Pablo Javier Rañales Pérez gaña o VII Premio Illa Nova de Narrativa con Os afogados

Desde Galaxia:
“En Santiago de Compostela, na sala do Ámbito Cultural El Corte Inglés, a 13 de xuño de 2023 reuniuse o xurado do Premio Illa Nova de Narrativa. Compoñen o xurado María Canosa, Adrián Gondar, Oriana Méndez, Cándido Paniagua e Irene Rega. Exerce de secretaria do xurado, en representación da Editorial Galaxia, Malores Villanueva.
Despois das oportunas deliberacións o xurado decide por unanimidade outorgarlle o Premio Illa Nova de Narrativa na súa sétima edición ao texto Os afogados.
Aberta a plica cos datos da obra premiada o gañador resultou ser Pablo Javier Rañales Pérez.
O xurado destacou que Os afogados é unha novela moi interesante e significativa dentro da narrativa galega, porque afronta temas xa tratados, pero arriscándose a ir un paso máis alá. En todo momento o autor logra dosificar a intriga sen deixar de progresar na narración, mantendo a tensión narrativa nunha trama moi equilibrada. O feito fantástico vai máis alá dunha personaxe para presentarse como un suceso comunitario que atravesa todo un imaxinario xeográfico, ademais o xurado pon en valor que ese marco sexa recoñecible e contemporáneo.
Os afogados é unha proposta orixinal de gran altura estética, nela introdúcense achegas novidosas a carón doutras máis tradicionais. É unha distopía interesante que pon a familia ao servizo da comunidade, que introduce o tema do medo, de como se afronta, da difusión dos discursos de odio. Ao tempo leva á reflexión sobre as relacións humanas, pero tamén coa contorna e o medio ambiente.
Unha obra moi suxestiva no formal, co uso da linguaxe inclusiva, con diálogos moi directos, sen artificios, pero cun estilo moi depurado que consegue transmitir a historia con gran axilidade. (…)”

Pontevedra: Culturgal 2022, do 24 ao 27 de novembro

Irene Rega Jul gaña o Premio Illa Nova de Narrativa 2022

Desde Galaxia:
“A gañadora da sexta edición do Premio Illa Nova de Narrativa para menores de 35 anos convocado pola Editorial Galaxia, en colaboración co Ámbito Cultural de El Corte Inglés, foi Irene Rega Jul pola novela O libro dos corazóns rotos.
O xurado, composto por Ana Abelenda, Marcos Calveiro, Inma Otero, Blanca Riestra, Abel Tomé e Malores Villanueva destacou a súa prosa áxil e o control do ritmo narrativo dende o inicio ata o vertixinoso final da obra. Ambientado en Viveiro, o thriller ten unha vontade clara de facer un retrato realista do momento actual, tanto no tratamento de diferentes temas como na construción dos personaxes. Dentro das personaxes destaca a inspectora, pola súa atinada construción psicolóxica.
Cunha linguaxe coidada, pero moi directa consegue transmitir un fondo desacougo no tratamento dun tema tan delicado como o do acoso escolar. A autora arrisca no seu desenvolvemento e na denuncia social da sociedade contemporánea.
De grande interese resulta tamén o tratamento das redes sociais entre a xuventude.
O libro dos corazóns rotos impúxose por unanimidade ás demais obras presentadas pola súa solvencia narrativa, pola historia que atrapa dende o primeiro capítulo e polo tratamento de moitos temas de plena actualidade dende o seu cuestionamento. O xurado tamén animou á Editorial Galaxia a publicar outro dos manuscritos presentados.
Esta é a primeira novela en galego para Irene Rega Jul, nada no Concello de Cervo en 1996.”