Xerais na Feira do Libro de Ferrol

Coa Feira do Libro de Ferrol, que se celebrará no Cantón de Molíns entre os días 21 e 25 de abril, coincidindo coa festa do Libro, comeza o ciclo anual de Fieras do Libro organizadas pola Federación de Libreiros de Galicia. Xerais ten preparado unha importante participación en cada unha delas, consciente da importancia de visibilizar na rúa, no contacto coa cidadanía, o libro en lingua galega.

Día 21 mércores

19:30 horas: Pregón a cargo de Vicente Araguas.
20:30 horas: Presentación do libro Xuvia-Neda de Vicente Araguas. Intervirán: Xermán Castro, Nicolás Vidal, Manuel Bragado, Vicente Araguas e o cantante Roger de Flor.

Día 24 sábado

19:00 horas: Charla de Rosa Aneiros e sinatura dos seus libros de Sol de Inverno (PREMIO XERAIS DE NOVELA 2009) e Ás de bolboreta (PREMIO F. CAIXA GALICIA 2009)

19:30 horas: Jorge Llorca asinará exemplares do seu libro O’ Salto do Can.

Día 25 domingo

19:00 horas: Presentación de Ao pé da Laxa da Moa de Antón Cortizas. Intervirán Manuel Bragado e Antón Cortizas.

Entrevistas a Agustín Fernández Paz en Faro e Xornal

Entrevistas ao escritor Agustín Fernández Paz na prensa galega con motivo da publicación do seu libro Valados:

Faro de Vigo: “Agora hai máis muros ca nunca, uns 8.000 quilómetros no mundo”

Xornal de Galicia: “Cando alguén ergue unha muralla, sempre é para manter os seus privilexios”

Vigo: presentación de Valados, o novo libro de Agustín Fernández Paz

Hoxe martes, 15 de decembro, ás 20:00 horas nas instalacións da Casa do Libro de Vigo presentarase Valados, o novo libro de Agustín Fernández Paz, ilustrado por Xan López Domínguez. No acto acompañarán ao autor Alberto Estévez, voceiro de Amnistía Internacional en Vigo e o editor Manuel Bragado.

A Coruña: presentación do novo libro de Xosé R. Barreiro Fernández

O libro Historia social da guerra da independencia en Galicia de Xosé R. Barreiro Fernández preséntase na Coruña o vindeiro mércores 18 de novembro, nun acto que contará coa participación do Excmo. Sr. D. José María Barja Pérez, Reitor Magnífico da Universidade da Coruña; do Excmo. Sr. D. Gonzalo de la Huerga Fidalgo, Ex-Presidente da Sala do Contencioso Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia e Conselleiro do Consello Consultivo de Galicia; D. Manuel Bragado, Director de Xerais e do Excmo. Sr. D. Xosé R. Barreiro Fernández. Será a partir das 20,30 horas, na Librería Arenas (Cantón Pequeno, 25, A Coruña).

Santiago: presentación de Sol de inverno de Rosa Aneiros

A novela de Rosa Aneiros Sol de inverno, gañadora do Premio Xerais 2009, preséntase o xoves 12 de novembro en Santiago nun acto que contará coa participación de Helena Soto, Manuel Bragado e a autora. Será na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes, 6 de Santiago) a partir das 20 horas, con entrada libre.

Lugo: presentación de Mercurio de Emilio Alonso

Mañá mércores 11 de novembro preséntase en Lugo a novela Mercurio de Emilio Alonso, Premio La Voz de Galicia 2008. O acto contará coa participación de Manuel Bragado e Emilio Alonso e comezará ás 20,00 horas no Salón de Actos do IES Lucus Augusti, Avda Rodríguez Mourelo, s/nº de Lugo. Pola mañá, ás 13,30 horas, terá lugar un encontro entre Emilio Alonso e parte do alumnado do IES Lucus Augusti.

Xerais pon á venta os seus primeiros libros electrónicos

Edicións Xerais vén de poñer á venta os primeiros libros electrónicos do seu catálogo, Sete palabras de Suso de Toro e Dime algo sucio de Diego Ameixeiras. Os libros poden ser descargados dende o espazo de Xerais en Todoebook. Polo momento só poden obterse en formato PDF-Adobe DRM, aínda que nos vindeiros días estarán dispoñibles tamén en E-PUB. Máis información, no blog de Xerais.

Ferrol: presentación da novela de Rosa Aneiros gañadora do Premio Xerais

Mañá mércores, 28 de outubro, ás 20:00 horas na Galería Sargadelos de Ferrol realizarase a primeira presentación de Sol de Inverno, a novela de Rosa Aneiros gañadora do Premio Xerais 2009. No acto acompañarán á autora Sonia Díaz Pereiro e Manuel Bragado.

Herta Müller, Nobel 2009, anotación de Xerais

Reproducimos polo seu interese a anotación publicada pola editorial Xerais sobre a concesión do Premio Nobel a Herta Müller:

Xerais expresa a súa grande satisfacción pola adxudicación do Premio Nobel de literatura 2009 á escritora Herta Müller, poeta e narradora, nacida en 1953, en Bánat (Romanía), no seo dunha familia da minoría alemana. Dentro da colección «As literatas», dirixida por María Xosé Queizán, Xerais publicou no ano 2001 O home é un grande faisán no mundo, obra narrativa publicada orixinalmente en 1986, e traída a nosa lingua por Franck Meyer.

Herta Müller estudou lingua e literatura alemana e romanesa en Temesvar. A zona xeográfica á que pertence, e na que radica a súa obra literaria, está hoxe dividida entre Romanía, Hungría e Iugoslavia. O alemán, idioma en que escribe, é a súa lingua da infancia, e até a adolescencia non aprenderá o romanés. En 1987 trasladouse ao sector occidental de Berlín, cidade na que vive na actualidade. Entre os seus libros máis coñecidos destacan as novelas Niederungen (Terras baixas), 1982; Herztier, 1994; Der Fuchs war damals schon der Jäger 1992,  ou Heute wär ich mir lieber nicht begegnet, 1997 e os ensaios recollidos en Hunger und Seide.

Esta é a cuarta ocasión nos últimos seis anos nos que o Premio Nobel de literatura recae nun autor ou autora con obra publicada previamente en galego por Xerais. Así sucedeu en 2004 con Elfriede Jelinek, en  2005 con Harold Pinter, en 2008 con J.M.G. Le Clézio e, agora, en 2009 con Herta Müller.