Entrevista
de Montse Dopico a Manrique Fernández en Praza:
“Tras Tres feridas e Crónicas de Embora, Manrique Fernández vén de publicar o seu terceiro libro de narrativa, Os anxos indecisos (Galaxia). Un monllo de relatos unidos, segundo conta o seu autor, pola indagación sobre o peso que, na vida, teñen as decisións: as que tomamos, e as que toman por nós. Falamos con el desta e das súas anteriores obras.
– Praza (P): Os anxos indecisos é, coma o teu primeiro libro de narrativa publicado, Crónicas de Embora, un libro de relatos. É unha escolma de relatos que escribiras desde Crónicas de Embora? Ou xurdiu xa como un proxecto de libro?
– Manrique Fernández (MF): Cando escribo un libro de relatos gústame concibilo como unha unidade independente: prefiro iso a facer un recompilatorio de cousas que foron quedando fóra doutros proxectos. Os contos de Crónicas de Embora tiñan en común un tempo e un espazo, e tamén un estilo máis próximo á literatura popular; Os anxos indecisos nace arredor da idea da forza que teñen sobre as nosas vidas as decisións, tanto as que tomamos nós como as que toman outros e que acaban por afectarnos.
Ás veces, son pequenas decisións que cremos intranscendentes e rematan por ter unha influencia enorme; outras, padecemos as consecuencias de decisións que toman outros; ou vémonos empurrados a tomar determinadas decisións… No fondo, escribo para indagar; e nese sentido Os anxos indecisos é un traballo de indagación sobre ese tema.
– P: Os anxos indecisos é, porén, moi distinto de Crónicas de Embora, que estaba máis relacionado coa tradición dos contos e lendas populares -como comentabas agora- coa escrita de clásicos do xénero coma Fole… Quixeches, dalgunha maneira, afastarte deste primeiro libro?
– MF: Non é que buscase afastarme de nada, pero as ideas sobre as que se alicercan ambos traballos son moi diferentes. En Crónicas de Embora buscaba precisamente iso, facer un texto ao estilo clásico, ao xeito da literatura que se facía aquí a mediados de século, máis entroncada coa tradición e a oralidade. Os anxos indecisos é moito máis contemporáneo, tanto nos temas que trata coma no seu enfoque. Creo que un acaba por escribir aquilo que lle gustaría ler, e eu sempre fun moi ecléctico nas miñas lecturas.
Quizais sexa por iso que trato de ofrecer cousas novas e non encaixarme en ningún estilo concreto; prefiro sentirme libre para facer o que me apeteza en cada momento. Se botas unha ollada cara a atrás, antes deste libro de relatos publiquei unha obra de teatro para nenos; antes, unha novela; antes, outro libro de relatos moi diferente a este; tamén teño unha biografía, un libro de conversas, outro de poemas narrativos… Como podes comprobar, traballos moi diferentes. (…)”
Arquivos da etiqueta: Editorial Galaxia
Marín: presentación de Beleza vermella, de Arantza Portabales
O
18 de outubro ás 20:00 horas, na Biblioteca Municipal de Marín (Avenida de Ourense, 6), preséntase Beleza vermella, de Arantza Portabales, publicado por Galaxia. No acto participan, xunto á autora, Malores Villanueva, María Ramallo, Itzíar Álvarez, Susana Pedreira, Antón Sobral e Ramón Rozas.
Vigo: presentación de Soleando, de An Alfaya
Identidade e afectos patrios, de Ramón Villares, Premio Mondoñedo 10 2019 de Ensaio
Sargadelos (Cervo): presentación de Co pai, de Xosé Neira Vilas
“900 páxinas para contar medio século”
Desde
o Diario Cultural da Radio Galega:
“O escritor Xabier López publica na editorial Galaxia a novela 900, gañadora do premio Torrente Ballester.
Os cambios sociais da primeira metade do século XX, contados a través das vidas de tres mozos nados no ano 1900.
Parodia e múltiples referencias literarias, nunha novela que se despraza entre unha casa fidalga en decadencia, o Santiago estudantil ou os campos de batalla da primeira guerra mundial, entre outros escenarios.
A entrevista pode escoitarse aquí.”
Compostela: presentación de Co pai, de Xosé Neira Vilas
O
9 de outubro, ás 20:00 horas, realizarase no Auditorio Neira Vilas da Cidade da Cultura de Santiago de Compostela, a presentación de Co pai, de Xosé Neira Vilas, publicado por Galaxia. No acto participan Fernando Redondo Neira, Valentín García Gómez e Dolores Vilavedra, autora do estudio introdutorio.






