Dolores Vilavedra: “A nosa literatura está viva”

Entrevista a Dolores Vilavedra en Galicia Hoxe:
“- Galicia Hoxe (GH): A busca do gran texto ou do grande autor é, segundo asegura, síntoma da febleza do sistema literario galego naquelas décadas. ¿Que provocou este tipo de debates?
– Dolores Vilavedra (DV): Creo que eran debates pendentes. A literatura e a narrativa galega viviron moito tempo cun exceso de proteccionismo, é dicir, que non se podía falar de determinados libros ou autores. Así non había maneira de medrar. Chegou o momento en que se impuña abordar todos eses temas e discutilos como unha sociedade madura e libre. Era unha necesaria crise de crecemento, era algo que non se podía adiar máis. En certa maneira preocúpame que poida suceder o contrario, é dicir, que en momentos como o actual onde a cultura galega se ve ameazada por unha serie de factores externos evidentes, caiamos na mesma tentación de non discutir, non debater, pechar filas e adoptar unha actitude defensiva. Botar o lixo baixo a alfombra en lugar de debater as cuestións. Era a crise de medrío imprescindible para poder seguir adiante. (…)
– GH: O libro galego pasou de ser considerado un obxecto de culto a un reclamo publicitario. Por que?
– DV: Niso afectou sobre todo os premios. De súpeto, hai unha serie de institucións que descobren o valor simbólico dos premios e a cultura galega e apostan por eles. Hai momentos nos que incluso se produce unha certa inflacción de premios convocados. A contrapartida é o momento actual no que a cultura galega está relativamente desvalorizada e empezamos a encontrarnos orfos dese apoio dos poderes públicos que o daban a cambio desa lexitimidade simbólica que a literatura e a cultura lle outorgaban. Era unha especie de pacto: eu douche diñeiro, convoco un premio ou publico un libro e ti, a cambio, dótasme dunha certa lexitimidade galeguista e cultural. Ese pacto está en suspenso.”

Santiago: presentación de Cabalo de ouros, de Víctor F. Freixanes

O xoves 16 de decembro, ás 20:00 h., na Biblioteca Ánxel Casal (Avenida Xoán XXIII), de Santiago de Compostela, Víctor F. Freixanes presenta a súa novela Cabalo de ouros, publicada en Galaxia. Acompañan ao autor Carlos Lema, director de edicións de Galaxia, e Dolores Vilavedra, crítica literaria.

Santiago: presentación de Asasinato no Consello Nacional, de Diego Ameixeiras

O xoves 25 de novembro, a partir das 20:00  h., terá lugar na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes, 6) de Santiago de Compostela a presentación da novela Asasinato no Consello Nacional, de Diego Ameixeiras, cuxa primeira edición esgotou todos os exemplares á semana da súa saída. O acto contará coa participación de Dolores Vilavedra. Desde esta semana pódese ver o booktrailer da novela na rede.

Santiago: presentación de Luz de Tebra, de Ánxel Vázquez de la Cruz

O xoves 11 de novembro preséntase na Facultade de Medicina e Odontoloxía da Universidade de Santiago de Compostela (rúa San Francisco, s/n.), a partir das 20:00 h., o libro Luz de Tebra, de Ánxel Vázquez de la Cruz, publicado por Xerais. No acto acompañarán ao autor Xosé María Fraga, Manuel Sánchez Salorio, Dolores Vilavedra e Manuel Bragado.

Santiago: mesa redonda sobre novela histórica xuvenil

O club de lectura Gálix Tendendo Redes organiza mañá xoves día 4 de xuño de 17 a 19 horas no Consello da Cultura Galega unha mesa redonda que leva por título Narrar a historia, sobre as claves da novela histórica xuvenil e o seu tratamento na literatura para adultos. Participarán Marilar Aleixandre, Xosé A. Neira Cruz e Marcos S. Calveiro, todos eles autores de obras seleccionadas para a súa lectura polo club, así como a crítica literaria e doutora da Universidade de Santiago de Compostela Dolores Vilavedra. A entrada é libre.

Vi Diálogos Literarios de Mariñán

Do 1 ao 4 de xuño desenvólvense a sexta edición dos Diálogos Literarios de Mariñán, no Pazo do mesmo nome situado en Bergondo (A Coruña). Baixo a coordinación de Román Raña intervirán este ano nas xornadas os escritores Gonzalo Navaza, Dolores Vilavedra, Antón Riveiro Coello, Xurxo Borrazás, Xavier Rodríguez Baixeras, Manuel Rivas e José Saramago. Organiza a Fundación Carlos Casares. Podedes descargar o díptico coa programación picando nesta ligazón.