Ferrol: actos destacados do 24 de abril na Feira do Libro 2021

O 24 de abril continúa a Feira do Libro de Ferrol (na Praza da Constitución), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 11:00 a 14:30 h. e de 17:00 a 21:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa:

13:00 h. Ramón Sánchez asina Vagar de náuseas, publicado por Urutau.
13:00 h. María Brenn asina As mil vidas de Dorotea, publicado por Cuarto de Inverno, e outros títulos.
17:00 h. María Moure de Oteyza asina María das Herbas e as herbaxeiras do Caurel, publicado por Teófilo.
18:00 h. Luz Darriba asina Abril, publicado por Belagua.
18:00 h. Estefanía Padullés asina Leopoldo, o pequeno monstro, publicado por Hércules, e Un mundo para Maruxa, publicado por Belagua.
19:00 h. Alberte Momán Noval asina Non venal, publicado por Urutau, e Non marches nunca, publicado por Medulia.
19:00 h. José Antonio Ponte Far asina Escritores universais, publicado por Medulia.
20:00 h. Jamas asina Diario dun pirata confinado, publicado por Urutau.
20:00 h. Montse Pena Presas asina Intempestiva. Biografía (literaria) de Xela Arias, publicado por Galaxia.

Moncho Iglesias Míguez: “Non creo nas fronteiras na escrita, os versos poden nacer dunha imaxe, dun cheiro…”

Entrevista a Moncho Iglesias Míguez en Zig-zag, da Televisión de Galicia:
“Moncho Iglesias foi mestre de castelán en Belén, en Palestina, e non volveu alí desde 2013. Publicou outros poemarios sobre Palestina como Oda ás nais perennes con fillos caducos entre os brazos ou pedras de Plastilina, pero agora sae a rúa da man de Urutau: Cheira, onde transita entre a poesía, a prosa poética e as imaxes de Palestina, fotografías tiradas polo autor. A entrevista pode verse aquí.”

Moncho Iglesias: “O bo é o que queda e o malo faise bo con tempo, agora cheiro Palestina a través da memoria”

Entrevista a Moncho Iglesias en Atlántico Diario:
“(…) – Atlántico Diario (AD): Unhas boas datas para presentar novo libro.
– Moncho Iglesias (MI): Xa saíu hai uns días. Como o anterior está publicado por Urutau, un bo editor que está a facer un traballo impresionante pola lingua e a literatura. Cheira combina poesía e imaxes sobre Palestina. Fala da vida cotiá e de tantas cousas que non se poden expresar só con palabras e imaxes, que hai que vivilas. Son momentos onde os cheiros e a choiva son diferentes segundo onde sexan. Fala de cor, vida, bulicio, da guerra e da paz.
– AD: Cando foi a última vez que estivo en Palestina?
– MI: Foi en 2013. Boto de menos cousas como voltar á casa por Nadal dende un Belén adornado, despois de comprar os agasallos. Este poemario naceu estando aínda alí, en 2011, e foi crecendo ata 2020. Son nove anos de escritos.
– AD: É certo que a morriña fai esquecer o malo e priorizar os arrecendos?
– MI: O bo é o que queda e o malo faise bo co tempo. Queda a sensación navideña, o deserto, as montañas ou os ríos, pero sobre todo os encontros coa xente. Agora non pode cheirar Palestina de xeito presencial, só a través da memoria. As comidas non saben igual ou non se fuma na casa como nos cafés.
– AD: Voltará a Palestina?
– MI: Non volvín tentar. Foron aparecendo outras historias e de setembro a setembro sempre estou ocupado co curso. Marchei lonxe e non foi doado. Pero espero voltar, porque a morriña crece.”