Bases 13º concurso micro-relatos OZOCOgz

BASES

1. Os micro-relatos deberán estar escritos en lingua galega, podendo empregarse calquera das normativas (ILG-RAG ou AGAL). Deben ser orixinais, inéditos e non premiados nin presentados a ningún outro concurso ou certame literario. As autoras ou autores serán responsábeis tanto da autenticidade dos textos como dos seus propios datos.

2. A temática leva como título xenérico FUTURO / CIENCIA FICCIÓN.
Na literatura e tamén, por suposto, no cinema ou en calquera outra faceta creativa, a CIENCIA FICCIÓN é un xénero que se basea no futuro e/ou en avances científicos e tecnolóxicos reais ou froito da imaxinación das autoras e autores e nos efectos que isto produce nos protagonistas e na sociedade onde se desenvolven estes hipotéticos acontecementos. Trátase pois dun xénero especulativo onde os únicos límites posíbeis son os da imaxinación e a verosimilitude que escritoras e escritores sexan quen de transmitir aos lectores e lectoras.
As posibilidades para crear unha historia de ciencia ficción son case infinitas, viaxes espaciais, batallas interestelares ou contra extraterrestres, mutacións por virus, escenarios post-nucleares, rebelións de androides, viaxes no tempo…
Esta temática leva espertando a creatividade literaria dende o século XVIII, deixándonos obras tan importantes como as pioneiras Frankenstein ou As aventuras do Barón de Munchhausen. Deste mesmo século é tamén Xulio Verne, un visionario para moitas e moitos, quen nos deixou obras mestras como Viaxe ao centro da Terra, Da Terra á Lúa ou Vinte mil leguas baixo dos mares.
É no século XX cando podemos falar de época dourada desta literatura con autores como Orwell, Clarke, Bradbury ou o mesmísimo Asimov, citando tan só unha ínfima parte das moitas e moitos escritores que se adentraron no tema.
Volver ler algunha obra deste ou de outros autores e autoras pode ser boa fonte de inspiración para que quen vaiades participar no concurso desenvolvades relatos marabillosos, desacougantes e sobre todo moi, moi, moi imaxinativos.
Ánimo e BOA ESCRITA!!!

3. A autora ou autor deberá cumprir cos seguintes requisitos de carácter obrigado. O non cumprimento dalgún destes puntos significa a non aceptación do seu relato no concurso:
– Ter cumpridos os 16 anos ou máis
– Ter un perfil en Facebook
Compartir o evento do concurso engadindo a etiqueta @ozocogz e os hastags #ConcursoMicro-relatosOZOCOgz e #ConcursoMicrorrelatosOZOCOgz
Premer (de non telo feito con anterioridade) no “Gústame” da páxina (FanPage) en Facebook e facerte Seareiro ou Seareira desta.

4. A extensión máxima dos micro-relatos será de 150 palabras.

5. Admitirase só un (1) micro-relato por perfil de Facebook.

6. Os relatos poderanse facer chegar por calquera dos dous métodos seguintes:
a. A través dunha mensaxe privada na páxina do facebook (FanPage) de OZOCOgz. Nesa mensaxe figurará tamén o nome do relato xunto cun pseudónimo, que será o nome que usaremos ao publicarmos a vosa achega na páxina de facebook e máis na web.
b. Por correo electrónico a micro-relatos@ozocogz.gal Neste caso figurará no asunto 13 CONCURSO MICRO-RELATOS OZOCOgz. Deberá indicarse o nome que se usa no perfil de facebook e, coma no caso anterior, figurará tamén o nome do relato xunto cun pseudónimo, que será o nome que usaremos ao publicarmos o texto na páxina de facebook e máis na web.
En ningún caso se poderá publicar directamente o micro-relato na páxina do facebook (FanPage) de OZOCOgz, no evento que se creará para o concurso, nin en ningunha outra rede social, esa é unha angueira exclusiva de OZOCOgz.
Sexa cal for a maneira de facernos chegar o teu micro-relato, agradecemos que nos facilites un número de teléfono co que poder comunicarnos contigo no caso de resultares gañadora ou gañador.

