Compostela: actividades do 28 de abril na Feira do Libro 2024

Entrevista a María Solar arredor de Adeline

Entrevista a María Solar en Nós Televisión:
Adeline é unha homenaxe a Carmilla, a primeira vampira literaria, escrita vinte e cinco anos antes de Drácula. Laura vive desde nena agoniada por un estraño don que posúe: ve mortos. Durante anos leva unha vida solitaria no pazo familiar da contorna de Verín. Cando medra, a ansiada vida universitaria en Madrid tampouco é o que esperaba. No regreso estival ao pazo, Laura atopa unha misteriosa viaxeira. A muller é idéntica á que viu en soños moitos anos atrás. Non é un encontro casual. Aquela moza está alí para descubrirlle que o Universo é moito máis inmenso do que percibimos e que os seres ocultos están e estiveron sempre entre nós. “Os non mortos non temos idade. Laura, só quero que saibas que estou en perigo.” Finalista do XV Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil. A entrevista pode verse aquí.”

María Solar: “Vivimos nunha sociedade que non admite o diferente nin acepta outras verdades”

Entrevista de Laura Veiga a María Solar en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): Por que quería facer un retelling de Carmilla?
– María Solar (MS): Hai moitísimo que quería escribir este libro. Cando lin Carmilla, fascinoume. Para min foi unha descuberta que a primeira novela do xénero vampírico estivese protagonizada por unha vampira. Drácula devorou a Carmilla, pero apareceu 25 anos despois. Carmilla realmente sentou as bases da novela vampírica. Ademais, a protagonista era unha rapaza adolescente que seducía outra rapaza, e isto escrito en 1872. Pareceume incríbel porque creo que pecamos moito de adanismo, de pensar que sempre estamos facendo o máis innovador cando de súpeto descobres que hai xente que xa nesa época creou todo un xénero novo e ademais desde esta perspectiva. Entón daquela ocorréraseme traer a novela á actualidade. Quería escribir unha novela vampírica, que collese a esencia de Carmilla, pero que o fixese con outras armas que temos hoxe en día na escrita e que resultan moito máis atractivas para os lectores da actualidade.
– ND: E ademais dirixida á adolescencia.
– MS: Claro. Eu pretendía manter algúns puntos esenciais da novela para que fose unha homenaxe. Con todo, a miña pregunta era que pasaría se hoxe sucedese isto? Aí entran situacións como a saúde mental. Se unha persoa ve mortos hoxe en día ou fai algo que se sae do normal, sen dúbida a nivel social vaise pensar que é unha persoa cun problema mental. Vivimos nunha sociedade que non admite o diferente, mais tampouco acepta que haxa outras verdades.
Na novela aparecen a amizade, o amor, o ser diferente, mais un dos conflitos fundamentais de Adeline é que os vampiros amosan a súa razón de ser e confróntana á dos humanos. Os humanos pensamos que a nosa sociedade e a nosa maneira de pensar é a boa e eles teñen a propia cos seus valores e a súa cultura. Persoalmente gústame xogar con esta idea do enfrontamento nas miñas novelas, incluso en Quokka Moka (Xerais), que é infantil. Gústame ver como se sente a persoa que le cando a pos diante da evidencia do diferente. (…)”