Arquivos da etiqueta: Editorial Galaxia
Xoán Carlos Domínguez Alberte: “A poesía infantil promove unha actitude comprometida cara ao noso idioma”
Entrevista
a Xoán Carlos Domínguez Alberte en Sermos Galiza:
“(…) – Sermos Galiza (SG): De onde nace a idea de Versos para conversar?
– Xoán Carlos Domínguez Alberte (XCDA): Da necesidade de tocar esa vertente e tamén dun reto proposto polas miñas fillas, que me dixeron hai dous anos: “Papá, está moi ben iso que fas, pero a ver cando fas algo específico para nós”. A raíz diso nace este libro e outros que se están a facer.
– SG: Versos para conversar indaga na tradición popular e contén algún dialectalismo da fala. Cal é a intención?
– XCDA: Quéreselle facer unha reivindicación e unha homenaxe á nosa cultura, á popular por suposto, pero tamén á tradición cultural culta. Por outra banda, está a reivindicación da lingua coa chiscadela esa de poñer trazos dialectais nalgún caso que formaron parte dunha cultura milenaria potente. O galego é unha lingua viva e nosa, unha lingua moderna adaptada a calquera situación comunicativa do presente e do futuro, de aí esa vertente de reivindicar o trazo dialectal. (…)
– SG: E quizais tamén para fomentar novas e novos poetas, non?
– XCDA: As editoriais, en xeral, apostan polo máis vendíbel, e promoven que o máis vendíbel sexa a narrativa e descóidase, por exemplo, a poesía. É necesario que haxa máis textos e desde logo traballar a cotío con ela. Na miña experiencia nas aulas, son profesor de secundaria de Lingua e Literatura Galega, decátaste que moitos rapaces apenas tiveron contacto coa poesía. Isto é unha carencia do sistema educativo, pero tamén da oferta cultural. Este ano no meu centro propuxen traballar coa poesía a todos os niveis educativos. Todos os anos traio un autor e este ano veu Carlos Negro, que estivo esta semana con nós. Os rapaces implicáronse moitísimo coa poesía de Carlos Negro. O ano pasado, coa de Manuel María, o mesmo. Entón ves que a poesía é algo que lle hai que ofrecer e que hai que traballar axeitadamente e que o público, neste caso o adolescente, responde moi satisfactoriamente. (…)”
Ourense: presentación de Versos para conversar, de Xoán Carlos Domínguez Alberte
Bota a andar o ano Casares
Desde
Sermos Galiza:
“A Academia Galega, a Fundación Carlos Casares, o Consello da Cultura, o Pen Galicia, a editorial Galaxia, a CRTVG, a Deputación de Ourense e os concellos de Ourense e de Xinzo da Limia presentaron a programación anual dedicada ao escritor, que será o protagonista indiscutible do ano editorial e cultural.
Galaxia, que acolle a inmensa maioría da súa obra, comezará o ano publicando un feixe de obras pendentes co obxectivo de que “estea toda a súa obra ao dispor dos lectores e lectoras”. Así, publicará os cinco Toribios (literatura infantil), que se atopaban descatalogados; así como os ultimos volumes de Á marxe, que reúne a súa obra xornalística. En febreiro verá a luz tamén un conxunto de relatos e tamén as columnas A delicia de ler. E na primavera chegará unha biografía do ourensán da man de Henrique Monteagudo.
E aló polo mes de novembro, a Academia desenvolverá o Simposio Carlos Casares en colaboración co Consello da Cultura Galega e da Fundación que leva o seu nome. A propia sede da RAG, na Coruña, acollerá tres xornadas centradas na faceta literaria do homenaxeado, que en 1978 se converteu no académico de número máis novo. O seu labor como intelectual público e comprometido coa proxección exterior da cultura galega será outro dos seus perfís nos que se deterá a parte dos encontros que se desenvolverá no Consello da Cultura Galega, institución que dirixiu durante seis anos. O programa completarase en Ourense, a súa cidade natal.
Edicións especiais dos seus libros, roteiros, programas de animación á lectura, un documental e outros contidos audiovisuais, diversas exposicións ou concertos son tamén parte da programación que foi presentada hoxe. Haberá tamén concursos literarios, unha carreira deportiva, lecturas públicas e recitais, obradoiros, relatorios e máis. O CDG, en coprodución con Talía Teatro, levará a escena a novela Os mortos daquel verán, que se estreará en Compostela en maio.
Na rede
A Academia visitará o vindeiro 21 de febreiro o CEIP Carlos Casares de Vilariño (Nigrán), onde o escritor estableceu a súa residencia. Alí presentará a nova edición da Primavera das Letras, proxecto co que fornecerá a comunidade escolar de recursos didácticos para achegar o público máis novo á figura e á obra do escritor, ademais do espazo biográfico dedicado a Casares na web oficial da RAG.
E o día 17 de maio a sesión plenaria extraordinaria que realiza a Academia terá lugar nun dos lugares fundamentais na súa vida, Xinzo da Limia, a localidade na que se estableceu coa súa familia cando tiña apenas tres anos.”
Entrevista a Daniel Asorey no Diario Cultural
Desde
o Diario Cultural da Radio Galega:
““Non quería facer un futuro idealizado, quería facer un futuro crítico, tomar unha clara posición polos dominados”. Daniel Asorey publica Nordeste, a novela coa que gañou o Premio de Narrativa Breve Repsol. Pode accederse á entrevista aquí.”
Ferrol: presentación de A Candidata, de Miguel Sande
O
sábado 11 de febreiro, ás 12:30 horas, na Librería Galiano (Rúa Galiano, 15), en Ferrol, Miguel Sande presenta a súa novela A Candidata, publicada en Galaxia. No acto estará acompañado por Ramón Loureiro.
Xinzo de Limia: presentación de A ferida do vento, de Antón Riveiro Coello
Compostela: presentación de A candidata, de Miguel Sande
Entrevista a Miguel Sande no Zig-zag
Desde
o Zig-zag da Televisión de Galicia:
“Miguel Sande, autor da novela A candidata. Pode accederse á entrevista aquí.”




