“Adiviña adiviñanzas”, por Antón Cortizas

Desde Nós Diario:
“”Cal é a cidade que ten un erro no medio?” Esta é unha das adiviñas que forman parte do monográfico Adiviña esta adiviña, realizado por Antón Cortizas (Ferrol, 1954) e que acaba de publicar Editorial Galaxia.
Un total de 340 adiviñas divididas en sete “gabetas” enchen de dúbidas e repostas a mentalidade de quen o lea. “O bonito deste libro é que a propia lectora, alén de exercitar a mente, tamén pode formar parte da publicación”, indica o profesor xubilado en conversa telefónica con Nós Diario.
Cortizas comeza o libro cunha colección de adiviñanzas de tradición oral. “Os meus alumnos, por aquel entón, que eu xa son un xubileta, axudáronme a recoller estas composicións en galego, pasadas de xeración en xeración. Ademais, tamén fixen a miña parte de investigación, onde contei coa axuda doutros autores como Paco Martín“, indica o escritor.
Dentro dun dos exercicios nun taller realizado por Cortizas no colexio ferrolán CEIP Isaac Peral, “sorprendeume que, malia ser unha clase onde ningunha crianza falaba galego a diario, todas conseguiron recadar decenas de adiviñanzas de tradición oral no noso idioma”, conta.
Este taller, alén de valer para a recolección tamén serviu para que o alumnado creara as súas propias adiviñanzas, un total de 44, que están recollidas no libro con cadansúa autoría.
Noutro dos apartados da publicación, o profesor céntrase en aquelas adiviñanzas que, para lograr a resposta, precísase facer un cálculo matemático, “algúns máis complexos que outros”.
Un dos exemplos que nos facilita Cortizas é “catro gatos no tellado, cada gato mira a tres, cantos gatos veñen ser? Poderíanos levar a pensar que debemos multiplicar tres por catro, mais a resposta correcta non é doce, senón catro, porque cada un deles mira os tres felinos que están no tellado”, explica o ferrolán.
Na súa procura de adiviñas, o autor chegouse a sorprender por como, na tradición oral galega, poden pasar de xeración en xeración composicións que implican maiores cálculos, como é unha ecuación de primeiro grao. “Nun campeiro estaba unha manda de pombas e veu un gabián que se pousou canda elas e dixo ‘bo día cen pombas’ e respondeu unha das pombas ‘non; nós, outras tantas como nós, a metade de nós, unha cuarta parte de nós e contigo gabián, as cen pombas serán’ , eu non sei como respondería unha persoa que nunha fixo unha ecuación de primeiro grao”, abráiase Cortizas.
Outro dos apartados do libro céntrase en adiviñas cunha composición máis narrativa, “onde a propia resposta non é unha simple palabra, senón nunha frase ou algo máis elaborado”, indica.
Todo este mundo “tan divertido e bonito” fixo que o propio autor se dedicase a crear as súas propias adiviñanzas e, por iso, creou un apartado de composicións orixinais. “Cal é a palabra que nunca se pronuncia? Este estilo tradicional de xogar coa estrutura da frase fai que moitos nos confundamos á hora de pensar na resposta, que, por certo, é nunca”. Entre os aspectos que tamén destaca o autor destas adiviñanzas é que “non é o mesmo lelas que escoitalas, porque a persoa pode xogar moito coa entoación da frase”.
Ademais, Cortizas tamén creou unha “gabeta onde a lectora ou lector pode converterse nunha persoa creadora e parte do libro, xa que hai algunhas páxinas en branco para que engada as súas propias adiviñas a partir de ler as que aparecen nel”, sinala.
O libro remata co apartado de solucións ás adiviñanzas. “Nel non só se expón a resposta en si, senón tamén a explicación e o razoamento para lograla”, explica Cortizas. “Nas adiviñas entran moito o xogo das metáforas, os de palabras, os calembur -cando as sílabas dunha ou máis palabras se agrupan doutro modo para atopar a resposta- a estrutura dos enunciados e mesmo a forma na que se len”, sinala o autor. Todo isto vai explicado neste último apartado “para que a xente tamén se meta un pouco máis no miolo desta cuestión e consigan atoparlle o gusto tanto a ler, a adiviñar e tamén a crear as súas propias adiviñanzas”, conclúe.”

Gondomar: Semana do libro e a lectura, XIV Dar de ler coma quen dá de beber

O IES Monte da Vila do Grove abre o seu terceiro festival de arte e novela negra

“O IES Monte da Vila do Grove abre o seu terceiro festival de arte e novela negra, dirixido ao conxunto da sociedade. Son, segundo explican no IES, ilustracións baseadas nas obras Infamia, de Ledicia Costas, e Na casa da avoa, de Marta Dacosta, que foron elaboradas por alumnado de Educación Plástica e Visual, Volume, Debuxo Artístico I e Técnicas de Expresión Gráfico Plástica.
Segundo o programa, o encontro de Ledicia Costas co alumnado de 4º de ESO para falar do libro Infamia terá lugar o mércores 14 de abril, cando tamén haberá un encontro co alumnado participante no concurso de relatos breves. Pola súa vez, Xosé Tomás guiará obradoiros de ilustración dirixidos a estudantes que cursan asignaturas como Debuxo Artístico I e Educación Plástica e Visual.
O xoves 15 será a quenda de Marta Dacosta, quen conversará com alumnado das materias de Debuxo Artístico I e Técnicas de Expresión Gráfico Plástica. Xunto a esta actividade, centrada na obra Na casa da avoa, desenvolverase un obradoiro de poesía cos participantes no concurso poético levado a cabo polo IES Monte da Vila.
Nesa mesma xornada prográmanse os obradoiros de ilustración cos participantes nos clubes de lectura da biblioteca e co alumnado da materia de Técnicas de Expresión Gráfico Plástica, nesta ocasión a cargo de Alberto Guitián.
Este último e Marta Dacosta repiten experiencia, pois xa foron protagonistas en 2020, xusto cando comezaba o estado de alerta. Naquela ocasión compartiron protagonismo con Sergio Vera, Antonia Huertas e Diego Ameixeiras, para desenvolver un programa de actividades que non eran exclusivas da comunidade educativa, senón que incluían unha xornada de portas abertas. Daí os encontros con Marta Dacosta e Diego Ameixeiras desenvoltos na Biblioteca Municipal e a exposición Alteracións, con obras do alumnado do propio IES vinculadas aos libros da autora e autor convidados.”