan de actualidade como é o recente caos aeroportuario vivido en España. Finalmente, un orixinal e arriscado microtexto de Eugenio M. Alonso, Calcio, foi merecedor do terceiro premio, que está recompensado con 100 euros. Ademáis, as tres pezas recoñecidas serán publicadas nas edicións, tanto impresa como dixital, do xornal gratuíto De Luns a Venres. O xurado do certame, que se reuníu o pasado venres en Compostela no Centro PEN de Galicia, que preside Luís González Tosar, estivo composto polo escritor e xornalista Santiago Jaureguizar, o escritor Bieito Iglesias, a escritora e profesora da UVigo Rexina Vega, a profesora e tradutora Daniela Sotgiu, o director do Centro PEN Galicia, Xabier Castro Martínez, e os xornalistas Diego de Cora e Juan Méndez. Máis información en Galiciaé. Tamén aparece recollida esta nova en Galicia Hoxe, e ampliada posteriormente en Galiciaé.
Concurso de relatos breves Minicontos De luns a venres outono
O Centro Pen Clube de Galicia e o xornal gratuíto diario De Luns a Venres convocan o concurso de relatos breves Minicontos De luns a venres outono. As bases contemplan que o prazo para a presentación dos traballos será ata o 15 de decembro. A decisión do xurado coñecerase o día 20 dese mesmo mes. Os traballos deberán ser inéditos na súa totalidade, escritos en lingua galega, segundo a normativa vixente, e de libre temática, ainda que a extensión de cada relato non poderá exceder dos 1.200 caracteres (sen contar os espazos). O obxectivo deste concurso literario, aberto a escritores noveis e consagrados, non é outro que avanzar nunha tarefa común: ampliar horizontes para a lingua e a cultura de Galicia. Este certame de minicontos en galego nace coa pretensión de ser convocado anualmente en outono (como é o caso) e na primavera (destinado a un público diferente e con algunha particularidade da que se dará conta no seu momento). As bases completas pódense consultar na páxina 13 deste enlace ou aquí: