O
venres 15 de novembro, ás 20:00 horas, no local do Centro Social Fuscalho (Rúa do Paseo) da Guarda, preséntase o libro Historia de Galicia, de Anselmo López Carreira, publicado en Xerais.
Arquivos da etiqueta: Edicións Xerais
Santiago: presentación de A memoria da choiva, de Pedro Feijoo
O
venres 15 de novembro, ás 16:30 horas, no pub Modus Vivendi (Praza Feixoo, 1) de Santiago de Compostela, terá lugar unha roda de prensa de presentación da novela A memoria da choiva, de Pedro Feijoo, publicada en Xerais. No acto, xunto ao autor, participa Manuel Bragado.
Betanzos: presentación de Vento e chuvia, de Manuel Gago e Manel Cráneo
O
venres 15 de novembro, ás 20:00 horas, na Libraría Biblos (Rúa Santiago, 4) de Betanzos, preséntase o libro Vento e chuvia. Mitoloxía da Antiga Gallaecia, de Manuel Gago e ilustrado por Manel Cráneo, publicado en Xerais. No mesmo acto, Manel Cráneo presentará a súa obra de banda deseñada A Torre dos Mouros publicado por Demo Editorial. Participan Antón Malde, Manuel Gago e Manel Cráneo.
Santiago: presentación de As palabras do silencio, de Ánxela Gracián
O
xoves 14 de novembro, ás 20:00 horas, na Libraría Lila de Lilith (Rúa Travesa, 7) de Santiago de Compostela, preséntase As palabras do silencio, de Ánxela Gracián, publicado en Xerais. No acto participan, xunto á autora, os chineses Ye Wang e Lu Xu, quen farán unha dramatización da lenda orixinal do Qu Xi en chinés e galego, e Manuel Bragado. Durante os catro xoves seguintes (21 e 28 de novembro e 5 e 12 de decembro) terá lugar de 17:30 a 19:00 horas o obradoiro literario infantil Primeiro fun cartón agora son dragón impartido pola autora do álbum, dirixido a nen@s entre 4 e 8 anos.
Convocada a XVI edición do Certame de Narración Curta Ánxel Fole
“A Concellería de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua do Concello de Lugo convoca a XVI Edición do Certame de Narración Curta Ánxel Fole, que se rexerá polas seguintes
BASES
1ª. Poderá concorrer calquera autor ou autora, de calquera nacionalidade, que presente unha obra escrita en lingua galega conforme á normativa oficial, establecida pola Real Academia Galega. As obras presentadas deben ser orixinais e inéditas, entendendo por obra inédita a que non foi comunicada nin na súa totalidade nin en parte por ningún tipo de procedemento.
2ª. As obras presentadas poderán consistir tanto nunha novela curta como nun conxunto de relatos, en calquera caso cunha extensión total mínima de 50 folios estándar e máxima de 100, equivalentes respectivamente a 90.000 e 180.000 carácteres con espazos.
Cada autor ou autora poderá presentar cantas obras quixer.
3ª. Establécese un único premio de catro mil (4.000) euros, que estará suxeito ás retencións legalmente establecidas. Enténdese que o importe do premio inclúe e compensa os dereitos económicos polos primeiros mil exemplares vendidos da obra premiada, ós cales os autores e autoras renuncian polo feito de presentárense a este certame e obteren o premio.
4ª. A obra premiada será publicada por Edicións Xerais de Galicia, S. A. Esta editorial asinará co autor ou autora un contrato de edición nas condicións habituais, sempre de acordo coa lexislación vixente sobre a propiedade intelectual, e tendo en conta a exención prevista na base anterior. O autor ou autora recibirá gratuitamente trinta exemplares da primeira edición, e o Concello de Lugo outros trinta.
5ª. Das obras presentaranse tres exemplares mecanografados, en follas impresas por unha soa cara e cun tipo e tamaño de letra facilmente lexibles, debidamente paxinadas e encadernadas, no departamento de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua do Concello de Lugo (Praza Maior, 1, 27001 LUGO), indicando no exterior do sobre ou paquete Para o XVI Certame Ánxel Fole.
6ª. Os orixinais presentaranse baixo lema, sen ningún dato que identifique a autoría. Con eles achegarase un sobre pechado, en cuxo exterior constará o lema e o título da obra, e no interior o nome completo (e o nome literario ou pseudónimo de publicación no seu caso), o enderezo e o teléfono do autor ou autora, o correo electrónico se o tiver, e unha fotocopia do DNI ou pasaporte.
7ª. O prazo de presentación pecharase o 31 de decembro do 2013. Nos envíos postais admitiranse os que foran expedidos ata a devandita data límite.
