O xoves 29 de novembro, ás 20:00 horas, na Biblioteca Municipal Ágora (Rúa Ágora, s/n.) da Coruña, preséntase o libro En vías de extinción, de María Reimóndez, publicado en Xerais. No acto participan, xunto á autora, María Xosé Silvar “Sés” e Fran Alonso.
Arquivos da etiqueta: Edicións Xerais
Ares: presentación de Cartas de inverno, de Antonio Seijas
O xoves 29 de novembro, ás 20:00 horas, na Alianza Aresana (Rúa María, 11) de Ares, preséntase a novela gráfica Cartas de inverno, de Antonio Seijas, baseada na obra homónima de Agustín Fernández Paz, publicada en Xerais. No acto, xunto aos autores, participa Julio Ignacio Iglesias Redondo e Manuel Bragado.
Vigo: presentación da Poesía completa de Valentín Paz Andrade
O mércores 28 de novembro, ás 20:00 horas, na Casa do Libro (Rúa Velázquez Moreno, 27) de Vigo, preséntase a Poesía completa, de Valentín Paz Andrade, en edición de Gregorio Ferreiro Fente, publicada en Xerais. No acto, xunto ao editor, participan Xesús Alonso Montero, Alfonso Paz Andrade e Manuel Bragado.
Manuel Veiga: “O meu dicionario humorístico é un complexo vitamínico e debería distribuirse en farmacias”
“O Diario Cultural da Radio Galega realizou unha entrevista a Manuel Veiga polo seu libro Do G ao Z. Dicionario indignado e humorístico, publicado en Xerais. Durante a entrevista, realizada por Anxo Quintela, o autor asegura que o dicionario busca o humor, a ironía e abarca moitos temas en extensión moi curta e a partir dunha selección e criterio moi persoal. Logo, Manuel Veiga asegura que xoga no libro con rexistros distintos e maneiras moi diferentes para «tratar de sorprender o lector en cada páxina e saírlle por onde non o espera». Manuel Veiga define o libro como un «complexo vitamínico», que che proporciona suxerencias e che dá ideas, e ironiza asegurando que debería distribuírse en farmacias. A entrevista, en mp3, pode escoitarse ou descargarse neste enlace.” Desde Xerais.
São Paulo: conferencia de Iolanda Zúñiga sobre Periferia
“A escritora Iolanda Zúñiga impartirá o luns 26 de novembro unha conferencia no Instituto Cervantes de São Paulo, Brasil, sobre a súa novela Periferia. A actividade, promovida polo Consello da Cultura Galega, devolve a escritora ao escenario do que partiu a novela, que foi gañadora do Premio Xerais en 2010. Periferia foi considerada pola crítica unha das novelas máis innovadoras da literatura galega dos últimos tempos. (…)”. Desde Xerais.
Vigo: presentación de O rastro que deixamos, de Agustín Fernández Paz
O venres 23 de novembro, ás 20:00 horas, na libraría Librouro (Rúa Eduardo Iglesias, 12) de Vigo, preséntase o libro O rastro que deixamos, de Agustín Fernández Paz, publicado en Xerais. No acto intervirán, xunto ao autor, Isabel Soto e Manuel Bragado.
Agustín Fernández Paz: “Tiven a sorte de nacer nunha familia na que o meu pai era un apaixonado da lectura”
Desde Xerais:
“O pasado domingo 18, A Revista do Diario de Pontevedra publicou unha longa entrevista de Sara Vila con Agustín Fernández Paz. O seu último libro, O rastro que deixamos; o seu nomeamento como Doutor Honoris Causa da Universidade de Vigo; a literatura; o ensino e a lingua son algúns dos temas que se tratan na entrevista. (…)
– Diario de Pontevedra (DP): Acaba de ser nomeado Doutor Honoris Causa pola Universidade de Vigo. Parabéns.
– Agustín Fernández Paz (AFP): Grazas. A verdade é que estou abrumado, todos os premios me fan moita ilusión, pero ser nomeado Doutor Honoris Causa pola universidade da cidade na que vivo é toda una honra. Teño que agradecerllo ao Departamento de Lingua Galega, que me propuxo. Hai tempo que sabía que estaba proposto por eles pero non pensei que me foran nomear finalmente. É unha desas cousas que dan moita satisfacción.
– DP: E ademais estrea libro, unha especie de compendio sobre a súa vida…
– AFP: A orixe deste libro remóntase a hai tres anos. Por aquel entón diagnostícanme un cancro e eu prexubílome. Entón plantéxolle ao editor a idea de publicar un conxunto de textos que teño acumulados a moreas no meu ordenador. Como non me sinto con forzas, pásolles todos os documentos do meu disco duro para que eles os vexan e me digan que lles parece. Aí entra en escena Isabel Soto, que é quen me traduce habitualmente ao castelán. Dende Xerais imprimen todo e pásanllo a ela para que o valore. Case morre do susto coa cantidade de papeis que lle chegaron! (…)
Descargar aquí a entrevista completa en pdf.”
Santiago: presentación de Para unha crítica do españolismo, de Camilo Nogueira
O xoves 22 de novembro, ás 19:00 horas, na Biblioteca Ánxel Casal (Avenida Xoán XXIII) de Compostela, preséntase o libro Para unha crítica do españolismo, de Camilo Nogueira, publicado en Xerais. O acto está organizado pola A. C. O Galo. No acto estará acompañado por Néstor Rego.
Pontevedra: presentación de Atl, de Manuel Lourenzo González
O xoves 22 de novembro, ás 20:00 horas, no Salón de Actos Sexto Edificio do Museo (Rúa Padre Amoedo Carballo, 3) de Pontevedra, preséntase Atl, de Manuel Lourenzo González, publicado en Xerais. No acto, organizado pola editora e o Ateneo de Pontevedra, participan, xunto ao autor, interveñen Manuel Bragado e Manuel Figueiras. Como peche, actuará o grupo de pandeireteiras Adonairare.
Entrevista a Agustín Fernández Paz no programa Zig zag
O programa da TVG Zig-zag diario, que presenta a xornalista María Solar, entrevistou ao escritor Agustín Fernández Paz, que resultou gañador o sábado no Premio da Crítica Galicia na categoría de Creación Literaria polo seu libro Fantasmas de luz, publicado en Xerais. Desde a web da editora.