Bases do Premio Viadutos de Novela 2019


PRIMEIRA. Poderá concorrer calquera persoa maior de 18 anos na data de resolución do premio que presente a súa obra en lingua galega conforme ás normas ortográficas vixentes.
Os textos presentados serán inéditos e totalmente orixinais. Non poderán ter sido publicados ou divulgados en todo ou en parte por calquera medio físico ou electrónico nin premiados en data anterior á resolución do xurado.
Os textos han ter unha extensión mínima de cen (100) páxinas, tamaño folio DIN A4, fonte Times New Roman tamaño doce (12), interliñado dobre (2), mecanografadas por unha cara. As follas deberán estar paxinadas. Os textos levarán escrito no encabezamento o pseudónimo da autora ou autor, e o título da obra.
SEGUNDA. De cada obra achegaranse seis copias en papel impreso debidamente encadernadas, e unha en soporte dixital (pendrive) nun documento de procesador de textos.
Co texto en papel e en formato dixital xuntarase un sobre pechado co nome do relato e o pseudónimo elixido escrito por fóra. No seu interior incluiranse os seguintes datos: nome e apelidos da autora ou autor, enderezo postal, correo electrónico, teléfonos de contacto, e copia do DNI ou pasaporte.
TERCEIRA. Os textos remitiranse en sobre ou paquete por correo postal sen remite, ou indicación que permita identificar a súa autoría, só figurará PREMIO VIADUTOS DE NOVELA 2019 co enderezo de destino:
Premio Viadutos de Novela 2019
Edificio Multiusos da Xunqueira
Departamento de Xuventude
Paseo da Xunqueira s/n,
36800 Redondela.
A recepción de orixinais rematará o día 29 de marzo de 2019.
CUARTA. Concederase un único premio en metálico, indivisible, de 3.000 euros suxeito á retención correspondente a efectos de IRPF.
QUINTA. O Xurado, nomeado polo excelentísimo Concello de Redondela, estará composto por cinco persoas relacionadas co mundo da cultura, lingua, e literatura galegas, unha delas en representación da Editorial Galaxia. Actuará como secretaria/o, con voz e sen voto, persoal técnico da Concellería de Xuventude do Concello de Redondela. O premio adxudicarase á obra que por unanimidade, ou no seu defecto por maioría de votos o xurado considere merecedora do mesmo. O xurado poderá declarar o premio deserto, para tal caso a decisión terá que adoptarse por unanimidade. A decisión do xurado, que será inapelable, darase a coñecer durante o mes de xuño de 2019.
SEXTA. A obra premiada será editada e comercializada pola Editorial Galaxia na súa colección literaria. Segundo Convenio asinado co Concello de Redondela, a Editorial Galaxia en calidade de entidade colaboradora, terá o dereito de publicación da primeira edición e reimpresións así como os dereitos preferentes de publicación en lingua galega. Todo isto sen menoscabo dos dereitos morais e patrimoniais da gañadora ou gañador do premio.
Sobre calquera controversia atenderase ao regulado na Lei da propiedade intelectual vixente.
SÉTIMA. Os orixinais non premiados poderanse recuperar pasado un mes desde o veredicto do xurado. Transcorrido o prazo, os textos serán destruídos.
A participación neste premio implica a completa aceptación das presentes bases e da decisión do Xurado que será inapelable.”

Ana Cabaleiro: “Pertenzo a unha xeración que medrou pensando que no rural só quedaba quen non valía para outra cousa”

Entrevista de Montse Dopico a Ana Cabaleiro en Praza:
“(…) – Praza (P): A personaxe principal do libro [As ramonas], Mona, é da mesma parroquia ca ti. Algo debe ter a novela de homenaxe á túa aldea. É así? En que sentido?
– Ana Cabaleiro (AC): Ten moito de homenaxe á miña aldea, mais para min tamén ten moito de homenaxe aos lugares comúns, aos lugares que nos son propios, que nos identifican cultural e socialmente, e que no noso país son maioritariamente rurais. Ao mesmo tempo, tamén ten un aquel de reivindicación, de chamar a atención sobre unha febleza que eu aprecio na literatura e que ten que ver co marco que se escolle para situar as historias, no que predomina o urbano ou os lugares indefinidos, sen nome propio.
Olladas que, a priori, non teñen nada de malo, pero que para min son olladas e marcos moi limitantes, moi uniformes, que prescinden dos factores diferenciadores de noso. Eu o que pretendo é precisamente o contrario, poñer en valor a diferenza, o propio, os elementos de noso que temos na contorna máis inmediata. (…)
– P: É unha novela curta, construída con capítulos curtos e áxiles… Nese sentido, pode ser tamén herdeira do teu libro de relatos Sapos e sereas. Cal é a relación entre estes dous libros?
– AC: Os capítulos de As ramonas teñen, de forma consciente, estrutura de relato. A historia da novela vaise fiando a través de viaxes en sucesivos vehículos e cada capítulo corresponde cun traxecto en coche, polo que son case unidades pechadas en si mesmas.
A relación neste sentido é evidente. Eu adoro o relato como formato literario que, ademais, ten unha gran tradición na nosa literatura escrita e tamén na cultura oral popular e que agora, co tipo de lectura fragmentada que propician os móbiles e os aparellos tecnolóxicos, ten tamén unha relación directa cos novos modos de recepción de contidos. Todo o que levo escrito ao longo da miña vida –non me refiro só ao publicado- ten estrutura de relato ou moi próxima ao relato. Non sei se chegarei a escribir nun formato diferente pero, de momento, creo que aínda me queda moito por explorar no formato curto. (…)
– P: En relación co anterior, Mona non é de casa ben, coma o grande artista, Antonio. Na novela está presente a falsidade do mundo da arte (o simulacro, a estupidez), mais conectada coa desigualdade, coa diferenza entre clases sociais. Por que?
– AC: En relación ao mundo da arte, e máis concretamente da arte contemporánea, intentei en todo momento humanizala, facela accesible, quitarlle a aura de ámbito reservado só para “persoas entendidas”. Non me gusta, a nivel persoal, que se fale da arte contemporánea con desprezo, paréceme unha forma de ignorancia flagrante. Si é certo que a posición social de Mona é determinante na percepción que ten de si mesma e, polo tanto, tamén na súa conduta e na súa toma de decisións.
Eu non acredito en que a fronteira entre clases sociais estea diluída, pola contra penso que está máis presente ca nunca. Os estudos, o nivel económico, e o patrimonio material permiten avanzar socialmente pero, a determinado nivel, a fronteira é insalvable. E agora coa crise, a brecha social é unha gran falla tectónica, ben visible, xa non hai maneira de facer como que non existe. (…)”