José Luís Baños de Cos gaña o I Premio Castelao de Textos Teatrais con “Khôra”

Desde Galaxia:
“A Editorial Galaxia publicará a obra Khôra, de José Luis Baños de Cos, gañadora do I Premio Castelao de Textos Teatrais e ambientada na cidade de Vigo. Este novidoso certame, impulsado pola Deputación de Pontevedra para poñer en valor a figura do intelectual galego e seguir impulsando a cultura e lingua galegas, foi un completo éxito de participación cun total de 43 obras presentadas.
O xurado, presidido por Luis López Diéguez, presidente da Deputación e integrado por Ana Carreira Varela, actriz, dramaturga e narradora oral; María Cristina Domínguez Dapena, docente e directora teatral; Vanesa Martínez Sotelo, actriz e dramaturga galega; Francisco Javier Núñez Alonso, director do Centro Dramático Galego; e Antonio Pena Abal, docente e escritor, escolleu por unanimidade a obra Khôra como merecedora deste primeiro premio Castelao, dotado con 12.000 euros. “A temática social, que amosa problemas do noso tempo; a calidade na escrita reflectida a través dos diálogos e da caracterización das personaxes; e a axilidade da súa estrutura” foron os argumentos esgrimidos polo xurado para elixir a peza do dramaturgo José Luis Baños de Cos.
En palabras do propio autor da obra: “Khôra trata sobre un grupo de amigos que se reúne cada venres para poñerse ao día sobre o acontecido durante a semana. A través destes encontros, a obra amosa a realidade social na que viven: os problemas da vivenda, o significado do fogar, os cambios ideolóxicos, a transformación das cidades en lugares menos habitables e como a procura de utopías rematan en distopías xustificadas en nome do progreso. En definitiva, Khôra é unha reflexión sobre o ser humano contemporáneo e sobre como cambiaron as súas relacións persoais e o seu vínculo co espazo que habita.””

Álvaro Domínguez Rodríguez-Volta gaña o II Premio Xosé Neira Vilas de Literatura Xuvenil por “Ensino para místicas”

Desde Galaxia:
“No Pazo de San Roque, en Santiago de Compostela, a 25 de marzo de 2026 reuniuse o xurado do II Premio Xosé Neira Vilas de Literatura Xuvenil, convocado pola Fundación Xosé Neira Vilas e Editorial Galaxia, coa colaboración da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia, constituído por Armando Requeixo, Rosalía Morlán, Sandra Ferreiro García e Gabriel Romero de Ávila.
Logo da pertinente deliberación, o xurado decidiu outorgar por unanimidade o premio ao orixinal presentado baixo o lema Ensino para místicas. Aberta a plica, o texto resultou ser da autoría de Álvaro Domínguez Rodríguez-Volta.
O xurado salientou a súa hipnótica recreación dun mundo fantástico arredor dunha escola de maxia na illa de Tambo. Ideada como unha homenaxe aos grandes relatos deste xénero, a historia amosa as narracións “dark academy” ao tempo que asenta una lectura en clave feminista e reivindicativa, recreando con habelencia a sociedade galega de comezos do século XX. (…)
Ademais, o xurado, escolleu como finalista, a obra presentada baixo o lema Todo o que fixemos aquela noite. Aberta a plica, o texto resultou ser da autoría de Irene Rega Jul.
Pola súa banda, o xurado, destacou desta obra a súa capacidade para introducirnos nun thriller poderoso protagonizado por un grupo de mozos e mozas que teñen que dar conta dunha morte sorpresiva. Narrada cunha estrutura calidoscópica, esta historia convence pola intensidade dos feitos narrados e a forza dos seus personaxes. (…)”

Entrevista a Ramón Nicolás sobre A nena que perdeu un zapato na lama

Desde a Radio Galega:
“Entrevista de Kiko Novoa a Ramón Nicolás arredor do seu libro sobre Begoña Caamaño A nena que perdeu un zapato na lama. Pode escoitarse aquí.”