Xesús Constela celebra vinte anos de literatura en galego con Doce voz de Megafonía

Entrevista a Xesús Constela no Diario de Ferrol:
“(…) “Hai cinco anos todos diciamos o mesmo. Parecíanos incrible que estivésemos vivindo algo así”, sinala Constela, quen, aínda que en ningún momento do libro menciona nin tan sequera a palabra coronavirus ou covid, “quixen reflectir un pouco todas as sensacións que tivemos cando estabamos pechados en casa, e todos eses bulos que circulaban”.
Constela profundiza na fórmula de escrita suxestiva que define a súa traxectoria. “Creo que As humanas proporcións marcou unha liña a seguir e, aínda que nestes anos pasaron máis cousas e probei outros camiños, nunca abandonei esa idea de xogar coa realidade e a ficción, con ámbalas dúas. Gústame porque nela estou cómodo tamén”.
Constela vive agora unha nova etapa. Recén xubilado, pode dedicarlle agora todo o tempo do mundo a viaxar e a escribir. “Teño que admitir que a faceta creativa nunca me fallou e non sei o que é sentar diante dunha páxina en branco e non saber que facer, pero si que botei de menos ter máis tempo para iso, aínda que seguín viaxando e escribindo. Agora si podo ter unha disciplina para contar historias, que é a miña paixón”.
Botando a ollada atrás ata aquel ano 2004, o escritor ferrolán radicado en Poio recoñece non laiarse de non ter comezado antes a escribir, cando menos para o público. “Non, antes daquela primera obra houbo outras cousas que foron moi interesantes e moi gratificantes”, explica, se ben aínda lembra “o inmenso pracer de ver ‘As humanas proporcións’ publicado foi unha sensación marabillosa. Débolle a el todo o que veu despois”. “

Xesús Constela publica Doce voz de megafonía, unha distopía para describir a ‘hipnocracia’ actual

Entrevista a Xesús Constela en Pontevedra Viva:
“(…) Doce voz de megafonía está en librarías desde hai un par de meses. Novela número nove que publica o seu autor, Xesús Constela. Fincado en Poio, ferrolán de nacemento, goza dunha xubilación plenamente activa. Tras unha etapa profesional como docente agora está envorcado no que máis goza: escribir e viaxar.
Empezamos charla por este novo título. Os habitantes de Centro Comercial son confinados nas súas vivendas pola aparición dun virus, sen máis explicación. Un deses cidadáns comezará a facerse preguntas e realizar pescudas que o enfrontan ao poder dado que altera a orde establecida.
A historía mostra unha sociedade absolutamente manipulable e un poder que utiliza todas as ferramentas ao seu alcance para conseguir os seus propósitos.
Distopía?, descrición da orde actual?. O autor expúxose esta trama en 2020, durante o confinamento; aínda que precisa: “o punto de partida é un confinamento pero non se menciona nunca pandemia”. Detalla igualmente que a idea de instalar a esa cidadanía en Centro Comercial “parte dun dos relatos do primeiro libro que escribín fai máis de vinte anos, As humanas proporcións. Ese Centro Comercial é unha imaxe da sociedade en que vivimos, sobre todo en Europa. Está levado ao puro frenesí do consumismo”. (…)”

Ferrol: actos destacados do 27 de abril na Feira do Libro 2025