7. OZOCOgz resérvase o dereito de non admitir a concurso aqueles micro-relatos que, entre outras causas, atenten contra o dereito á intimidade, honra e propia imaxe de terceiros/as, ou que conteñan connotacións racistas, sexistas e/ou discriminatorias, comentarios difamatorios ou calquera outros que atenten contra a dignidade.

8. Os/as usuarios/as de Facebook poderán facer comentarios aos micro-relatos. Estes comentarios serán moderados por OZOCOgz. Os comentarios ou lecturas, sexa cal sexa o seu número ou texto, non implicarán de ningún xeito influencia na votación final.

9. O prazo de envío dos micro-relatos vai dende o 1 de febreiro até o 30 de abril de 2025, ámbalas dúas datas incluídas. O 17 de maio, Día das nosas Letras daremos a coñecer publicamente o nome dos relatos gañadores, quedando por fixar por OZOCOgz unha data posterior para a entrega dos premios.

SELECCIÓN DO GAÑADOR OU GAÑADORA

10. O xurado está formado por Iria Morgade (escritora e profesora), Marta Villar (escritora e xornalista), Xosé-Henrique Costas (escritor e filólogo), Luís González Tosar (escritor e presidente do PEN Clube) e Fernando Miranda Estévez (libreiro e activista cultural), xunto co gañador da pasada edición do concurso Víctor Pérez Estévez.

11. Haberá dous micro-relatos gañadores aos que corresponderán os seguintes premios:
Ao 1º premio e relato gañador faráselle entrega de 1 lote cos xogos de historia GALIZA NO TEMPO e + (máis) GALIZA NO TEMPO de OZOCOgz e 1 vale, por unha noite para dúas persoas na Casa rural Fonte dos Pumares, nas Marabillas, no concello de Cartelle (Ourense).
Ao 2º premio e relato finalista faráselle entrega de 1 camisola, 1 caderno de OZOCOgz e 1 lote de libros (doados polas editoriais Xerais e Hércules de ediciones).

12. A decisión do xurado é inapelábel e irrevogábel podendo declarar deserta a totalidade ou algún dos premios no caso de non acadar a calidade necesaria.

13. Calquera cuestión non prevista nestas bases será interpretada e resolta por OZOCOgz en calidade de organizador do concurso.

14. As autoras e autores dos micro-relatos, ao participaren no concurso, permiten a OZOCOgz a súa divulgación pública por calquera medio coñecido ou por coñecer no futuro. OZOCOgz comprométese a respectar sempre os dereitos morais de autoras e autores, nomeadamente no que respecta aos dereitos de paternidade e integridade, polo que sempre se citará a autoras e autores dos micro-relatos presentados ao concurso, e non se alterará o contido dos mesmos.
As autoras e autores, ao participaren no concurso, ceden en exclusiva a OZOCOgz, e por un período de 10 anos, os dereitos patrimoniais ou de explotación sobre as súas obras: dereito de reprodución, dereito de distribución, dereito de comunicación pública e dereito de transformación (tradución e adaptación basicamente).
Se a autora ou autor quixer publicar ou explotar economicamente a obra presentada a concurso deberá pedir autorización previa a OZOCOgz.

15. O feito de participar implica a plena aceptación destas bases ou daquelas modificacións puntuais que puidesen xurdir no transcurso do concurso.

O Carballiño, 27 de xaneiro de 2025
Eladino Cabanelas
Responsábel de OZOCOgz”

Coñécense a obra gañadora e finalista da 9ª edición do Concurso de micro-relatos OZOCOgz

“Unha vez lidos, entregada a puntuación e feita a media correspondente da totalidade dos micro-relatos presentados a concurso polos/as membros do xurado e actuando como fedatario Eladino Cabanelas, en representación de OZOCOgz, resultaron gañador e finalista os seguintes relatos:
– 1º premio para o micro-relato Filmando o tempo, presentado co pseudónimo Andreia, baixo o que se agochaba o nome Catarina Cortizas Leira.
– Finalista o micro-relato Vida, presentado co pseudónimo Mar Renteiro, baixo o que se agochaba o nome de Lito Vila Baleato.
Parabéns ás gañadoras!!!!!

