O Día de Rosalía pasa a celebrarse o 23 de febreiro

Desde a Fundación Rosalía (foto da Fundación):
“A Fundación Rosalía de Castro convocou esta mañá a diversas entidades culturais e educativas relacionadas co Día de Rosalía para acordaren que as celebracións deste aniversario pasen a ter lugar desde este 2022 o día 23 de febreiro e non o 24 como acontecía ata agora, logo do recente descubrimento por parte da investigadora Sagrario Abelleira que corrixiu a data de nacemento da autora.
Acudiron á convocatoria da Fundación Rosalía na Casa-Museo representantes de entidades relacionadas co Día de Rosalía, como o presidente da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, Cesáreo Sánchez; Xosé Lastra, presidente de Nova Escola Galega; Dores Silveira, da Asociación Socio-Pedagóxica Galega [de forma virtual] ou Olimpio Xiráldez e Erea Estévez Campos, da Asociación de Gaiteir@s Galeg@s. Tamén participaron representantes institucionais, como Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística; Lorena Couso, concelleira de Cultura de Padrón; ou Mercedes Rosón, concelleira de Cultura de Santiago [de forma virtual]. Asemade, asistiu á xuntanza Sagrario Abelleira, investigadora que realizou o achado documental que demostra, entre outros feitos relevantes, que Rosalía de Castro naceu o día 23 de febreiro.
A Deputación da Coruña, cuxo deputado de Cultura, Xurxo Couto, non puido asistir por cuestións de axenda, manifestou o seu apoio á decisión tomada.
O Día de Rosalía converteuse nos últimos anos nunha das datas máis importantes do calendario cultural galego. Comezou sendo unha data celebrada e reivindicada pola AELG para logo conseguir unha presenza destacada no mundo escolar. Posteriormente chegaría a súa extensión a outros sectores máis amplos da sociedade e, ao mesmo tempo, a confirmación institucional. “

Iria Pinheiro gaña o premio Maruxa Villanueva de interpretación teatral

Desde Sermos Galiza:
“O xurado da décimo oitava edición do premio Maruxa Villanueva de intepretación teatral decidiu outorgarlo á actriz Iria Pinheiro. “Destacamos a súa valentía na reivindicación do feminismo e na capacidade para empregar a arte e avisibilidade como actriz para causas xustas e necesarias”, sinalou.
A última obra de Pinheiro é Anatomía dunha serea, facturada ao abeiro do proxecto Berberecheira, da compañía Chévere. “É un espectáculo petinente”, afirma o xurado dun galardón que concede o Concello de Padrón, “ante o debate social arredor da violencia obstétrica. É ademais un exemplo de proceso de investigación, co sentido comprometido do teatro documentado”.
Mais non se centra o fallo en Anatomía dunha serea. “A súa traxectoria amosa unha versatilidade como actriz que, nunha constante renovación do cabaré e o teatro cómico, a presenta como unha creadora total comprometida con todas as facetas do teatro”, engadiu.
Fixeron parte do xurado, presidido pola concelleira de Cultura da localidade Lorena Couso, a escritora Inma López Silva, o actor e profesor Carlos Biscaínho, o dramaturgo Afonso Becerra, o director da mostra de teatro de Ribadavia Roberto Pascual, a investigadora Comba Campoi. A secretaria foi a animadora social do Concello María Cruz Taboada.”

As flores, de Helena Salgueiro, gaña o II Premio de poesía Rosalía de Castro do Concello de Padrón

DesdeRosalía de Castro El Correo Gallego:
“A segunda edición do premio de poesía Rosalía de Castro, promovido polo Concello de Padrón para honrar a figura da autora de Cantares Gallegos suma xa unha nova gañadora. Trátase da compostelá Helena Salgueiro Golán. A súa obra poética, presentada baixo o lema Lilith e que leva por título As flores, logrou o favor do xurado tanto polo tema que afronta como polas referencias literarias que manexa a autora no poemario gañador.
O xurado, presidido por Lorena Couso, reuniuse para valorar a trintena de traballos poéticos que se presentaron este ano ao certame literario. Entre os membros do xurado encontrábanse Anxo Angueira, Dores Tembrás, María Xesús Senín Fernández, María López Sández e Elvira Ribeiro Tubío.”