Armando Requeixo: Día de feira XVI

Artigo de Armando Requeixo no seu blogue, Criticalia:
“Hai tres semanas propuxen no Día de Feira unha pregunta: Que a Real Academia Galega designe polo mes de xuño o autor/a ao que se dedicará o seguinte Día das Letras Galegas, ¿cres que fai diminuír a atención prestada ao autor/a do ano en curso no resto da anualidade? Partía eu da sospeita de que o anuncio temperán da nova ou novo homenaxeado restaban atención á autora ou autor do ano en curso, á vista do que leva ocorrendo nos últimos tempos. Pois ben, está claro que esa miña dedución é secundada en parte si e en parte non.
Algo máis do sesenta por cento (o 61% exactamente) opinades que, efectivamente, o feito de que cada mes de xuño se anuncie a vindeira ou vindeiro homenaxeado no Día das Letras Galegas faille fraco favor ao protagonismo da autora ou autor distinguido no ano en curso. E probablemente os que así pensades tivestes na mente acontecementos tan notorios como o aínda recente Congreso Lois Pereiro, que foi cualificado por algúns, non casualmente, como congreso secreto, secuestradamente arrombado como estivo na súa publicitación institucional, clandestinamente esquecido da visibilización que merecían unhas xornadas dedicadas a quen era, enténdese, o autor do ano.
Mais case un corenta por cento de vós (o 39% para máis precisión) coida que ese anuncio estival da nova ou novo homenaxeado en absoluto estorba a celebración en curso. Neste sentido, debo aclarar que consultei algún amigo académico e que me confirmaron que é preceptivo que, na primeira reunión plenaria posterior ao 17 de maio, a RAG nomee a nova ou novo homenaxeado. Por tanto, na súa actuación a Academia non fai senón cumprir coas regras estatutarias. O que non impide, engado eu, que esa norma se cambie se o conxunto dos membros chega a estimar que un desprazamento temporal na designación axudaría a optimizar o sentido da celebración. (…)”.

A Real Academia Galega sinala que non todos os anos se pode “ter un Lois Pereiro”

Artigo de Camilo Franco en La Voz de Galicia:
“A Real Academia Galega está a punto de pechar o libro Lois Pereiro para abrir o libro Valentín Paz Andrade. A institución clausurou onte o congreso sobre o poeta case como punto final a un ano que distintas voces sinalaron como diferente no histórico das celebracións do Día das Letras Galegas. O presidente da Academia, Xosé Luís Méndez Ferrín, apuntou ao finalizar o congreso que a institución «escolle ben aos homenaxeados, pode haber autores menos divertidos, pero todos son importantes e todos os anos non podemos ter un Lois Pereiro».
Para o presidente da RAG o congreso finalizado onte culminou un ano intenso arredor do poeta e no que se demostrou que a academia «pensa ben». Ferrín explicou que dedicarlle o día «a Lois Pereiro non era ningún risco, risco foi cando llo dedicamos a María Mariño». Admitiu que este ano foi distinto «como é cada ano» engadindo que os autores poden gustar máis ou menos, pero a academia «é un tanque de pensamento dos mellores do país». Puxo de exemplo a importancia de Valentín Paz Andrade con que, explicou, «imos poder repasar case todo o século XX en Galicia e creo que é un asunto moi importante aínda que pareza menos divertido».
Na valoración do Congreso, o presidente apuntou dúas características fundamentais. «A participación maioritaria no mesmo foron poetas, co que temos a interpretación da poesía desde dentro e por tamén tivemos a ollada externa que nos deu Gimferrer e que colocou a Pereiro como un dos grandes de Europa».
Para o escritor Manuel Rivas o congreso e as celebracións de Lois Pereiro demostraron que era un poeta que ligaba «o individual e o colectivo, unha ponte entre o eu e o nós» e este carácter da poesía de Pereiro «escenificouse dunha maneira na que as celebracións non foron un culto á personalidade, senón un campo fértil e moi creativo e participativo».”

Fundación Novacaixagalicia: presentación de Valentín Paz-Andrade, a memoria do século XX, de Tucho Calvo

O xoves 15 de decembro, ás 20:00 horas, na Fundación Novacaixagalicia (Cantón Grande, 21-24) da Coruña, preséntase o libro Valentín Paz-Andrade, a memoria do século XX, de Tucho Calvo, publicado en Biblos. Participarán no acto, xunto ao seu autor, Xosé Díaz e Xulio L. Valcárcel.

”As leccións de Lois Pereiro”

