O Día de Rosalía pasa a celebrarse o 23 de febreiro

Desde a Fundación Rosalía (foto da Fundación):
“A Fundación Rosalía de Castro convocou esta mañá a diversas entidades culturais e educativas relacionadas co Día de Rosalía para acordaren que as celebracións deste aniversario pasen a ter lugar desde este 2022 o día 23 de febreiro e non o 24 como acontecía ata agora, logo do recente descubrimento por parte da investigadora Sagrario Abelleira que corrixiu a data de nacemento da autora.
Acudiron á convocatoria da Fundación Rosalía na Casa-Museo representantes de entidades relacionadas co Día de Rosalía, como o presidente da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, Cesáreo Sánchez; Xosé Lastra, presidente de Nova Escola Galega; Dores Silveira, da Asociación Socio-Pedagóxica Galega [de forma virtual] ou Olimpio Xiráldez e Erea Estévez Campos, da Asociación de Gaiteir@s Galeg@s. Tamén participaron representantes institucionais, como Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística; Lorena Couso, concelleira de Cultura de Padrón; ou Mercedes Rosón, concelleira de Cultura de Santiago [de forma virtual]. Asemade, asistiu á xuntanza Sagrario Abelleira, investigadora que realizou o achado documental que demostra, entre outros feitos relevantes, que Rosalía de Castro naceu o día 23 de febreiro.
A Deputación da Coruña, cuxo deputado de Cultura, Xurxo Couto, non puido asistir por cuestións de axenda, manifestou o seu apoio á decisión tomada.
O Día de Rosalía converteuse nos últimos anos nunha das datas máis importantes do calendario cultural galego. Comezou sendo unha data celebrada e reivindicada pola AELG para logo conseguir unha presenza destacada no mundo escolar. Posteriormente chegaría a súa extensión a outros sectores máis amplos da sociedade e, ao mesmo tempo, a confirmación institucional. “