8ª. O xurado deliberante estará formado por tres persoas competentes na materia, designadas pola Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, unha delas a proposta de Edicións Xerais de Galicia. Con voz e sen voto, formarán tamén parte do xurado a Concelleira de Cultura e un funcionario que ela designe e que actuará como secretario.
9ª. O xurado reunirase para discernir o premio –que non poderá ser dividido, pero si declarado deserto– antes do 15 de marzo do 2014. As súas decisións serán inapelables.
10ª. Se no período de tempo transcorrido entre a presentación dunha obra e o ditame do xurado esa obra obtivera outro premio, o autor débello comunicar inmediatamente ó Concello de Lugo, retirándoa do Certame Ánxel Fole. En calquera caso, enténdese que a obtención dun premio anterior implica a renuncia automática ó premio Ánxel Fole que lle puidera ser atribuído a esa obra por descoñecemento desta circunstancia, sen prexuízo doutras responsabilidades en que o autor ou autora puidera incorrer pola omisión do deber formulado nesta base.
11ª. A participación no certame supón e implica a aceptación total das súas bases.”
ANEXO
“Os orixinais non premiados poderán ser recuperados polos seus autores dentro dos dous meses seguintes á publicación da decisión do xurado, ben recolléndoos persoalmente no Servizo de Cultura do Concello de Lugo, ben solicitando o seu envío por correo, en ámbolos casos identificándose e identificando a obra de xeito suficiente a xuízo do funcionario secretario do xurado ou da xefa do Servizo, que fican obrigados á discreción sobre os datos de autoría que así coñezan. Unha vez transcorridos os devanditos dous meses, os orixinais non retirados serán destruídos xunto coas súas plicas.”
Manuel Gago: “Queremos tender unha ponte entre os que habitaron os castros e a xente do século XXI”
Entrevista
a Manuel Gago en Radio Obradoiro:
“(…) Segundo explicou Gago, nunha entrevista en Radio Obradoiro, Vento e chuvia é “conta unha historia real nas súas bases que é descoñecida polo gran público: a existencia dun panteón de deuses da Idade de Ferro aquí en Galicia”. Segundo apuntou, “nós sacamos á luz que o que se sabe arqueolóxicamente engadíndolle unha capa de imaxinación e creatividade”. O proxecto está pensado para que os lectores redescubran o mundo castrexo. “Queremos tender unha ponte entre os que habitaron os castros e a xente do século XXI. Buscamos que o libro sexa capaz de apaixonar ao lector para que cando vexa un castor poida imaxinarse a quenes viviron alí”. O proxecto trascende o papel e abrangue outros campos. Conta cunha web, obradoiros, roteiros e o propio libro é interactivo e permite a través de varios códigos acceder a varios contidos adicionais. “Este é un proxecto transmedia, cada formato aporta algo diferente”.
Booktrailer de Cartas de inverno, de Agustín Fernández Paz
Vigo: presentación de Historia de Galicia, de Anselmo López Carreira
O
venres 8 de novembro, ás 20:00 horas, na Libraría Andel (Avenida das Camelias, 102) de Vigo, preséntase Historia de Galicia, de Anselmo López Carreira, publicado en Xerais. No acto, xunto ao autor, participa Manuel Bragado.
Rosa Aneiros: “Quixen reivindicar e feminizar a Marco Polo”
Entrevista
a Rosa Aneiros en Radiofusión:
“Leo é unha rapaza que quere abrirse a vida … Decide empregar 6.000 euros duns aforros nunha viaxe arredor do mundo durante 6 meses. Ela protagoniza a nova novela de Rosa Aneiros. Ámote Leo A. Destino Xalundes que quere dar vento a unha xeración forte, á mocidade que ven detrás, e que precisa optimismo. A obra enlaza coa mellor novelística de viaxes e tamén transita por numerosas obras literarias.
Xalundes significa, un lugar lonxano, máis alá (por exemplo foi a xalundes e non volveu). A protagonista viaxa máis alá pero tamén polo seu interior. Destino Xalundes é o primeiro chanzo dunha triloxía (Amote Leo A) que xa ten rematada pero que sairá en intervalos de catro meses. Rosa Aneiros recoñece que visitar numerosos clubs de lectura axudóulle moito a escribir esta obra. Publica a obra Edicións Xerais que anuncia para xaneiro a segunda entrega da triloxía.
A entrevista completa pódese descargar aquí.”
Pontevedra: presentación de Raíz da fenda, de Berta Dávila
O
xoves 7 de novembro, ás 20:00 horas, na Libraría Paz (Rúa Peregrina, 29) de Pontevedra, preséntase Raíz da fenda, poemario de Berta Dávila, publicado en Xerais. No acto, xunto á autora, que fará un agasallo a cada un dos asistentes, participa Luca de las Heras.