Arquivos da etiqueta: El Progreso
Santiago Jaureguízar: “Creo nos libros que entrego; non vou facer unha liposucción para vender”
Xerardo Uz e Beatriz López Dorado gañan os Contos de Verán de El Progreso
Verónica Martínez Delgado defende en Lugo un erotismo “anti Sombras de Grey“
Eduard Velasco: “Os cartos do premio é o que gana moita xente en varios meses”
Xurxo Souto: “Fascinoume a casa do Courel con follas de bacallau na fachada”
Carlos Callón: “O Goberno galego favorece a ignorancia da cultura propia”
Armando Requeixo: “Non familiarizarse co mundo dixital é unha torpeza, non podes escapar á realidade”
O aprendiz do home do saco e Onde o mundo se chama Celso Emilio Ferreiro na Feira de Lugo
Desde El Progreso, a
través de Xerais:
“(…) Comezou a dobre sesión continua coa estrea do novo libro infantil de Antonio Reigosa, O aprendiz de home do saco, un álbum ilustrado por Marta Álvarez Miguens para a serie Merliño. Iniciou o seu discurso Reigosa explicando que o título fai referencia ao Home do saco, Sacaúntos, Sacamanteigas, diversos nomes para chamar por un «personaxe que nos mete medo». «Pretendín traer á actualidade un mito tradicional e actualizalo no marco da cultura de hoxe». Despois relatou a cerna da historia: «O home do saco, o que pon medo, enferma gravemente. Ten un fillo, que é nugallán, que por fin accede a facer o traballo. Até aí podo e debo contar». Comentou que utilizara a estrutura do conto da leiteira «coa intención de acometer a actualización». «O do conto da leiteira ten a súa orixe nun conto protagonizado por un bramán indio». Preguntouse Reigosa se os nenos de hoxe teñen medo ao home do saco. «Cales son os personaxes actuais que teñen aparencia monstruosa? Cada momento da historia ten os seus homes do saco». Rematou a súa intervención gabando o traballo de ilustración de Marta Álvarez, «que entrou nos detalles da historia, superando as miñas expectativas» e recomendou a lectura acompañada do libro, «moi necesaria nestes textos que teñen a súa orixe na literatura popular».
Foi a segunda presentación a da multipremiada biografía de Celso Emilio Ferreiro preparada por Ramón Nicolás. Interviu Luís Ferreiro, director da Fundación Celso Emilio Ferreiro, para salientar a importancia desta biografía no marco da exitosa celebración do centenario do poeta. Pola súa banda, Ramón Nicolás, despois de lembrar os seus vencellos coa cidade e provincia de Lugo, onde exerceu a docencia, abordou os eixos fundamentais utilizados na confección da obra: a documentación oral por medio de numerosas entrevistas, a consulta documental e hemerográfica de centos de publicacións, así como a lectura do epistolario conservado no arquivo da Fundación Celso Emilio Ferreiro, «fontes que me permitiron introducir novidades no periplo vital do poeta de Celanova». Pechou a súa intervención coa lectura dunhas páxinas desta biografía pola que o vindeiro 15 de xuño recibirá o premio Losada Diéguez ao mellor libro de non ficción de 2012.”
Reliquias e paixóns de Agustín Fernández Paz: os seus pasos, por Santiago Jaureguizar
Desde Xerais:
“El Progreso e Diario de Pontevedra publicaron unha reportaxe de Jaureguizar sobre Agustín Fernández Paz seguindo as pegadas de O rastro que deixamos:
A mocidade en Vilalba non se mide por anos, senón por muíños. O río Madanela rodea a vila nunha aperta que nunca dá pechado, polo que os veciños aproveitaron para ubicar muíños: Os Novos, Os Pasos, O Rañego e Os Freires. Os nenos aproveitaban o lecer do verán para bañárense nos Novos. Logo de cambiarlles a voz, obtiñan o permiso dos maiores para frecuentar Os Freires nas tardes de calor.
Agustín Fernández Paz aprendeu a nadar no río, algo que prepara para a vida, porque se consegues manterte a frote sen axuda do sal mariño tes avanzado grandes pasos na madureza. (…)
Autor de máis de cento e medio de novelas e ensaios comenta divertido que «ás veces» todos estaban na casa lendo, «os pais e os tres fillos». Especialmente lector era o proxenitor de Agustín Fernández Paz, quen «chegaba da carpintería e collía o libro, de xeito que sentaba con el na mesa tendo que escoitar a rifa da miña nai». Tan feroz era a súa paixón pola letra impresa que Fernández Paz aínda conserva «un exemplar de Cien años de soledad con manchas de sangue», porque o pai estaba lendo «no momento que morreu de leucemia». (…)
Dende hai décadas, Agustín Fernández Paz organiza a súa sesión de cinema na casa de Vigo para as dez da noite. Ese rito correspóndese cunha paixón prendeu nel na infancia, cando empezou a frecuentar as salas da Vilalba natal e quedou fascinado pola sétima arte. Paseando agora pola vila, párase diante dun edificio con grandes cartelóns, coma aqueles que anunciaban as grandes producións do cinema clásico, aínda que agora soamente se laie: «É ridículo mirar este cine», asegura ollando un edificio de nova fábrica e de varios andares no que se convida a facerse coas últimas ofertas e oportunidades en pisos. O escritor explica que alí estaba o Cine Vilalbés. (…)”.