NOTA: Pódense ler todos micro-relatos participantes aquí: https://ozocogz-atenda.com/i/micro-relatos-1

Coñécense os relatos gañador e finalista da 8ª edición do Concurso de micro-relatos OZOCOgz

“Xa temos relatos gañador e finalista da 8ª edición do Concurso de micro-relatos OZOCOgz.
Unha vez lidos, entregada a puntuación e feita a media correspondente da totalidade dos micro-relatos presentados a concurso polos/as membros do xurado e actuando como fedatario Eladino Cabanelas, en representación de OZOCOgz, resultaron gañador e finalista os seguintes relatos: 1º premio e gañador dun xogo de mesa Ti non es de aquí?, de OZOCOgz e dun vale, obsequio de Parrillada San Andrés do Carballiño por un Menú Nós somos de aquí! (xantar ou cea) para dúas persoas, consistente en diferentes elaboracións de polbo xunto coa especialidade da casa, o churrasco San Andrés, para o micro-relato Ela, Sonha nas Ramas do Baobab, presentado co seudónimo Addae Abara, baixo o que se agochaba o nome Cruz Martínez.
Finalista e gañadora dun agasallo de OZOCOgz e un lote de libros doado pola asociación Tangaraño Cultural, de Sobradelo (Xunqueira de Ambía), o micro-relato De Olhos Fechados, presentado co seudónimo Loaira, baixo o que se agochaba o nome de Catarina CL.
Parabéns ás gañadoras!!!”

Micro-relatos gañadores da 6ª edición do Concurso de micro-relato OZOCOgz

Desde OZOCOgz:
“Xa temos relatos gañador e finalista no VI Concurso de micro-relatos OZOCOgz.
Unha vez lidos, entregada a puntuación e feita a media correspondente da totalidade dos micro-relatos presentados a concurso polos/as membros do xurado e actuando como fedatario Eladino Cabanelas, en representación de OZOCOgz, resultaron gañador e finalista os seguintes relatos:
– 1º premio e gañador dunha camisola OZOCOgz e un vale por un xantar ou cea degustación, con produtos ecolóxicos da zona, para dúas persoas, na Taberna cultural A Arca da Noe, en Vilar de Santos – A Limia (Ourense), para o micro-relato NAS RANDEEIRAS, presentado co seudónimo MOURAZOS, baixo o que se agochaba o nome de Lucía Rodríguez.
– Finalista e gañadora dunha camisola OZOCOgz e un lote de libros doado pola Deputación de Ourense, o micro-relato A SALA, presentado co seudónimo LISA POE, baixo o que se agochaba o nome de Isabel Blanco.”

O Carballiño: presentación de Retallos daquela infancia, de Bautista Álvarez

O xoves 5 de decembro, ás 20:30 horas, no Casino do Carballiño, preséntase Retallos daquela infancia, de Bautista Álvarez, publicado por Xerais. No acto, coorganizado pola editorial e A Mesa pola Normalización Lingüística, participan, xunto ao autor, Eladino Cabanelas, César Varela e Manuel Bragado.

Ribadavia: presentación de Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez, de Carlos Callón

O venres 18 de xaneiro, ás 20:30 horas, no Pub Aljama de Ribadavia (Tras Mesóns), preséntase o libro Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez, de Carlos Callón, publicado en Xerais. No acto, xunto ao autor, participa Eladino Cabanelas, responsábel da Mesa pola Normalización Lingüística na zona do Carballiño-Ribeiro.

O Carballiño: presentación de Como defenderes os teus dereitos lingüísticos, de Carlos Callón

O venres 16 de decembro, ás 20:30 horas, na Cervexaría Eira das Flores, no Carballiño, preséntase Como defenderes os teus dereitos lingüísticos, de Carlos Callón, publicado en Xerais. No acto, coorganizado pola Mesa pola Normalización Lingüística e a colaboración da Libraría Escolma, participa, xunto ao autor, Eladio Cabanelas.