“Hai non tanto tempo eran moitas as voces que sinalaban que o Día das Letras era unha celebración caduca e con pouco futuro. No entanto, as edicións dos últimos anos, dedicadas sucesivamente a nomes de lustre e con contrastada calidade literaria como Xosé María Álvarez Blázquez, Ramón Piñeiro ou Uxío Novoneyra detiveron unha certa tendencia a apostar pola recuperación de autores pouco coñecidos. A consolidar a data, o día dedicado a Lois Pereiro neste 2011 amosou unha mobilización inédita pola súa amplitude e a variedade de manifestacións que se realizaron arredor deste autor desde a sociedade civil. (…) Un feito particular deste último Día das Letras, é que a Academia llo dedicou a alguén que viña sendo reivindicado con certa insistencia por diferentes voces do mundo cultural. Este factor pode ser outro dos que expliquen o eco que acadou a celebración neste ano. Cesáreo Sánchez sinala que “por unha banda se queres que haxa participación, a data ten que se compartida con toda a sociedade. Eu penso que, igual que a Academia Sueca recibe propostas anuais para o Nobel, sen que iso signifique que se invadan a súas competencias nin se cuestione a súa autoridade, penso que é importante que a RAG sexa receptiva ás opinións maioritarias da sociedade, iso garante a participación”. Sen fiar tan fino, Manuel Bragado considera que unha xestión máis aberta da celebración será beneficiosa. “Debe ser unha efeméride organizada en mancomún. Este é un esforzo da sociedade civil, promovido pola Academia, e na que o sector editorial, as escolas, o asociacionismo ou os concellos poden pór o seu esforzo para conseguir uns obxectivos que deben ser recuperar a obra literaria e a figura humana e literaria dos homenaxeados”. A concretar máis, Cesáreo Sánchez sinala que “penso que hai unha Marola que pasar, que é o nome de Ricardo Carvalho Calero. Está aí, pendente, e hai un sentir bastante maioritario na sociedade para que se lle conceda”. Coincide con el Miguel Anxo Fernán-Vello, quen salienta que “boa parte da sociedade máis informada fala del, e cada ano que pasa sen se celebrar a súa figura é un ano no que se enterra máis a coherencia e a lóxica. É un erro que non sexa considerada unha das figuras máis importantes das nosas letras”. Encol da permeabilidade da RAG, os sectores consultados coinciden na necesidade dunha maior apertura á sociedade, malia a que, como sinala Cesáreo Sánchez, “dalgún xeito as letras son froito da propia composición da Academia, e esta mudou moito. Nós mesmos [AELG] temos un convenio de colaboración con eles que era impensable noutro tempo. Pódese dialogar con eles e hai unha confianza. Ademais, polo xeral é para estar contentos cos nomes que vai traendo á luz”, conclúe.”. Vía Cultura Galega.

“Xerais prepara un volume con textos inéditos de Lois Pereiro”

Para Isabel: ela, a que exerce na luz. Así empeza un dos últimos cadernos que escribiu Lois Pereiro antes de morrer. Un dietario que lle dedicou á persoa que llo puxera nas mans como agasallo: Isabel Romero, a muller do seu irmán Xosé Manuel. Dietario 1996, que estou a escribir para Isabel, confesa na primeira páxina. “É herdanza súa e soio súa: unha promesa mínima que merece dabondo. (Esperemos que as follas abonden para outro ano)”. Este Caderno para Isabel, como o alcuman provisionalmente os herdeiros do poeta monfortino, verá por primeira vez a luz a finais deste ano. Formará parte do libro co que a editorial Xerais ten previsto pechar o ronsel de publicacións arredor do autor ao que a Real Academia Galega lle dedicou este ano o Día das Letras. O volume, ao coidado do seu irmán, o xornalista Xosé Manuel Pereiro, completarase coa transcrición doutros cadernos inzados de apuntamentos das viaxes de Lois Pereiro polo mundo e un DVD coa gravación do último recital do autor de Poesía última de amor e enfermidade –no pub Moka da Coruña en xaneiro de 1996– e posibelmente tamén algunhas imaxes dun acto que compartiu con Manuel María.” Vía Xornal de Galicia.

O debate sobre como celebrar a cultura

Artigo en Cultura Galega: “O grande eco social que obtivo o Día das Letras dedicado a Lois Pereiro neste 2011 fai rexurdir o debate sobre o modelo de celebración da festa da nosa literatura. Entre outros temas, volta á palestra o debate sobre se o 17 de maio debe ser laborable ou continuar como festivo. Revisamos diferentes posturas encol desta cuestión na primeira dunha serie de reportaxes que quere analizar as mudanzas e as posiblidades de futuro desta celebración.”

Unha forma de facer país

Repercusións sobre a escolla de Valentín Paz Andrade para o Día das Letras Galegas 2012 en Galicia Hoxe:
‘Para o presidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG), Cesáreo Sánchez, é un motivo de “ledicia” que se recoñeza a figura de Paz Andrade tanto pola súa “obra escrita” como pola súa “achega á construción da nación” neste tempo “tan necesitado de alento vertebrador”. (…)
Para Cesáreo Sánchez, a celebración non terá a acollida que este ano conseguiu bater marcas de participación co caso de Lois Pereiro. “Son dúas figuras distintas e á vez, complementarias -afirma-. Lois é un contemporáneo que hoxe tería cincuenta anos e estarái en plena madurez creativa. Ademais, a súa linguaxe enlazaba perfectamente coa rúa. No caso de Paz Andrade, será moi importante ver como se implicou nunha serie de proxectos que aínda hoxe en día están a dar os seus froitos”, comenta. (…)
Pola súa banda, Cesáreo Sánchez destaca que nomear académico a Xosé Fernández Ferreiro “é un acto de xustiza polo que leva achegado á narrativa galega e a súa implicación no Grupo Brais Pinto en momentos moi cruciais da nosa cultura”. Outra cousa, di, é a “necesaria entrada de mulleres na RAG, que significaría que a Academia anda ao mesmo paso que a sociedade”. Ao seu ver, “nos próximos anos necesariamente ten que entrar unha muller porque a propia realidade literaria do país así o demanda”.’

Valentín Paz Andrade será o homenaxeado no Día das Letras Galegas 2012 e Xosé Fernández Ferreiro entra na RAG

Valentín Paz Andrade foi elixido polo Plenario da Real Academia Galega como o autor homenaxeado no Día das Letras Galegas do 2012. Na mesma sesión acordou nomear académico electo a Xosé Fernández Ferreiro, para ocupar a vacante que se produciu tras o falecemento do académico numerario Francisco Fernández del Riego. A nova tamén ven recollida en: Xornal, Galicia Hoxe, La Voz de Galicia, El País, Galiciaé, Cultura Galega, Galaxia, Portal Galego da Língua.